17 feb 2009

Sofá, manta e libro


Dous meses levo sen conexión a Internet e sen modificar o meu blog; todo desde que me mudei á miña nova vivenda na que aínda non hai posibilidade de engancharse á rede. Por outro lado comprei un novo e cómodo sofá e teño máis tempo para ler polas tardes. Nas últimas semanas teño lido a Epopea de Gilgamesh, unha marabilla da Antigüidade; unha interesante obra divulgativa sobre os templarios da autora Barbara Frale e actualmente estou a ler a biografía de Mariano José de Larra recén publicada pola Editorial Aguilar. Este ano 2009 está cargado de efemérides e celebracións coma o Ano da Astronomía ou o bicentenario de Edgar Allan Poe e do mesmo Larra. Benvidas sexan se serven para dar a coñecer novas publicacións e lograr novos adeptos.

Larra é unha figura senlleira do xornalismo en España da primeira metade do século XIX. Ler os seus artigos fai que un aprecie o valor deste oficio. Gardan toda a actualidade porque atacan vicios e inxustizas que hoxe seguen a se producir. E, dalgunha maneira, un comparte tamén co autor certas actitudes coma o fondo e desesperanzado escepticismo e unha leve misantropía.