10 nov 2010

Diesterweg e a escola primaria (I)


Por azar, como suceden tantas cousas na vida, deparei hai días nun texto do ano 1828 que me permitiu descubrir a interesante figura do educador alemán Friedrich Adolph Wilhelm Diesterweg (1790-1866). Liberal e progresista, fillo da Revolución Francesa e polo tanto contemporáneo de Kant, Goethe, Schiller, von Humboldt e Pestalozzi –de quen ademais foi seguidor– Diesterweg foi autor de milleiros de páxinas dedicadas á escola primaria e á formación profesional dos docentes e firme defensor dun ensino democrático que tivera tamén en conta os problemas sociais da clase traballadora, nun tempo en que o desenvolvemento do capitalismo industrial xa amosaba a súa faciana máis inxusta e cruel nas fábricas da súa Westfalia natal.

O profesor Karl-Heinz Günther, un dos maiores expertos na obra de Diesterweg e da historia da educación naquel país, publicou nunha revista da Unesco un fenomenal artigo sobre o seu pensamento que serve de resumo das súas ideas e que merece a pena ler.

Diesterweg dedicou vintesete anos da súa vida a formar docentes para a escola primaria chegando a ser director da escola de maxisterio de Berlín até o ano 1847 en que foi destituído polas autoridades prusianas. Os motivos, como sinala Günther, foron políticos. Só hai que adentrarse un pouco nas súas ideas sobre o ensino primario para comprender o rexeitamento que sofreu por parte das clases dominantes.

Despois do impulso que experimentou a educación en Alemaña nos primeiros anos do século XIX, bebendo especialmente das fontes de Rousseau e Pestalozzi, a supremacía prusiana sobre o territorio alemán establecida a partires de 1815 comanda un movemento contrario que se fai fortemente reaccionario despois das revolucións populares do ano 1848. Diesterweg foi acusado polos seus "escritos subversivos" e por ter aberto a cuestión da separación entre a igrexa e a escola. Tachárono ademais de socialista e comunista, sen base algunha. Para a nobreza no poder, encarnada na figura do rei Federico Guillermo IV, a educación era un asunto moi perigoso, a culpable dos levantamentos populares. As regulacións de 1854 procuraron limitar o programa do ensino primario para convertilo nun pobre adestramento de cálculo, lectura e escritura orientado a formar traballadores máis ca persoas, reducíronse os salarios dos mestres e o clero pasou a ser a institución que controlaba o ensino. Eis un exemplo máis da difícil relación entre poder absoluto e ensino humanista e democrático.


No hay comentarios: