27 may 2009

A vida das abellas


Visitei onte xunto os meus alumnos o centro Apípolis, situado a poucos quilómetros de Pontevedra, na parroquia de Santo André de Xeve.


—Profe, que significa apípolis?

—A cidade das abellas.


Os nenos de Baión puideron observar abraiados as colmeas cheas de abellas coa súa raíña no medio delas, a forma hexagonal das celas tan axeitada para a súa vida, o pole pegado ás patas cando voltan do seu paseo polos prados darredor. Tamén fixeron con moita ilusión galletas de mel que levaron para a casa e aprenderon unha chea de cousas sobre a Apis mellífica.

Pero non era disto do que quería eu falar. O asunto das abellas levoume un pouco máis lonxe nas miñas habituais extravagancias, no sentido literal do termo. Primeiro, conduciume ao belga Maurice Maeterlinck (1862-1949), o Premio Nobel de Literatura do 1911 e autor ademais do famoso ensaio A vida das abellas. Non é este un tratado de apicultura aínda que proporciona moitas curiosidades e desfai mitos. É máis ben un conxunto de reflexións filosóficas sobre o misterio da súa organización social.


"En verdad, cada una de esas pequeñas bayas casi inmóviles trabaja sin descanso y ejerce un oficio diferente. Ninguna de ellas conoce el reposo, y las que, por ejemplo, parecen las más dormidas y penden de los cristales en racimos muertos tienen la tarea más misteriosa y más cansada; ésas forman y segregan la cera."


Existe un libro fabuloso titulado The Sacred Bee in Ancient Times, da autora Hilda Ransome, publicado orixinalmente en 1937, que vai relatando a relevante presencia da abella nas culturas da Antigüidade, desde Exipto á India. Conta a lenda que o poeta grego Píndaro ficou adurmiñado pola calor do mediodía nunha viaxe a Tespias. Mentres durmía, as abellas derramaron mel nos seus beizos e iso marcou o seu nacemento como cantor. Por elo nas odas de Píndaro abundan as referencias ás "musas do mel".


O doce aroma do mel transportoume logo a un sitio máis noso: Cartelle, Ourense. Alí naceu o cineasta Carlos Velo (1909-1988). Estudou Bioloxía en Madrid e licenciouse en Ciencias Naturais en 1932. Neses mesmos anos participou nos primeiros cine-clubes que se fundaron na capital e comezou a deixarse querer pola realización cinematográfica e as vangardas artísticas. As súas paixóns foron o cinema e a entomoloxía, E conseguiu unilas ao filmar a vida das abellas cunha cámara Kodak de 16 milímetros e un microcospio. Foi a súa primeira práctica de cine que titulou Aventura de los Ápidos Apis.
(Na imaxe, O descobrimento do mel, do pintor renacentista Piero di Cosimo.)

1 comentario:

José Paz dijo...

Levar as crianças de excursom é uma estupenda estratégia didáctica. Igual que faziam grandes pedagogos como Giner e Cossio na ILE e Freinet na sua escola e os mestres da República.
Um abraço,
O teu pai José Paz