29 ago 2007

Un lugar sen memoria


Jack Kerouac recopilou os seus soños no libro Book of Dreams (1961). Eu non me podo comparar con el e con esa maneira tan fluída de contar as cousas pero esta noite tiven un soño do máis estrano. Vivía eu feliz na mexicana illa de Cozumel nunha fermosa casa con vistas ao mar. Sopraba unha suave brisa caribeña e todo era paz e tranquilidade.

Este soño trouxo logo á miña memoria unha escena dun filme que eu estimo moito: Cadea perpetua (The Shawshank Redemption, 1994). Andy Dufresne (Tim Robbins), o protagonista, despois de fuxir habilmente do cárcere por un longo túnel excavado con paciencia infinita durante moitos anos, decide emprender unha nova vida nun pequeno pobo mexicano bañado polo Pacífico, Zihuatanejo. Desde alí escríbelle ao seu amigo Red (Morgan Freeman) para invitalo a que vaia vivir con el.

Andy: Sabes o que din os mexicanos sobre o Pacífico?
Red: Non.
Andy: Din que non ten memoria. Aí é onde quero vivir o resto da miña vida. Un lugar cálido sen memoria.
(Na imaxe un dos últimos planos do filme de Frank Darabont)

No hay comentarios: