29 sept 2010

Teseo o miserable


Teseo foi un miserable, un canalla e un cínico. Falto de escrúpulos, non dubidou en deixar abandonada na illa de Naxos á muller que lle entregou o corazón e que o rescatou do labirinto do Minotauro con aquel oportunísimo nobelo, polo que Ícaro daría a vida. Dalí, cando ela durmía, fuxiu coa súa irmá pequena Fedra cara a Atenas onde viría ser rei despois da morte tráxica do seu pai Exeo. Merecería desde logo un bolero dedicado de Paquita la del barrio, cun particular “¿Me estás oyendo, inútil? culebra ponzoñosa”.

Para entender as razóns de Teseo cómpre ler o relato de André Gide, unha sorte de autobiografía heroica que aínda así non convence. Teseo reclama a súa liberdade e independencia como bandeira irrenunciable. O fío é aquí a metáfora do que nos mantén ligados a unha herdanza e a unha responsabilidade persoal e colectiva. Sentimos todos a tentación de rachar con vínculos e trabas, con eses lazos que ás veces semellan cadeas de ferro e que atenazan o sentido.

Ariadna obrigou a Teseo a xurarlle amor e fidelidade despois do fío:

–Lo has prometido

No había prometido nada en absoluto, pues no ansío nada tanto como la libertad. No me debo sino a mí mismo.


Este verán seguín os pasos que levan a Cnosos, o mítico lugar do palacio de Minos, situado entre árbores cheas de cigarras, berce da primeira civilización europea. Quedan as trazas do que debeu ser un labirinto e a etimoloxía di máis do que se ve. A labrys ou dobre machada cretense atopada en cantidade na reconstrución do palacio é probablemente a orixe da palabra labirinto. A liña difusa entre historia e lenda é aquí máis difusa ca nunca. Ollando cara estas columnas e estas pedras un sábese perdido e non distingue qué parte é a da lenda e qué parte é a da historia.


(Arriba, unha fotografía tomada durante a visita ao palacio de Cnosos)

9 jul 2010

Bendita Babel


A colección de ensaios de Stefan Zweig que leva o significativo título de El legado de Europa (Acantilado, 2003) –libro póstumo que editou e titulou o seu amigo Richard Friedenthal– remata cun texto breve pero intenso e emotivo. O mito bíblico da torre de Babel tense empregado con insistencia para considerar a diversidade lingüística e cultural como unha maldición ancestral salientando sempre a súa cara negativa. Mais Zweig, en plena gran guerra, levanta a súa voz e escribe este artigo orixinalmente en francés –a lingua do inimigo–. Un chamamento á irmandade entre os países:

"Algunos hombres audaces pusieron los cimientos, visitaron reinos ajenos llevando su mensaje y, poco a poco, los pueblos se hicieron amigos, aprendieron unos de otros, intercambiaron conocimientos, valores y metales y, progresivamente, descubrieron que la diferencia de lenguas no tenía por qué significar un alejamiento, ni las fronteras, un abismo entre ellos. Sus sabios reconocieron que la ciencia aislada de un pueblo no podría por sí sola comprender la infinitud, y pronto los ilustrados cayeron en la cuenta de que el intercambio de conocimientos aceleraba el progreso común; los poetas tradujeron las palabras de los hermanos a las suyas propias y la música, la única de las artes que estaba libre de la estrecha atadura de la lengua, inspiró por igual los sentimientos de todos. Los hombres amaron más la vida desde que supieron que era posible una unidad más allá de la lengua, y hasta dieron gracias a Dios por lo que les había impuesto como castigo; le dieron gracias porque, con la pluralidad que les había impartido, les había dado la posibilidad de gozar del mundo de muchas maneras y de amar con conciencia más firme la propia unidad en medio de las diferencias."


Zweig foi un dos máis grandes europeístas de todos os tempos e sen embargo, nesta época na que o europeísmo ten tan boa prensa, non xurde o seu nome coa frecuencia que eu penso que merece.

(Na imaxe, A Torre de Babel, de Pieter Brueghel sobre a edición en castelán da colección de ensaios de Zweig)

15 may 2010

A noite (I)


Que terá a noite de máxico e misterioso para suxerir na nosa mente pensamentos completamente imposibles de expresar con palabras?

A noite é pródiga en soños irrealizables, proxectos quiméricos, decisións definitivas. A noite pode ser quente coma a voz calma e aloumiñada dos contos vellos da avoa, e pode ser fría coma o feble latexar do moribundo. Pode ser viva e apaixonada coma o amor recén saboreado ou calma e tranquila coma a contemplación plácida das estrelas.

Na Valencia de finais do XVI un grupo de nobres literatos fundou a Academia dos Nocturnos. Xuntábanse na casa dun deles cada solpor para compartiren poesías atrevidas empregando seudónimos tan fermosos como Silencio, Sombra, Miedo, Sueño, Sosiego, Tinieblas, Horror, Tristeza, Soledad...

A noite ten milleiros de ingredientes. A literatura non se entende sen a noite, sen as mil e unha historias de Scherezade, sen os Nocturnos de Hoffmann, sen a noiteboa do 36 de Larra e as noites lúgubres de Cadalso, sen o soño da noite de verán de Shakespeare, os relatos de Poe, os poemas de Young, os himnos de Novalis, os paseos baixo a lúa de Thoreau, a noite escura da alma de San Juan de la Cruz, o voo heroico no inmenso ceo negro de Saint-Exupéry, a triste figura do Quixote facendo penitencia nocturna en Sierra Morena, os soños fantasmais na Comala de Pedro Páramo, a noite de esmorga do Milhomes e o Bocas... Non ten fin. Raro é o autor que non se sentira algunha vez inspirado pola noite. Dicía Goethe que a noite era a metade da vida e a mellor metade.

A música, eterna creadora de sentimentos sen necesidade de palabras, deunos a Pequena Serenata de Mozart, a Sonata do claro de lúa de Beethoven e os Nocturnos de Chopin, Fauré, Scriabin, Satie, Debussy, Mendelsshon e Shostakovich. A noite é un universo misterioso.


(A noite estrelada de Vincent Van Gogh.)


30 mar 2010

Ao final do andel


Sempre é moi doado atopar os libros de Stefan Zweig nos andeis das librerías. Abonda con situarse fronte aos estantes e buscar a esquiniña máis á dereita xa pegada ao chan, un pouco despois das novelas de Zola. Alí, ao final de todo, condenadas pola orde alfabética, agardan por unha man desexosa as pequenas noveliñas de Zweig, as súas biografías e os seus libros de memorias. Despois de Zweig o alfabeto fica orfo.
O que xa non é tan doado para os curtos de vista e pouco áxiles coma min é axeonllarse para chegar tan abaixo e poder ver qué pequenas xoias hai gardadas naquela cela recóndita, como se de colmea doce e rica se tratara. Tiras dun e saen todos, queres recollelos e colocalos outra vez. Logo daste conta de que os volumes están numerados e sintes, por un momento, o peso da culpabilidade, do torpe que osou revolver aquela sagrada orde cosmonumérica.
Sen embargo, por moi torpe que un poida ser, merece a pena intentalo e probar dese vello mel centro-europeo. Unha das súas mellores novelas curtas relata a vida dun home para quen só existen os libros. O mundo redúcese ás mesas de mármore do seu café vienés. Lector incansable de memoria prodixiosa, devorador de catálogos, orientador bibliográfico... Jakob Mendel, o libreiro de Galitzia, é un home que non sabe nada de patrias, nin pasaportes —unha insensatez en tempos de interrogatorios, deportacións e campos de exterminio—. Buchmendel é unha peza maxistral, minúscula e inapreciable naquel recanto invisible da librería pero unha xoia que emociona a todos os que tamén amamos os libros.

"Solitario como un astrónomo que en su observatorio contempla cada noche, por la diminuta abertura de su telescopio, las miríadas de estrellas, sus misteriosas evoluciones, su cambiante confusión, cómo desaparecen y vuelven a encenderse, Jakob Mendel miraba a través de sus gafas y desde aquella mesa cuadrada ese otro universo de los libros, que asimismo gira eternamente y renace transformado, aquel mundo sobre nuestro mundo."

Stefan Zweig: Mendel, el de los libros.


