9 mar 2013

A traxedia de Beatrice Cenci

Como en moitas outras ocasións, foi un breve ensaio escrito por Stefan Zweig en 1925 titulado Leyenda y realidad en la figura de Beatrice Cenci (Ed. Juventud, 2004) o que espertou a miña curiosidade e me levou a pescudar sobre a historia de Beatrice (1577-1599). Para Zweig, que atribuía o suposto carácter beatífico, inocente e virxinal de Beatrice á lenda posterior, esa lenda que sempre desfigura a realidade, o interesante do seu caso era precisamente todo o contrario, é dicir, o seu apaixonamento incontrolado, a súa furia e rebeldía e, en definitiva, o impulso fatídico que a conduciu finalmente a cometer parricidio. Eses rasgos de personalidade, dunha muller firme e decidida, eran os que Zweig apreciaba e salientaba en case todas as biografías de figuras históricas que o vienés escribiu con man maxistral, de Casanova a Kleist.

Beatrice era filla do aristócrata romano Francesco Cenci, home violento e libertino que, segundo a lenda, chegou a cometer incesto. Zweig non dubidaba en establecer comparación directa con Fedor Karamazov, o antiheroe da novela de Dostoievski. Grazas ao seu poder e riqueza, Francesco elude a cadea e envía como prisioneiras a Lucrecia, que era a súa segunda muller, e a Beatrice a un castelo alonxado da cidade. Beatrice ten tan só 16 anos e alí alimenta a súa sede de vinganza contra o pai. Coa axuda de seus irmáns e da súa madrastra logran asasinar a Francesco, que tamén se recluíra no castelo convalecente de gota. O intento de envelenalo fracasou e subitamente decidiron golpealo cun martelo ata a morte quebrándolle o cranio e a gorxa.

Tentaron logo simular un falecemento fortuíto por caída e para elo chegaron a romper unha parte da balaustrada do castelo. Ninguén cre iso. As sospeitas medran cando aparece morto un dos sicarios que fora asasinado por indicación dun amigo da familia que aconsellou calar a boca a calquera que puidera contar algo.

No posterior xuízo parece evidente que tamén influíu a avaricia do Papa Clemente VIII, a quen se lle presentaba a posibilidade de confiscar as riquezas dunha familia moi próspera. O 11 de setembro de 1599, na praza do Castel Sant'Angelo, Beatrice e Lucrecia son decapitadas cunha espada. Giacomo, o irmán maior, é despezado.

Zweig relata que Beatrice, antes de morrer, decidira testar as súas pertenzas en favor dun anónimo que ben puidera ser o seu fillo, un fillo que tivera ocultado á familia. A lenda encargouse logo de convertir a Beatrice nun símbolo contra a barbarie e o abuso da aristocracia. Artistas de todas as disciplinas ficaron absorbidos pola historia de Beatrice. Este suposto retrato, atribuído a Guido Reni, conmoveu a Stendhal de tal xeito que decidiu escribir logo a novela Les Cenci (1837) e igualmente a P.B.Shelley quen ideou o drama The Cenci (1819).


No hay comentarios: