Lendo e escoitando certas cousas un comeza xa case a pensar que os mestres somos os novos magos Houdini do século XXI. Hai cinco anos, cando empecei esta desagradecida tarefa de ensinar, descoñecía por completo os superpoderes máxicos que a sociedade actual asegura que posuímos. Confeso: eu aínda non atopei a miña variña máxica pero supoño que será por falta de vocación ou aptitude, ou as dúas cousas, que todo pode ser.É que xa vai sendo excesivo isto de responsabilizar ás escolas e aos mestres de todos os males do mundo. Se nos decatamos cada certo tempo da continua sangría dos máis novos nas estradas é porque na escola non se fai fincapé na educación vial, se os nenos enchen o bandullo de bolos industriais cheos de graxas animais é porque na escola non se fala o suficiente da boa nutrición, se os adolescentes entran inxenuamente no mundo das drogas é porque lles falta información e os profesores non saben tratalos. E así poderíamos seguir con cen casos máis.
Resulta cando menos triste ollar como esta sociedade e tamén moitas familias se desentenden por completo de asuntos tan importantes. Asusta a facilidade con que se atopa resposta para todo sen pensar en nada. Queridos mestres, se segue habendo obesidade infantil, drogadición e acidentes nas estradas sabede que é porque non traballades o suficiente, porque o resto do mundo está moi ocupado en cousas máis importantes. Quizais é que aínda non atopastes a maldita variña máxica que eu ando a buscar.
No hay comentarios:
Publicar un comentario