6 ago 2013

Unha tarde na casa de Garibaldi



Ao noreste da illa de Sardeña, no esmeraldino arquipélago de La Maddalena, existe unha illa ruda e agreste chamada Caprera. Apenas habitada é o recanto ideal para quen procure un retiro plácido e repousado.

Cara alí me dirixín o 28 de xullo atravesando co coche de aluguer a fráxil e estreita pasarela que une a illa coa da Maddalena. Era unha tarde de moita calor, dunha calor da que só se podía fuxir baixo un dos numerosos piñeirais que alí hai. Nun extremo da illa atopamos a última casa do heroe italiano Giuseppe Garibaldi, o lugar onde viviu desde 1856 até o día da súa morte o 2 de xuño de 1882. Na última estancia da casa, a do leito mortuorio, o calendario e o reloxo da parede permanecen detidos aínda no día e a hora do deceso, as seis e vinte e un minutos da tarde. Garibaldi quixo morrer diante dunha ampla ventá con vistas ao mar, ollando cara a Niza que era a súa terra natal. Nunha esquina do cuarto consérvase tamén o moble onde gardaba numerosas medicinas pois era moi consciente da súa fráxil saúde e de que se atopaba nunha illa apartada que por aquel entón nin sequera tiña ponte.


A visita pola casa vai permitindo coñecer os cuartos, as camas, as roupas, os utensilios de cociña, as ferramentas dos talleres, etc. da familia Garibaldi, unha familia extensa porque o militar piamontés casou tres veces e do primeiro matrimonio tivo seis fillos. As diversas estancias da casa están adornadas con fotografías dos fillos, diplomas e agasallos.

Fóra da casa, baixando polo xardín en dirección ao mar naquela abafante tarde de xullo, aínda puiden ollar as embarcacións coas que se trasladaban a outras illas e o panteón familiar.


Garibaldi plantou moitas árbores, traballou a vide e a oliveira. Aínda se conservan á vista do público algunhas ferramentas que empregaba nestas tarefas. Tivo abundantes galiñas, ovellas, burros e cabalos. A súa querida egua Marsala está enterrada ao carón da casa. A un dos asnos púxolle o nome do papa Pío IX, un opositor á unificación de Italia. O soño de Garibaldi era fundar unha facenda agrícola moderna e autosuficiente que dera traballo ás xentes do lugar. A maioría dos habitantes da illa traballaban para Garibaldi.

Xa na saída do recinto, algúns nenos, inconscientes da relevancia do lugar, andaban enredados cunha gatiña tan negra como debe de ser a noite en Caprera. A gatiña estarricada durmía aturando a calor da media tarde pero os rapaciños teimaban en acariñala entre sorrisos e a gatiña seguía a durmir tan placidamente.

(Nas fotografías, de arriba a abaixo: A primeira vivenda de Garibaldi e familia que axiña lles resultou pequena; A árbore que plantou Garibaldi no ano 1867 polo nacemento da súa filla Clelia; A sepultura de Garibaldi.)
 

11 jul 2013

Seguindo a pista de Buzzati


Na miña última viaxe a Milán, sen dicirllo a ninguén, levaba a idea de atopar algún deses sitios que adoitaba visitar Dino Buzzati nos seus paseos pola cidade lombarda. Unha mañá camiñando cara o centro, detívenme de súpeto na esquina que forman a Via Solferino e a Via Ancona e díxenlle á miña muller: "Faime aquí unha foto, que se vexa o letreiro da rúa". Ela, que xa coñece de sobra as miñas extravagancias, arqueou as cellas mentres agarraba a cámara e tiraba desde a outra beirarrúa a foto que aquí vedes na parte dereita.

Moitos anos antes, calculo que uns cincuenta, Dino Buzzati foi fotografiado no mesmo lugar xunto á florista do Teatro della Scala. Ao fondo podemos albiscar as paredes do claustro da basílica de San Simpliciano, en pleno centro de Milán.

A vida de Buzzati transcorreu principalmente nun entramado de rúas que forman a parte noroeste do centro da cidade. A redacción do seu xornal de toda a vida, Il Corriere della Sera, onde comezou recollendo noticias da comisaría de policía, atópase na mesma Vía Solferino. O Largo La Foppa, o Corso Garibaldi e a Via Moscova forman unha L na que se desenvolveu non só grande parte da vida do autor, senón tamén varios dos seus relatos.

En España Buzzati é sobre todo coñecido pola novela El desierto de los tártaros (Il deserto dei tartari) e polo protagonista Giovanni Drogo que consume a súa vida nunha apartada fortaleza na espera de algo imposible. Sen embargo, Buzzati traballou moito máis o xénero do relato e chegou a ser un prolífico autor de contos. A editorial Acantilado editou durante os últimos anos case a totalidade da súa obra narrativa breve: Sesenta relatos (Sessanta racconti), El colombre (Il colombre) e Las noches difíciles (Le noti difficile). En total son 155 textos que nalgunhas ocasións como en Miedo en la Scala (Paura alla Scala) convírtense de feito en novelas breves.

Dentro dun número tan grande de contos hai algúns que quedan gravados na memoria e outros que precisan ser relidos de novo. Se me propoño escoller tan só seis relatos destas tres antoloxías eu elixiría os seguintes: Los siete mensajeros (I sette messaggeri), Siete pisos (Sette piani), El desplome de la Baliverna (Il crollo della Baliverna), El colombre (Il colombre), La albóndiga (La polpetta) e Directísimo (Direttissimo).

Mientras los demás se dedicaban a buscar insectos, a mí, que siempre he sido aficionado al alpinismo, se me ocurrió la idea de intentar trepar por la irregular pared: los agujeros, los bordes salientes de algunos ladrillos y viejos hierros encajados aquí y allá en las hendiduras ofrecían diferentes puntos de apoyo. No pensaba por supuesto subir hasta lo más alto. Quería hacerlo sólo por el gusto de desentumecerme, de probar mis músculos. Un deseo algo pueril, lo reconozco.

(El desplome de la Baliverna)

4 jul 2013

Maiakovski en América


Abafamos coa calor e por fin parece que chegan as tan desexadas vacacións. Anda un estes días a armar a biblioteca de verán, ese grupiño de libros disposto para ler nestas semanas de tregua, recomendacións de amigos, vellos esquecidos nos andeis da casa e algunha que outra nova adquisición como a do texto de hoxe.

O poeta ruso Vladimir Maiakovski foi probablemente a figura máis salientable das vangardas estéticas nos primeiros anos da Unión Soviética, practicamente unha icona do sistema, un revolucionario das letras e da política. Adscrito ao movemento futurista, destacou tamén como propagandista e artífice do agitprop, esa estratexia de propaganda e axitación das masas precisamente creada polos bolcheviques naquel tempo.

No ano 1925, cando Maiakovski estaba quizais na cima da súa carreira (a vertixe da caída viría despois), o poeta logrou o permiso para viaxar aos Estados Unidos, país que quería visitar desde anos atrás. Este libro relata dun xeito voluntariamente desenfiado as experiencias do autor nesa viaxe que o leva a Cuba, México (hospédase na casa do pintor Diego Rivera) e finalmente os Estados Unidos.

Maiakovski queda impactado especialmente pola cidade de Nova York, as luces de Broadway, o animado tráfico da cidade, os ascensores, o metro, as estacións... Pero despois de salientar os aspectos máis vibrantes e espectaculares da gran urbe comeza o seu discurso crítico ante as contradicións do sistema capitalista que observa como visitante privilexiado:

Puedes leer un periódico, el de tu vecino, en el idioma extranjero. También hay luz en los restaurantes y el centro teatral. Las calles y los sitios donde viven los propietarios o los que se preparan para serlo están limpios. Sin embargo, allí donde se va a descansar la mayoría de los obreros y los empleados, en los barrios pobres de judíos, negros e italianos, en la 2ª y la 3ª avenida, entre las calles 1 y 30, la suciedad supera a la de Minsk. Y la suciedad de Minsk es impresionante.
Hay cajas con todo tipo de desperdicios de las que los indigentes sacan huesos no del todo roídos y trozos comestibles. Unos charcos pestilentes de la lluvia de hoy y anteayer se enfrían sobre el asfalto.
Los papeles y la podredumbre se amontonan hasta los tobillos, y no en sentido figurado, sino de verdad.
Y eso a 15 minutos andando o cinco en coche de Broadway y la brillante Quinta Avenida.

América.
Vladimir Maiakovski.
Editorial Gallo Nero, 2011.

(A imaxe é un famoso retrato do autor realizado polo fotógrafo Alexander Rodchenko, artista polifacético fundador do construtivismo ruso.)

1 may 2013

Contra as notas

Se por min fora, xa hai tempo que se terían eliminado as malditas notas de todos os colexios do país. Mais a cousa non está na miña man. As notas non só son inútiles e absurdas, son prexudiciais e demoledoras para a educación dos nosos pequenos.
As notas son a constatación da mesquindade dos adultos, da nosa infrutuosa procura de medios máis intelixentes que axuden o alumno a aprender.
As notas son á escola o que os índices bursátiles ao sistema financeiro. Probas, probas e máis probas. Xa nunca máis nos fiamos de ninguén. Os adultos non queremos escoitar matices, tendencias, logros subxectivos que se nos van por entre os dedos, que non podemos entender nin gañas que temos de intentalo. Queremos probas, constatacións, avais, certificados, números... para así poder comparar cos fillos dos veciños e cos fillos dos cuñados, os sobriños indefensos. Iso si que nos resulta relevante. O resto é papel mollado, paxaroladas dos mestres, pedagoxías. O adulto desconfiado desconfía ata dos seus fillos.
E nese afán cuantitativo metemos os nenos sen pudor ningún. As notas convírtense na cotización trimestral dos fillos. Podemos elaborar gráficas e calcular o seu avance ao peso, medir cerebros e condicionar recompensas.

Unha pregunta iniciática

Adoito comezar a primeira aula do curso coa mesma pregunta aparentemente inocente. Para que estamos aquí: para aprobar ou para aprender? Sempre algún alumno desperto sinala o absurdo da disxuntiva. Pero non hai tal absurdo.
Do xeito que levamos traballando os mestres durante décadas é evidente que o que lle reclamamos ao alumnado é que aproben, non que aprendan. Para aprobar chega con memorizar rapidamente uns contidos para unha data determinada, a do exame, e logo esquecer coa mesma rapidez os contidos memorizados. Se a memorización foi boa, premiamos con números altos o esforzo intelectual. Aprender é outra cousa moito máis seria.
Aprender é un verbo orientado a futuro, non a pasado. Aprender, e polo tanto ensinar, ten que ser algo que encamiñe ao alumnado a ser capaz de enfrontar situacións que aínda non coñece pero que terá que superar. Aprender non é memorizar; a facer as cousas apréndese facéndoas, equivocándose mil veces e voltando a intentalo.
Nas casas os nenos están afeitos a que lles pregunten sobre as notas que obtiveron, non sobre o que aprenderon, o que agora entenden e saben facer e antes non eran capaces. Os nenos maman desde moi pequenos que hai un obstáculo chamado exame que teñen que salvar. Unha vez salvado xa dá igual aquilo. Quedou atrás.


A comida familiar

A rapazallada agarda polo Nadal coa mesma ilusión que nós cando eramos cativos. Son días nos que se sinten protagonistas, o centro de atención da familia e iso é algo que para eles resulta esencial e emocionante. E sen embargo o Nadal sempre agocha un trance para todos eles.
Manteño que as notas máis importantes (no sentido propiamente de importar) son as correspondentes ao primeiro trimestre do curso escolar, as que coinciden co Nadal. En que cea de Noiteboa ou xantar de Nadal non se lle reclama aos pequenos da casa allea a lista de notas? Ese tío simpático que cun sorriso estúpido debuxado na cara fai o papel de xefe rifador? Todos sabemos que a pregunta non vai guiada por un verdadeiro interese no desenvolvemento dos inocentes que responden. Trátase de disparar sobre obxectivo fácil as nosas liortas de adultos frustrados e resentidos.
Que dereito, fóra dos propios pais, ten ninguén a esixir boas notas a un neno diante de todos os adultos? Aceptaríamos a pregunta inversa? Que ese neno interrogado nos esixa o día de Nadal responsabilidades polo noso traballo do trimestre? Explicacións dos nosos innumerables fracasos, erros e trampas?
Ser adulto finalmente é unha coartada.
Por experiencia, alumnos altamente motivados, curiosos, educados, viven obsesionados coas cualificacións numéricas dos exames e coa absurda nomenclatura dos boletíns. Para quen son as notas? Para os adultos, claramente. O que precisan os nenos é avaliación.
Onde pon “insuficiente” o pai le suspenso, fracaso, vagancia, traizón. “Ben” non é “suficiente”. “Notable” e “sobresaliente” non nos din nada. Son termos ocos, repetidos de xeración en xeración e aí radica o seu valor. As notas é das poucas cousas que entende xente de todas as idades e condicións. É unha linguaxe inter-xeracional, o que permite establecer falsas comparacións non só entre nenos, senón tamén entre pais e nenos e mesmo entre avós e nenos. O “sobresaliente” semella así o patrón ouro, estable ao longo dos séculos. Utilizámolo como se de verdade non houbera fluctuacións no mercado.
Os que somos mestres e temos xa algunha experiencia non lle damos moito crédito a iso das notas pois sabemos que todo depende do ollo que observa e da man que o asina.

O papel que tan torpemente desempeñan as notas debería facelo a avaliación, que é cousa ben distinta a pesares das confusións. Temos unha escola que cualifica moito pero avalía pouco.

18 mar 2013

O día que topei con Dostoievski


Debeu ser alá polo ano 96 ou 97. Eu non andaba daquela moi animado. Miña nai adoitaba facer burla inocente do meu aspecto desaliñado salientando a figura de poeta arruinado. Regresar de cinco anos de universidade e con tan poucas perspectivas de futuro resultou un tanto amargo. Acompañaba a meu pai nunha de tantas viaxes á cidade do Porto na ronda habitual de livrarias, da Académica á Leitura, e dalí cara á Ribeira á Chaminé da Mota e os seus tesouros agochados baixo terra.

Coincidía eses días que había feira do libro no enorme mercado de Ferreira Borges, ese edificio que resalta pola súa cor de tella e por estar como pousado nun enorme pedestal de pedra. Alí dentro había numerosísimas mesas alongadas cheas de libros de todas as épocas e estilos, a prezos económicos. Meu pai animoume a coller algunha peza daquela inmensa exposición. Vaguei con calma por entre as mesas e ao cabo duns minutos reparei nun volume groso dunhas setecentas páxinas, encadernado cunhas tapas duras da cor das castañas, aínda que suaves ao paso dos dedos. Tratábase do terceiro tomo das obras completas de Fedor Dostoievski, impreso en Barcelos para a casa lisboeta Arcádia. O prezo, mil escudos.

Naquela altura eu nunca lera nada de Dostoievski. O nome lembrábame tan só o tempo do instituto, cando o profesor de literatura sinalara como recomendación de lectura de verán a novela Crime e castigo. Quizais porque naquel tempo de desconcerto sentía atracción polos autores malditos, aqueles xenios da pluma que levaron vidas extraordinarias, non dubidei en apañar o libro da mesa, ademais doutro moito máis breve titulado Vida de Rimbaud e no que Paul Verlaine contaba as fazañas do irredento poeta de Charleville.

Ao pouco comecei a lectura daquel tomo e elixín, entre as pezas que formaban o volume, a novela autobiográfica Recordações da Casa Morta. Aínda que Dostoievski atribúe a historia ao relato escrito por un suposto presidiario condenado por matar a muller, o certo é que nela recóllense as vivencias do propio escritor, que pasou na cadea de Omsk case cinco anos da súa vida entre 1849 e 1854.

Comecei estes días a relectura da novela nunha edición de peto, en castelán. E en canto pasei as primeiras follas viñeron estas lembranzas á memoria. Quedan aquí escritas para a posteridade, nada máis.

9 mar 2013

A traxedia de Beatrice Cenci

Como en moitas outras ocasións, foi un breve ensaio escrito por Stefan Zweig en 1925 titulado Leyenda y realidad en la figura de Beatrice Cenci (Ed. Juventud, 2004) o que espertou a miña curiosidade e me levou a pescudar sobre a historia de Beatrice (1577-1599). Para Zweig, que atribuía o suposto carácter beatífico, inocente e virxinal de Beatrice á lenda posterior, esa lenda que sempre desfigura a realidade, o interesante do seu caso era precisamente todo o contrario, é dicir, o seu apaixonamento incontrolado, a súa furia e rebeldía e, en definitiva, o impulso fatídico que a conduciu finalmente a cometer parricidio. Eses rasgos de personalidade, dunha muller firme e decidida, eran os que Zweig apreciaba e salientaba en case todas as biografías de figuras históricas que o vienés escribiu con man maxistral, de Casanova a Kleist.

Beatrice era filla do aristócrata romano Francesco Cenci, home violento e libertino que, segundo a lenda, chegou a cometer incesto. Zweig non dubidaba en establecer comparación directa con Fedor Karamazov, o antiheroe da novela de Dostoievski. Grazas ao seu poder e riqueza, Francesco elude a cadea e envía como prisioneiras a Lucrecia, que era a súa segunda muller, e a Beatrice a un castelo alonxado da cidade. Beatrice ten tan só 16 anos e alí alimenta a súa sede de vinganza contra o pai. Coa axuda de seus irmáns e da súa madrastra logran asasinar a Francesco, que tamén se recluíra no castelo convalecente de gota. O intento de envelenalo fracasou e subitamente decidiron golpealo cun martelo ata a morte quebrándolle o cranio e a gorxa.

Tentaron logo simular un falecemento fortuíto por caída e para elo chegaron a romper unha parte da balaustrada do castelo. Ninguén cre iso. As sospeitas medran cando aparece morto un dos sicarios que fora asasinado por indicación dun amigo da familia que aconsellou calar a boca a calquera que puidera contar algo.

No posterior xuízo parece evidente que tamén influíu a avaricia do Papa Clemente VIII, a quen se lle presentaba a posibilidade de confiscar as riquezas dunha familia moi próspera. O 11 de setembro de 1599, na praza do Castel Sant'Angelo, Beatrice e Lucrecia son decapitadas cunha espada. Giacomo, o irmán maior, é despezado.

Zweig relata que Beatrice, antes de morrer, decidira testar as súas pertenzas en favor dun anónimo que ben puidera ser o seu fillo, un fillo que tivera ocultado á familia. A lenda encargouse logo de convertir a Beatrice nun símbolo contra a barbarie e o abuso da aristocracia. Artistas de todas as disciplinas ficaron absorbidos pola historia de Beatrice. Este suposto retrato, atribuído a Guido Reni, conmoveu a Stendhal de tal xeito que decidiu escribir logo a novela Les Cenci (1837) e igualmente a P.B.Shelley quen ideou o drama The Cenci (1819).


14 ene 2013

O poeta do Brasil


Soñar con ceos tropicais quizais sexa unha boa maneira de fuxir destes días fríos de xaneiro que penetran no propio corpo como coiteladas invernais. E non é que a poesía de Carlos Drummond de Andrade poida ser etiquetada como tropicalista, nin moito menos. Pero é que para os galegos, o Brasil significa unha especie de terra prometida, exuberante e contada de xeito que a podemos entender.
Si que comparte Drummond de Andrade algunha característica cos tropicalistas dos anos 60: o seu desexo de renovación estética e a aposta pola modernidade. A historia da poesía, en todos os países, sempre tivo moito que ver coa ruptura do canon establecido, coa loita dos novos poetas por substituír os vellos literatos, coa reacción ante un estilo en decadencia, contra academias e sociedades. Drummond de Andrade representa para a historia da poesía brasileira iso que damos en chamar modernismo, pero mesmo a etiqueta limita moito o que realmente foi a súa obra, un paso máis alá dentro dun estilo libre. O autor sitúa o home na súa encrucillada histórica. Non é só estética, é tamén ética, e tampouco é temeridade asegurar que Drummond de Andrade foi a maior figura que aquel inmenso país deu á poesía.
Na miña última viaxe ao Porto adquirín unha antoloxía seleccionada polo propio Drummond de Andrade quen decidiu distribuír os poemas escollidos en áreas temáticas: o autor, a familia, os amigos, a provincia, o mundo, etc. A beleza dos seus textos absorbe o sentido de tal xeito que non me separo deste libro desde o feliz día en que o atopei. Que fale coa súa voz o propio Carlos, nun dos seus poemas máis cortantes pero tamén máis fermosos:


Sentimento do mundo

Tenho apenas duas mãos
e o sentimento do mundo,
mas estou cheio de escravos,
minhas lembranças escorrem
e o corpo transige
na confluência do amor.

Quando me levantar, o céu
estará morto e saqueado,
eu mesmo estarei morto,
morto meu desejo, morto
o pântano sem acordes.

Os camaradas não disseram
que havia uma guerra
e era necessário
trazer fogo e alimento.
Sinto-me disperso,
anterior a fronteiras,
humildemente vos peço
que me perdoeis.

Quando os corpos passarem,
eu ficarei sozinho
desfiando a recordação
do sineiro, da viúva e do microscopista
que habitavam a barraca
e não foram encontrados
ao amanhecer

esse amanhecer
mais noite que a noite.

15 dic 2012

O sorriso de Charles Laughton

Charles Laughton, aquel actor británico de ampla papada e sorriso burlón, faleceu en California hai hoxe xustamente cincuenta anos. Eu non podo disimular a miña fascinación por este inglés de Yorkshire, nacionalizado estadounidense doce anos antes da súa morte que desenvolveu unha excepcional carreira no cinema inglés e norteamericano. Foi un actor capaz de encarnar papeis do máis diverso e sempre dunha forma maxistral. Foi o doutor Moreau nunha das primeiras adaptacións La isla de las almas perdidas, o clásico de H.G.Wells. Foi Enrique VII no filme do británico de orixe húngara Alexander Korda. Foi Quasimodo na versión do máis clásico aínda de Victor Hugo, da man de William Dieterle. Foi aquel avogado arrogante chamado Sir Wilfrid Robarts, desobedecendo permanentemente á súa enfermeira (Elsa Lanchester, que era a súa dona na vida real), e enganado por Marlene Dietrich en Testigo de cargo, a famosa novela de Agatha Christie adaptada por Billy Wilder. Tivo tempo para facer de Graco no Espartaco de Stanley Kubrick e mesmo, na súa última película, do senador Seabright Cooley na interesante Tempestad sobre Washington, de Otto Preminger.
Pero entre todas estas actuacións maiúsculas hai unha que para min garda un certo valor sentimental. No único filme no que traballou ás ordes de Jean Renoir, Laughton representaba a un medroso mestre de escola chamado Albert Lory, atrapado no medio dun país ocupado polos nazis. A covardía e a vergonza convírtense pouco a pouco e grazas ao exemplo doutro mestre extraordinario en dignidade e valor. Todavía hoxe, a esta hora da noite, non deixo de emocionarme cando vexo a escena final desta gran película chamada Esta tierra es mía.


24 nov 2012

Chejov, outra parada na literatura rusa

Non é precisamente lendo a Chejov como un pode elevar o ánimo e ver a vida con maior placidez. Pero se un presume de certo apego á literatura rusa, se un camiña unha e outra vez por esa liña imaxinaria mil veces trazada que leva de Pushkin a Gogol, e de Gogol aos grandes novelistas Tolstoi, Dostoievski e Turgueniev, sen esquecer a Lermontov e Nekrasov, non pode obviar un nome fundamental que prolonga ese itinerario cara o século XX: Anton Chejov (1860-1904). Veño de ler unha das súas primeiras obras dramáticas, a titulada Ivanov e estreada con grande éxito de público no ano 1887. Este teatro primeiro de Chejov parécese moito ao dos contemporáneos Strindberg ou Ibsen. Que tivo o final do século XIX para amosar ese espírito decadente, gris e pesimista? 
Chejov tamén cultivou de xeito maxistral o relato curto. A súa obra é extensísima. Faleceu en Alemaña aos 44 anos de idade víctima da tuberculose merecendo ocupar un lugar sobresaínte nesa liña da literatura rusa que compartiu con Máximo Gorki (1868-1936), a outra gran figura literaria rusa do cambio de século. Ler a Chejov nestes tempos debe de ser algo así como manifestar o dereito a non resignarse.

(Na imaxe, Chejov e Gorki en Ialta no ano 1900.)

5 nov 2012

Eses libros que reaparecen

Portada do libro de Ali Mitgutsch
De cando en vez aparecen na casa dos meus pais vellos libros da miña infancia e da dos meus irmáns. A primeira sensación é de estrañeza. De onde sairía este libro? Pero abonda con abrir pola primeira páxina para que comecen a correr as lembranzas.

Sorprendentemente estes libros vellos aínda están en bo estado. Na miña casa o libro non só había que lelo, había que coidalo. Están en tan boas condicións que valen para volver usar. E iso fixen.

Nun dos últimos achados apareceron dous álbumes de ilustracións que tanto eu coma os meus irmáns recordamos moi ben. Estes grandes libros de debuxos teñen unha virtude fundamental: axudan a observar e permiten xogar e imaxinar. Ensineille o libro aos meus alumnos de dez anos e quedaron encantados pola diversidade de imaxes e polos detalles curiosos e graciosos. Un libro destes é unha ferramenta extraordinaria para comezar unha conversa en grupo, para falar de experiencias persoais e para fortalecer a súa unión e concordia.

O autor, Ali Mitgutsch, naceu en Munich en 1935 e pasou a infancia en Allgäu, na rexión alemana de Suabia ao pé dos Alpes. Estudou na Academia de Artes Gráficas de Munich e viaxou moito polo mundo. O seu primeiro libro, O sombreiro de Pepe (Pepes Hut) foi publicado en 1959. A partires daí debuxou moitos libros máis durante as décadas dos 60 e dos 70. No ano 2003 recibiu o recoñecemento da súa cidade natal. Actualmente vive nunha pequena vila de Baviera.

A obra da que vemos a portada na foto é Paseando por mi ciudad (Rundherum in meiner Stadt), o que lle valeu a Mitgutsch o Premio Nacional de Libro Xuvenil en 1969, no apartado de libros ilustrados. O paso do tempo deixou obsoletas algunhas imaxes pero en xeral todavía hoxe os nenos gozan ollando variadas escenas urbanas: a construción dunha casa, o parque recreativo, o edificio de plantas, o porto, a piscina pública, etc. O outro libro de Mitgutsch que apareceu no mesmo lote titúlase Vamos al pueblo (Bei uns im Dorf). Utilizar un e outro libro tamén me serviu para reflexionar sobre a diversidade de experiencias vitais dos meus alumnos pois algúns proceden do entorno rural e os menos do entorno urbano. As dúas obras foron publicadas en España pola editorial Juventud en maio de 1973.

25 oct 2012

Ser de dereitas

Perplexo aínda polos resultados electorais do "21-Oooh", e facéndome en silencio preguntas sobre as súas causas e razóns, acabando sempre fatigado e sen respostas, xurdiu como a propósito unha recomendación da miña prima Beatriz na páxina do Facebook. Tratábase dun breve vídeo, o extracto dunha representación teatral dunha obra de Juan Mayorga titulada Alejandro y Ana, lo que España no pudo ver del banquete de la boda de la hija del presidente.
E aquí apareceu este monólogo a darme todas as respostas precisas, unha por unha, cunha claridade extraordinaria. Desde que vin o vídeo entendo moito mellor o meu entorno e polo menos non vivo desacougado por culpa de preguntas recurrentes.


2 ago 2012

Vedi Napoli e poi muori


Teño que recoñecer que cando a miña dona propuxo Nápoles e os seus arredores como destino das ferias deste verán a miña primeira reacción foi de receo. Pesa como unha lousa sobre a cidade a imaxe de perigo, inseguridade, camorra, tráfico caótico e montes de lixo nas rúas. E aínda que todos eses estereotipos teñen moito de certo, hai outra Nápoles por descubrir que aparece por detrás desta tan sinistra. Unha Nápoles cunha enorme riqueza patrimonial, unha interesantísima historia e unha beleza natural case imposible de igualar.
Napoli é unha cidade amada e odiada ao mesmo tempo polos seus habitantes, odiosamata, como ben definiu o historiador Carlo de Frede no seu libro de memorias. E como reza o famoso dito local, vedi Napoli e poi muori.

7 jun 2012

Unha longa feira de libros


Por fin fixen realidade un propósito que tiña desde hai anos e que nunca acababa de borrar da miña lista: visitar a feira do libro de Madrid. Non estou arrepentido de ir, nin moito menos, pero os meus pés acabaron un pouco magoados despois de camiñar tanto e entre tanta xente ao longo de todo o Parque do Retiro. A feira impresiona polo número de casetas, case catrocentas, e sobre todo pola diversidade editorial. Afeito un a feiras nas que as casetas das librerías amosen sempre os mesmos libros, unha lista aburrida e gris de best-sellers dos mesmos autores, atopar espazos para todas as máis importantes editoriais españolas foi unha alegría para os ollos.

De entre esa diversidade editorial detívenme nas miñas favoritas. Acantilado, por suposto, foi parada principal onde adquirín un máis de Tolstoi e outro de Zweig para a miña colección. Alí na caseta, descoñecido para moitos estaba o editor Jaume Vallcorba observando a través das súas lentes cómo os visitantes nos parabamos a mirar os famosos libriños da banda vermella ou amarela. Tamén comprei un libro de Buzzati en Gadir e outro máis, unha antoloxía de Montaigne titulada La educación de los hijos, na editorial 27 letras.

A feira é tan inmensa que cómpre visitala en varias sesións. Hai que sortear as longas colas de asinaturas dos astros da tele e as masas que circulan máis como miróns que como interesados en mercar algún libro. A pouca sorte que teñas darás nun libro que levas tempo buscando ou nunha obra que merece a pena levar para casa.

17 may 2012

Facer andar a lingua

Hoxe é o Día das Letras Galegas, unha celebración que fai o seu 50 aniversario e que xa pasou por dictaduras peores que as que temos. Hoxe é festivo e non hai escola. Os editores do país desexan recuperar o día lectivo e laboral para darlle pulo ao libro galego esquecido nos andeis das librerías (imaxinade, libro e ademais en galego, pode haber hoxe en día criatura máis indefensa?).

Eu, quizais pola miña condición de mestre, estou tamén preocupado polos prexuízos que pesan como lousas sobre a nosa lingua milenaria. Eses preconceptos véxoos a diario entre galegofalantes de toda a vida e considero que son un obstáculo maiúsculo para a normalización da lingua, para a súa transmisión e para a súa supervivencia.

Percíbense en días como o de hoxe, a través das redes sociais, os eternos tópicos sobre a lingua galega. Por unha banda temos todos os clásicos argumentos antigalegos: lingua inventada, incomprensible, inútil, reducida, pailana, etc. Algúns políticos locais axudan a fortalecer este discurso vencellando intencionadamente lingua e nacionalismo, daí a separatista e antipatriota hai un pequeno paso. O propio presidente da Xunta pide que o galego "non separe"(?). Pois haberá que facelo andar, digo eu. Que xa vai sendo tempo.

Pero por outro lado temos milleiros de entusiastas que hoxe desexan manifestar a súa defensa da lingua, pero que o fan empregando tópicos se cadra aínda máis humillantes. Son os que enchen as súas mensaxes de polbo á feira, caldo, viño albariño e biquiños para todos. Que falan de agarimo, morriña e bolboreta. E que quizais sen sabelo e sen intención convirten unha lingua viva en obxecto de estudo da entomoloxía.

Por todo isto eu suplicaría que se vivira este día sen prexuízos, sen estereotipos gastados. Unha lingua é un vehículo de comunicación, todas as palabras son útiles. Unha lingua é ademais elemento básico dunha cultura. Respetémola de verdade, sen caer no ridículo.

8 may 2012

De paxariños exóticos


Sempre é de agradecer a chegada de novos lectores a este modesto recuncho da rede. Se ademais chegan con ánimos e parabéns, entón aínda con máis gratitude. Estas palabras van para Guadalupe, unha amiga de miña nai que vive alá nos Estados Unidos, no estado de Massachusetts para sermos máis precisos, e que tamén pasou parte da súa vida en Ourense. Thank you!

Gustáronme moito as apreciacións léxicas de Guadalupe sobre algún vocabulario do blog e en especial sobre o título dese filme tan marabilloso que é To Kill A Mockingbird. Como ela moi ben indica, a tradución da palabra mockingbird por rouxinol, aínda que extendida, non é correcta pois ese paxaro é propio de América e non se dá no noso continente. O mockingbird, de to mock, que significa finxir ou simular, caracterízase pola súa capacidade de imitación dos sons que producen outros paxaros e mesmo outros animais.

Nunca fun chamado polos camiños da ornitoloxía pero confeso que ten algo de fascinante. Ás veces fico tempo contemplando os merlos que andan revolvendo entre as pedras diante da miña ventá ou observo os corvos sobrevoando os piñeiros e as pegas pousándose nas leiras. Cos meus alumnos publico de cando en vez un boletín escolar que leva por título A Bubela,  e que en inglés soaría moi diferente: The Hoopoe.

Rememorando paxaros e tempos pasados veu o recordo doutra ave exótica. Nun daqueles textos para traducir que nos presentaban nas probas de oposición aos que pretendiamos dedicar a nosa vida a isto do ensino, apareceu unha vez o nome dun paxaro descoñecido para min: o fantail. Tratábase dun fragmento da saga dos Forsyte do Premio Nobel de 1932 John Galsworthy.  O propio nome do paxaro xa indica moito da súa apariencia pois fan significa abano e tail, cola. Este paxaro de cola en forma de abano é propio do sur de Asia e de Oceanía. Cando bota a voar pódese contemplar esa cola tan característica e chamativa.


Hai xa catro anos, cando se lle dedicou o Día das Letras Galegas a Xosé María Álvarez Blázquez, escribín un post sobre a súa afección polos paxaros e polas frecuentes referencias nos seus poemas a todas as aves propias de Galicia. Quizais é bo momento de volvelo ler: Álvarez Blázquez, ornitólogo.

(Na imaxe superior, un mockingbird. Abaixo un fantail coa súa fermosa cola.)

16 mar 2012

Durou cen anos


Un dos amigos aos que máis aprecio, lector ocasional desta bitácora e imprescindible compañeiro de fatigas, foi rotundo hai uns días nunha das conversas que adoitamos ter co fin de alonxar os nosos demos persoais. “David, isto durou cen anos”. E acabouse o conto. Referíase o meu amigo ao oficio de mestre tal e como o entendimos até agora, e xunto con elo o papel desenvolvido pola escola pública desde o seu nacemento.
Non temos quizais a perspectiva histórica para definir con xustiza o tempo que nos tocou vivir, pero si que comparto co meu amigo esa sensación de ser epígonos moi tardíos dos grandes educadores, de estar a piques de ver os títulos de crédito diante dos nosos ollos algo apagados, de que nos toca a nós baixar as persianas do chiringo, pechar as portas e tirar a chave ao mar.
A escola pública foi a concreción histórica da ansia de ilustración, da liberación individual e colectiva do pobo por medio do coñecemento e a alfabetización. Foi un miliario na loita contra a ignorancia e a miseria. Uns poucos homes europeos, sabios de salón, alumearon a magnífica idea dunha escola pública mantida con fondos do estado e dirixida a todos os nenos e nenas do país, mesmo libre e laica nalgúns lugares. Houbo obstáculos enormes, pero a idea tiña tanta forza que non foi posible abortala. Os nenos eran unha man de obra moi valiosa para o capital. Eran áxiles e hábiles, aprendían moito e gañaban pouco. Na escola non eran de proveito para a gran maquinaria do mundo, que só entende de números escritos en billetes.
Hoxe o mestre non é a eminencia da aldea, nin sequera unha persoa respetable ou apreciada. Hoxe é unha muller que mal atende os rapaces mentres os pais traballan, que trata de que saiban disimular un pouco a súa ignorancia sen desentoar coa da familia e que se é posible logra telos vixiados para que non se manquen antes da hora de xantar. É a persoa que temos máis a man para culpala das propias miserias, frustracións e desesperos. O seu criterio non vale nada. Os nenos, para aprender, xa teñen a televisión e os ordenadores, que saben moito máis que calquera profesor das quintas vellas ou que calquera rapaciña moderna chegada da capital.
Nin sequera o neno é o neno de antes. Hoxe pasa máis horas fóra da casa que meu avó cando traballaba arranxando os camiños e as estradas de Lalín a Dozón. O seu tempo libre está programado nas axendas dos papás en liñas ben rectas e con tempos marcados. A televisión por satélite aloumiña os nenos e acóugaos durante as 24 horas do día. Cando non, as consolas consolan aos pais, armados con baterías extra e colección de xogos aberrantes.
Perdeuse a felicidade na escola, o sorriso san do neno querido nese amor natural de pan, queixo e conto pola noite. Os nenos botan en falta algo que non saben explicar con palabras pois aínda non agromaron nas súas cabezas. Pero agromarán. Os mestres sentimos a mágoa ferinte que eles só nos amosan co seu mirar. “E quen é o pai deste neno? Non o coñecemos, nunca veu por aquí”.

(Na imaxe, rapaces traballando nunha planta de procesado de carbón en Pennsylvania, no ano 1911.)

11 feb 2012

No café

Erguinme hoxe a media mañá e como a gorxa irritada e unha lixeira dor de cabeza non me daban acougo, non aturei na cama máis que o tempo necesario. O sábado adoito saír á rúa a mercar a prensa e vou logo ao café a ler os xornais con calma, mentres almorzo. Hoxe a prensa ven con moito peso, non físico senón mental. Os asuntos da semana son de fondo calado; non me engano se digo que presaxian un futuro aínda máis negro có sábado pasado onde os problemas eran causados pola neve. A neve derrétese, o outro non.

Pensando nestas cousas por veces delirantes non fun capaz de evitar a conversa da mesa da dereita. Unha rapaza que aparentaba ter uns vinte tantos falaba con dous amigos de idade semellante sobre un tema de alta política: as enrugas de María Teresa Fernández de la Vega. Pensei para min: "aí temos a xente que sabe o que é relevante, os alicerces do país, as bases, os fundamentos".

Mentres escoitaba sen querer, ou querendo, que todo pode ser, deparei nos titulares sobre a reforma laboral, os 20 días de indemnización, os EREs sen autorización administrativa, etc. pero axiña pasei a páxina e din co nariz nun tema que me toca máis de cerca: o abandono escolar. O 60 por cento dos parados non ten o certificado da ESO e a Unión Europea está preocupada polas nosas taxas. España nunca chegou á media europea en inversión educativa. Cada parágrafo era unha estocada no meu ánimo.

Erguín os ollos do xornal e diante de min, noutra mesa, un panorama recurrente. Papá e mamá lendo a prensa que os amables donos do café poñen á disposición dos clientes. Mentres tanto, o fillo, duns nove anos, atarefado coa consola, apoiado sobre o respaldo da cadeira cos pés enriba do asento. O fillo non deixaba de mirar fixamente á pantalla aínda que eu fiquei ollando para el durante os segundos necesarios como para que un adulto se sentira incómodo. El, autómata.

Nos meus tempos (sinto medo cando xa me saen estas frases) se os meus pais me levaban ao café a ler a prensa raro era o día que non caía nas miñas mans un Pulgarcito, unha revista de fútbol ou un libro de Kasperle. A lectura era comunitaria, compartida; non servía para illarnos da familia senón para todo o contrario. No tempo que pasei no café o neno de nove anos non cruzou unha soa palabra cos seus pais.
Voltei de novo ás paxinas do xornal mentres apuraba o que quedaba do café, algo morno xa. Noutra mesa, pegada á ventá, pareceume advertir a unha ex-alumna miña de hai oito anos, xa moza ela. Falaba riseira cunha amiga. Preferín non mirala, apartei a vista, collín os xornais, paguei a consumición e saín á rúa cun certo aire de pesimismo que alimenta cada día a miña misantropía.

3 feb 2012

Emilio

Teño nas mans a edición de peto dun dos máis importantes clásicos da pedagoxía moderna, o Emilio de Jean Jacques Rousseau. A pesares das contradicións e do moito que se lle pode censurar, aínda hoxe en día esta obra garda un valor fundamental para os educadores de todo o mundo. Nela constátase por primeira vez que o neno é un ser en si mesmo, é dicir, non un adulto empobrecido e incapaz senón alguén moi diferente, con características propias e singulares. Por iso xa no prefacio Rousseau fai unha severa critica: "Los más sabios se aplican a lo que importa saber a los hombres, sin considerar lo que los niños están en condiciones de aprender. Buscan siempre al hombre en el niño, sin pensar en lo que es antes de ser hombre". Logo aconsella: "Comenzad pues por estudiar mejor a vuestros alumnos; porque a buen seguro no los conocéis."

