18 feb 2010

Viena branca


Estou abrindo o paquete de postais que traio da miña viaxe a Viena e xa me quero deter na primeira que aparece. Para min é un dos recantos máis fermosos da cidade: a Karlskirche. Esta igrexa barroca dedicada a San Carlos Borromeo foi construída entre 1716 e 1737 por orde do emperador Carlos VI en sinal de agradecemento polo final da peste que matou a 8.000 vieneses a comezos do século XVIII. O que máis destaca no seu aspecto exterior é a mestura de estilos: un pórtico grego sustentado sobre seis columnas corintias, dúas maxestuosas columnas ao estilo romano, unha enorme cúpula barroca e dous pabellóns laterais con evidentes influencias orientais. O artífice deste eclecticismo foi o arquitecto Johann Bernhard Fischer von Erlach, o máis destacado de toda a época barroca e favorito dos Habsburgo.
Repaso as miñas postais e en todas hai unha protagonista ineludible: a neve. Foron estes días moi fríos na capital do vello imperio. Case me resultou imposible imaxinar a vaga de calor que vivín alí no verán de 1995 xunto a meu irmán Jorge e os amigos Suso e Daniel. Volveron lembranzas daquel tempo con nostalxia e tamén da primeira visita no 93. Con vinte anos foi aquela a miña primeira saída ao estranxeiro. Como corre o tempo!


No hay comentarios: