Do cinema antigo é máis o que se perdeu que o que se conserva. O que coñecemos, por tanto, é tan só a punta dun grande iceberg. Por iso é fantástico ler noticias coma a publicada o pasado venres. A finais de agosto a Filmoteca de Cataluña descubriu nos seus arquivos catro filmes breves do cineasta francés Georges Méliès (1861-1938). Levaban cen anos gardados nunha caixa. Trátase de copias para exhibir íntegras e orixinais: Evocation spirite (1899), La pyramide de Triboulet (1899), L'artiste et le mannequin (1900) e Éruptio volcanique à la Martinique (1902). Os filmes restaurados han ser proxectados o próximo día 4 na inauguración do Festival de Cinema de Sitges.
Georges Méliès ocupa un lugar máis que destacado na historia do cinema. Foi el o primeiro en comprender que o cinematógrafo dos irmáns Lumière podería servir para algo máis que para tomar vistas de cidades e desfiles militares. Despois de ficar abraiado na primeira sesión pública do novo invento en decembro de 1895 desexou mercar un aparato para incorporalo ao seu espectáculo do Teatro Robert-Houdin, o templo parisino da prestidixitación. Pero o pai dos Lumière negouse. Méliès non se resignou e acabou adquirindo un aparello inglés moi similar.
Entón fundou a súa produtora, Star Films, e abriu o seu estudo cinematográfico en Montreuil. Moi pronto comezou a introducir trucos teatrais nas filmacións sendo sen dúbida o seu favorito o da desaparición mediante a interrupción da toma e a modificación da escena.
O cinema fantástico naceu da súa man. Tivo un grande éxito comercial durante un tempo, mesmo nos Estados Unidos. Pero rematou arruinado e a cargo dunha pequena tenda de xoguetes na estación parisina de Montparnasse. O seu filme máis coñecido é Voyage dans la lune (1902) e o fotograma do obús impactando no ollo da lúa é unha das máis recoñecidas iconas da historia da sétima arte.
1 comentario:
Deixáronche felicitacións nas "uvas da solaina"
Publicar un comentario