O Emilio está escrito á maneira dun manual, unha especie de guía educativa chea de referencias filosóficas, fisiolóxicas, relixiosas e morais. Dividido en cinco libros, o seu esquema segue o da vida dun neno desde o nacemento até a idade adulta. Para os mestres do ensino infantil e primario é o segundo dos libros ao que máis interese prestamos posto que alí Rousseau trata da educación dos nenos de 2 a 12 anos, que son cos que convivimos nas nosas aulas. Tamén os pais poderían extraer ensinanzas moi valiosas dun libro do que fai este ano o 250 aniversario da súa publicación:

"¿Sabéis cuál es el medio más seguro para hacer miserable a vuestro hijo? Acostumbrarlo a obtener todo; porque, al crecer de modo incesante sus deseos por la facilidad de satisfacerlos, antes o después la impotencia os obligará, a pesar vuestro, a llegar a la negativa, y esa negativa insólita lo atormentará más que la privación misma de lo que desea. Primero querrá el bastón que tenéis; pronto querrá vuestro reloj; luego querrá el pájaro que vuela; querrá la estrella que ve brillar, querrá todo lo que vea; a menos de ser Dios ¿cómo lo contentaréis?"

(A imaxe mostra o gravado que serviu de portada do segundo libro na edición orixinal do Emilio, a do ano 1762. Vemos o centauro Quirón adestrando o neno Aquiles. Non sorprende a elección do tema mitolóxico pois Rousseau dedicou parte importante deste capítulo á educación física e sensorial.)

30 dic 2011

O Panthéon de París


Agora que o tempo e as obrigas conceden unha pequena tregua, entretéñome ás veces revisando fotografías recentes e libros pendentes de lectura. Deparei nesta e lembro que me levou varios minutos atopar o axuste axeitado do tempo de exposición para lograr captar con nitidez a maxestuosidade do monumento no medio da paisaxe nocturna. Trátase, ben o sabe todo o mundo, do Panthéon de París, o lugar onde repousan os restos dos máis distinguidos franceses de todos os tempos.

A nómina é ben longa pero sempre saltamos os numerosos condes, duques e marqueses para chegar axiña aos nomes e apelidos que figuran nos libros de historia, nos manuais de literatura ou nos máis importantes tratados científicos e filosóficos diso que damos en chamar cultura occidental.

Repousan aquí os restos dos enormes pensadores Voltaire e Rousseau, de escritores como Hugo, Zola e desde hai nove anos Alexandre Dumas pai. Tamén teñen aquí o seu lugar figuras políticas como Carnot, Gambetta, Jaurès, Painlevé, Moulin e Malraux; científicos como Pierre e Marie Curie, Braille e Monge. O mesmo arquitecto do Panthéon, Jacques-Germain Soufflot, tamén está soterrado no seu interior.

Os últimos restos depositados foron no pasado mes de abril os do político e escritor da Martinica Aimé Césaire, un dos fundadores do movemento literario da negritude que mantivo ao longo da súa vida un tenaz rexeitamento do colonialismo e polo que chegou a ter algún desencontro con Nicolas Sarkozy nos últimos anos da súa vida.

26 dic 2011

As guerras non son gloriosas


Tiña un especial interese en visionar este film alemán do ano 1930 posto que foi esta unha das primeiras producións sonoras que se exhibiron no Teatro Principal de Ourense. Westfront 1918, titulada en España Cuatro de infantería seguindo de xeito literal o subtítulo Vier von der Infanterie, foi dirixida por Georg Wilhelm Pabst, un dos máis destacados directores da cinematografía xermana ao que lle debemos títulos como La caja de Pandora, La ópera de los tres centavos e Don Quijote.

O filme é marcadamente antibelicista pero non transmite ningunha mensaxe política máis alá do recoñecemento fraternal entre un soldado francés e outro alemán, os dous agonizantes, nos momentos finais do mesmo e un título final que semella unha advertencia. É máis ben unha mostra contundente da atrocidade e sinsentido da guerra e das devastadoras consecuencias da mesma na moral dun pobo e dun país. O inimigo está ausente e non hai aspiracións patrióticas na realización. Non hai heroes, non hai supervivintes.
Os nazis prohibiron máis tarde a súa exhibición pois consideraban que este tipo de películas fomentaban o "derrotismo covarde" entre os alemáns.
Chaman a atención as escenas filmadas nas trincheiras, que ocupan a maior parte da película. Pabst non renunciou a amosar o máis duro da guerra, o afundimento dos túneles, a man dun dos protagonistas sobresaíndo do fango pedindo socorro, os mutilados, os cegos, o desengano doutro dos soldados cando de permiso descobre o adulterio da súa muller esfameada, etc. É maxistral o uso do son, especialmente o dos bombardeos, disparos e berros dos oficiais, combinado con longos planos de silencio en hábil contraste.
Ollando estas terribles imaxes das trincheiras da Primeira Guerra Mundial non podo evitar lembrar aquel emotivo poema de Wilfred Owen, o poeta británico falecido na Batalla do Sambre xusto unha semana antes do Armisticio, na que denunciaba a falsidade do verso de Horacio que glorificaba morrer polo ben da patria. As guerras non teñen nada de glorioso.

If in some smothering dreams you too could pace
Behind the wagon that we flung him in,
And watch the white eyes writhing in his face,
His hanging face, like a devil's sick of sin;
If you could hear, at every jolt, the blood
Come gargling from the froth-corrupted lungs,
Obscene as cancer, bitter as the cud
Of vile, incurable sores on innocent tongues,–
My friend, you would not tell with such high zest
To children ardent for some desperate glory,
The old Lie: Dulce et decorum est
Pro patria mori.

(Si tú también pudieras, en tus sueños,
caminar tras el carro adonde lo arrojamos
y ver cómo sus ojos se marchitan,
ver su rostro caído, como un demonio hastiado;
si pudieras oír con cada sacudida
cómo sale la sangre de su pulmón enfermo,
obscena como el cáncer, amarga como el vómito
de incurables heridas en lenguas inocentes,
amigo, no dirías entusiasta
a los muchachos sedientos de una ansiosa gloria
esa vieja mentira: Dulce et decorum est
pro patria mori.)