26 abr 2007

Da guerra incivil


Setenta anos pasaron desde aquel 26 de abril de 1937, daquela vergonza, da, se cadra, acción máis incivil de toda a guerra incivil. O pobo de Guernica (Gernika) ficou destruído case nas súas tres cuartas partes e morreron moitas persoas, ignoramos cántas. Non, non foi un experimento dos alemáns. Agora sabemos que foi unha decisión consciente dos sublevados. Barbaridades coma o bombardeo de Guernica fixéronse logo cruelmente habituais durante a Segunda Guerra Mundial. Triste honor.

A obra mestra de Pablo Picasso, como as de Goya cen anos antes, non só representa esta masacre senón o horror que provocan todas as guerras. Por iso é universal.

Hai dez anos visitei Gernika, a fermosa vila biscaína, e tamén ollei de cerca o vello carballo centenario, símbolo do carácter rexo daquel pobo.

25 abr 2007

Caneos no estadio


Decembro. 1953. Estadio do Couto. De novo un equipo da Primeira División visita Ourense para enfrontarse ao equipo local, o Club Deportivo Orense, que ocupaba xa o lugar da desaparecida Unión Deportiva Orensana. Esta vez o invitado era o Valencia Club de Fútbol, que nesta altura xa tiña tres campionatos de liga e dúas copas nas súas vitrinas, todas conseguidas nos anos 40. Luis Casanova era o presidente da entidade levantina e o entrenador naquel momento era o mítico Jacinto Quincoces.

Pero naquel Valencia da temporada 1953-1954 quen máis destacaba e a quen máis desexaban ollar os futboleiros ourensáns era a un habilidoso dianteiro holandés chamado Faas Wilkes. Os directivos valencianistas quedaran abraiados pola súa calidade o verán anterior nun partido amistoso xogado contra o Torino, equipo no que militaba o holandés despois de ter xogado no Inter, e decidíronse a fichalo.

Na súa primeira temporada coa camiseta branca Wilkes anotou 18 goles. O Valencia acabaría proclamándose campión da Copa del Generalísimo de 1954 aínda que Wilkes non puido xogar porque daquela os xogadores estranxeiros non podían participar nesta competición.

A súa carreira no Valencia truncouse ao serlle diagnosticada a enfermidade do bocio e aínda máis debido a unha lesión posterior por culpa das duras marcas a que era sometido. Wilkes chegou ao fútbol español na mesma época que Di Stefano e Kubala e nos primeiros tempos foi tan popular ou máis ca eles.

Faas Wilkes morreu en agosto de 2006 aos 82 anos de idade e marcou un fito histórico no fútbol holandés antes da aparición de figuras de renome coma Cruyff, Neskens ou Van Basten.


"La atención de los aficionados estaba fijada en el holandés Wilkes. Este, sin esforzarse, dejó constancia de su clase realmente extraordinaria. No entra nunca a la disputa de una pelota, pero cuando la tiene en su poder se convierte en un auténtico malabarista con su preciso y matemático regate, su juego intuitivo, su velocidad, su gran sentido de la colocación y su capacidad perforadora con ambos pies y con la cabeza. En todos los tantos que se marcaron ayer tuvo intervención directa, siendo autor material de cuatro de ellos."


La Región, 9 de decembro de 1953.

14 abr 2007

A historia do meu bisavó (VII)


Permitídeme aproveitar unha data tan sinalada coma a de hoxe para falar unha vez máis do meu bisavó, a quen non coñecín pero do que teño averiguado moitas cousas nos últimos anos. E ven ao caso falar hoxe de don Pegerto Nóvoa porque foi el un grande defensor dos valores republicanos. E afortunadamente, con orgullo, conservamos probas delo.

En novembro de 1931, é dicir, xa durante a Segunda República, Pegerto publicou un interesante artigo no diario La Zarpa, o famoso xornal republicano fundado por Basilio Álvarez e dirixido entre outros por Roberto Blanco Torres. Nese artigo, Pegerto, ademais de informar sobre a actualidade social e cultural do seu concello de orixe, amosaba ben ás claras as súas máis profundas conviccións ideolóxicas, a súa aposta polo ensino laico e pola xustiza social, o seu desprezo polos caciques e por toda forma de submisión ou fanatismo relixioso:


"DESDE COLES
Por la instrucción popular

Procedentes de la Habana se hallan entre nosotros los ex presidentes de la sociedad de instrucción "Progreso de Coles", fundada en la Habana, señores Quintas, Moure y López, destacados miembros de dicha sociedad cultural. Estos filántropos, hijos de Coles, merecen de todos el concepto de verdaderos patriotas, pues según demuestran fueron los tres presidentes, que dentro el periodo de cada uno se destacaron en el desempeño de sus cargos, poniendo todos sus esfuerzos en mejorar el plantel de enseñanzas que la sociedad "Progreso de Coles" viene sosteniendo en Vilarchao, desde hace más de una veintena de años, con carácter plenamente laico.
Es de admirar la labor de esta importante colectividad, que iniciándose en el año 1906, dentro del municipio de Coles, se fundó con el nombre de "Comité defensor de los intereses de los hijos de Coles", cuyo iniciador fue don Ramón Varela, hijo predilecto de este municipio, que supo con su maestría inculcar en el ánimo de los colenses el concepto social.
Notoria es sin duda la lucha incesante que esta agrupación tuvo que sostener contra un buen número de caciques que siempre hubo en este municipio, opuestos de una manera tenaz contra las pretensiones de defensa que este Comité emprendía. Como se trataba de defender los propios y legítimos derechos, burlados desde muchos años atrás no pudo este Comité, a pesar de sus esfuerzos, continuar sus propósitos, por las dificultades que en su marcha opusieron los caciques de entonces, y a dura fuerza tuvo que sucumbir. A pesar de ello, el ánimo de los colenses no decayó y seguidamente organizaron una Sociedad intitulada "Agricultores de Coles", cuyo reglamento fué aprobado por las autoridades, procediendo los asociados con sus esfuerzos a la construcción de un edificio social, que por tratarse de una obra importante, no pudieron terminar, auxiliándoles una sociedad que con carácter de protectora se fundó en la Habana en el año 1909 desde cuya fecha pensó, en asamblea magna, celebrada con la asistencia de un buen número de hijos de Coles, fundar en definitiva una Sociedad de carácter educativo bajo el nombre de "Sociedad de Instrucción: Progreso de Coles", y con sus recursos sostener y terminar el edificio que por falta de recursos no lo habían terminado. Y desde 1909 hasta la fecha viene funcionando un plantel de enseñanza de carácter laico, sostenido por esta Sociedad. Es algo sobresaliente que en aquellos años pudiéramos crear una escuela laica en un pueblo aldeano donde más impera la religión y el fanatismo acompañados de la acción caciquil, que a fuerza de sacrificio nos hemos impuesto.
Conocidas las circunstancias económicas por las que hoy atraviesa Cuba, se ven en la imposibilidad los allá asociados de satisfacer las cuotas para el sostenimiento del plantel susodicho; por tal motivo encarecemos la cooperación del señor inspector jefe de Primera Enseñanza de esta provincia, con el fin de evitar una suspensión de clases de este centro, en el cual reciben instrucción más de un centenar de niños de ambos sexos, procedentes de siete parroquias, a cuyo fin vienen comisionados los señores expresidentes antes citados, para solicitar de las autoridades a que corresponda los medios necesarios que subvencionen este centro cultural.
PEJERTO NOVOA. Coles, noviembre de 1931."

La Zarpa. 7 de novembro de 1931.


Na fotografía tomada no estudo de Schreck (so tiñan que cruzar a rúa para chegar alí desde o Bar Restaurant Universal) vemos, de esquerda a dereita: Alfredo (meu avó), Pegerto, Gumersinda (a miña bisavoa) e Pegerto fillo (o meu tío avó).

13 abr 2007

Simon & Garfunkel: Old friends


Hai xa 50 anos que Paul Simon e Art Garfunkel comezaron a súa carreira musical cando tan so eran uns animados rapaces do instituto Forest Hills de Nova Iork. Naquel tempo adolescente deron en chamarse Tom and Jerry pero algúns anos máis tarde decidiron utilizar os seus propios nomes por moi xudeus que sonaran e por pouco habitual que fose exhibir dese xeito a súa orixe e a súa relixión. Consideraban vergonzoso que Bob Dylan renunciase ao seu nome orixinal, Robert Zimmerman, para tratar de resultar máis comercial.

Non podo ocultar a miña admiración por este dúo. Levo escoitando as súas cancións desde moi neno. Aínda lembro con nostalxia aquel vello cassette que andaba pola miña casa cos seus grandes éxitos publicado a inicios dos anos 70.

Voltei a escoitalos moito nos meus últimos anos de instituto e desde entón considérome un fanático da súa música. Cincuenta anos de música son moitos anos pero agradecido estou de que os vellos amigos sigan a inventar novas cancións e que de cando en vez volten a reunirse para facer disfrutar ao numeroso público que vai aos seus concertos.

4 abr 2007

A pipa de Magritte


Hai días escribín sobre un dos asuntos que máis debates provocou entre os expertos en arte durante todo o século XX, o da representación pictórica coma abstracción da realidade. A opinión de Risco era diáfana. Para el toda representación era unha abstracción da realidade e non a realidade mesma. Podemos discutir o maior ou menor grao de figuración dunha imaxe, é dicir, o seu parecido co elemento real pero semella evidente que cando queremos reproducir ese elemento real necesitamos facer uso de certos mecanismos que convirten a imaxe en abstracción subxectiva do que estamos a ollar.

Un dos máis famosos pintores surrealistas, o belga René Magritte (1898-1967), amosou con certa ironía esta idea da representación artística no seu famoso cadro da pipa. Isto non é unha pipa, pois claro que non.