23 nov 2009

A nosa historia facémola nós

Resoa ultimamente na miña cabeza o lema que tan acertadamente cantou Xurxo Souto ao límpido ceo de Compostela o pasado 18 de outubro: "A nosa historia facémola nós". O drama do noso país é que sempre foron os outros os que nos definiron, os que nos etiquetaron, os que escribiron a nosa historia ao seu xeito, os que nos situaron nun caixón pechado, os que botaron por riba de nós unha chea de prexuízos que logo nos obrigaron a aceptar e que moitos galegos aceptaron, os que fixeron a súa fotografía, ríxida, triste e baleira, e que non queren aínda que ninguén se lles mova para non facer da imaxe unha borrosa sombra. Mais iso é o que resultou. Teñen de nós un clixé, unha visión deformada, unha caricatura do que somos. E por suposto non están dispostos a aceptar ningún cambio. Todo ten que lles encaixar na súa concepción subordinada do noso mundo.
O dicionario da RAE aínda contempla a acepción de "tonto" e "tartamudo" para a palabra "gallego". Eles definen o que somos e o que significamos.
A actualidade dos últimos días levounos por historias e personaxes que viñeron lembrar unha vez máis este feito doloroso. Unha arribista chegou a Coruña hai semanas para lembrarnos aos galegos o carácter pexorativo do propio termo que nos define. Eles veñen e eles dinnos o que somos e o que deberiamos ser.
Un xuiz madrileño tamén se sentiu lexitimado para opinar sobre a (in)utilidade da nosa lingua e as catastróficas consecuencias producidas pola súa aprendizaxe (contra toda evidencia). Eles xulgan e sentencian.
Nun programa de televisión un grupo de rapazas pandereteiras foi desprezado porque a súa música "só vale para festas e romerías" (como se iso non fose valioso). A actuación seguinte dun grupo folclórico andaluz foi recibida con vivas e olés. O contraste foi clamoroso. Eles dinnos o lugar que nos corresponde e para que (pouco) vale a nosa cultura.
Desde o centro semella que todos sinten ter autoridade para sinalarnos e poñernos unha marca, con soberbia, con altivez, con sorriso de menosprezo, con "socarronería".
Xa vai chegando o tempo de que lles digamos a todos estes xuíces do alleo que a nosa historia facémola nós. Que nos valemos por nós mesmos, que subimos cando subimos e baixamos cando baixamos, que temos a forza e a determinación para decidir o que somos e o que queremos ser. Non credes que temos que cambiar xa a sintaxe da nosa existencia? Sen subordinacións, esixindo respeto e facéndonos valer.

2 comentarios:

Rass dijo...

Espero que teñas a ben disculpar a miña osadia, o utilizar datos do teu blog, pero pensei que podria ser do teu agrado.
Saúdos
OurensenoT

David Paz Nóvoa dijo...

Estou encantado de poder ser de utilidade para o teu magnífico blog que tanta xente sigue desde hai tempo (incluída a miña nai, neta de Pegerto).
Do meu bisavó queda algunha cousa por contar de antes da guerra. Despois viñeron tempos de silenciamento.
Por certo, a fotografía que publicas hoxe (como tantas outras) paréceme moi interesante.

Unha aperta.