24 nov 2012

Chejov, outra parada na literatura rusa

Non é precisamente lendo a Chejov como un pode elevar o ánimo e ver a vida con maior placidez. Pero se un presume de certo apego á literatura rusa, se un camiña unha e outra vez por esa liña imaxinaria mil veces trazada que leva de Pushkin a Gogol, e de Gogol aos grandes novelistas Tolstoi, Dostoievski e Turgueniev, sen esquecer a Lermontov e Nekrasov, non pode obviar un nome fundamental que prolonga ese itinerario cara o século XX: Anton Chejov (1860-1904). Veño de ler unha das súas primeiras obras dramáticas, a titulada Ivanov e estreada con grande éxito de público no ano 1887. Este teatro primeiro de Chejov parécese moito ao dos contemporáneos Strindberg ou Ibsen. Que tivo o final do século XIX para amosar ese espírito decadente, gris e pesimista? 
Chejov tamén cultivou de xeito maxistral o relato curto. A súa obra é extensísima. Faleceu en Alemaña aos 44 anos de idade víctima da tuberculose merecendo ocupar un lugar sobresaínte nesa liña da literatura rusa que compartiu con Máximo Gorki (1868-1936), a outra gran figura literaria rusa do cambio de século. Ler a Chejov nestes tempos debe de ser algo así como manifestar o dereito a non resignarse.

(Na imaxe, Chejov e Gorki en Ialta no ano 1900.)

1 comentario:

detective crepuscular dijo...

Que cousa mais curiosa. Onte mesmo pasei pola FNAC, púxenme a furgar nos estantes e un dos libros que "catei" foi unha selección dos mellores contos de Chejov publicado nunha edición de peto. Por alí andaba tamén o dos CONTOS IMPRESCINDÍBEIS de Chejov seleccionados por Richard Ford, outro novelista e contista brillante, que ten algo publicado en galego, se non lembro mal. Boteille unha ollada e afinal non o acabei comprando porque os contos seleccionados parecéronme mais ou menos os de sempre. Eu teño aqueles exemplares de Aguilar en formato pequeno e tapas grosas onde veñen unha chea de contos. Nun deles ven aquela pequena novela, A SALA NÚMERO 6. Hai ben tempo que non lles botaba unha ollada.