7 jun 2012

Unha longa feira de libros


Por fin fixen realidade un propósito que tiña desde hai anos e que nunca acababa de borrar da miña lista: visitar a feira do libro de Madrid. Non estou arrepentido de ir, nin moito menos, pero os meus pés acabaron un pouco magoados despois de camiñar tanto e entre tanta xente ao longo de todo o Parque do Retiro. A feira impresiona polo número de casetas, case catrocentas, e sobre todo pola diversidade editorial. Afeito un a feiras nas que as casetas das librerías amosen sempre os mesmos libros, unha lista aburrida e gris de best-sellers dos mesmos autores, atopar espazos para todas as máis importantes editoriais españolas foi unha alegría para os ollos.

De entre esa diversidade editorial detívenme nas miñas favoritas. Acantilado, por suposto, foi parada principal onde adquirín un máis de Tolstoi e outro de Zweig para a miña colección. Alí na caseta, descoñecido para moitos estaba o editor Jaume Vallcorba observando a través das súas lentes cómo os visitantes nos parabamos a mirar os famosos libriños da banda vermella ou amarela. Tamén comprei un libro de Buzzati en Gadir e outro máis, unha antoloxía de Montaigne titulada La educación de los hijos, na editorial 27 letras.

A feira é tan inmensa que cómpre visitala en varias sesións. Hai que sortear as longas colas de asinaturas dos astros da tele e as masas que circulan máis como miróns que como interesados en mercar algún libro. A pouca sorte que teñas darás nun libro que levas tempo buscando ou nunha obra que merece a pena levar para casa.