18 mar 2010

Un burato no peito


Intenteino pero finalmente non me puiden resistir á marea e sentín a necesidade de escribir sobre o dichoso decreto, ese parto dos elefantes que xa parece que vai dar en criatura estraña, cando menos.
Pódese estar de acordo ou non co reparto horario do 50-50 entre galego e castelán aínda que un segue a pensar que tratar igual ao desigual é a mellor maneira de manter a desigualdade. Polo tanto non podo evitar pensar que esa é a intención que agochan os que promocionan e defenden este decreto. O galego tardou case mil anos en converterse en lingua oficial no seu propio territorio. Ollamos con envexa como a nosa lingua "florescia en Portugal". O castelán leva xa máis de cinco séculos establecido como lingua oficial do Estado —"instrumento del imperio" dicía Nebrija. Pola contra, o galego penetrou na educación hai menos de trinta anos e en todo este tempo houbo un amplo consenso sobre a necesidade de protexer e mimar unha lingua maltratada pola historia. Todas as xeracións teñen e terán dereito a ser ensinadas tamén na lingua propia de Galicia, cooficial xunto ao castelán, por moitos prexuízos e odios que os seus proxenitores poidan manter aínda. É triste, pero hoxe unha campaña como a que a principios dos oitenta animaba a falarlle galego aos fillos desde pequenos sería posiblemente denominada de imposición polos que gobernan.
Púxenme a escribir estas liñas coa intención de ir máis alá de porcentaxes e repartos. Na miña opinión, o que realmente desacredita ao decreto e aos seus autores intelectuais, que descoñecendo o seu nome teremos que entender que asina o propio Anxo Lorenzo, é a total nulidade desde o punto de vista pedagóxico e práctico.
O decreto tal como se anunciou ten trampa, véselle o cartón desde lonxe: equilibrio no reparto e logo todos, menos os profesores, poden usar a lingua que lles pete para falar, escribir, responder os exames e mesmo no libro de texto que leven á aula. Ou sexa, repartimos os naipes a partes iguais e logo ti xa os cambias polos que queiras. É unha rara maneira de fomentar a aprendizaxe das linguas oficiais. Ten moito máis de demagóxico que de efectivo. Se un se instala nunha lingua e non fai esforzo ningún por aprender a outra de que valen as grandilocuencias do bilingüismo?

E en todo isto onde queda a figura do mestre? Como é posible que nun decreto sobre educación non se teña para nada en conta o seu traballo, a súa experiencia, a súa realidade diaria na aula? Un dos máis coñecidos opinadores da prensa galega falaba o outro día da paisaxe despois da batalla. Pois ben, eu, como mestre de primaria, véxome no medio do campo, tirado e cunha ferida no peito. Deslizouse a idea de que somos impositores aos que lles hai que marcar uns límites, cando día tras día o que facemos e ir á escola a tratar de ensinar o afecto a todas as linguas, o aprecio pola natureza, o amor polos libros, o respeto e a tolerancia; arrancamos un sorriso dos beizos dos nenos para que entendan sen palabras que cremos neles e que, ao noso xeito, tamén os queremos.



Les parfums ne font pas frissonner sa narine;
Il dort dans le soleil, la main sur sa poitrine,
Tranquille. Il a deux trous rouges au côté droit.

(Os perfumes non lle fan tremer o nariz;
Tranquilo, durme ao sol, a man sobre o peito,
hai dous buratos vermellos no seu costado dereito.)

Arthur Rimbaud: Le dormeur du val, 1870.


5 mar 2010

Zweig en Vigo


Regreso a Stefan Zweig posto que nun fragmento das súas memorias (Die Welt von Gestern) fai unha interesantísima lembranza do seu paso fugaz por Vigo no verán fatídico de 1936. O escritor austríaco viaxaba por primeira vez a América do Sur para participar nun congreso do PEN Club Internacional ao que fora invitado. Recollo unha cita parcial da edición de Acantilado:

"En aquel verano de 1936 había estallado la guerra civil española, la cual, vista superficialmente, sólo era una disensión interna en el seno de ese bello y trágico país, pero que, en realidad, era ya una maniobra preparada por las dos potencias ideológicas con vistas a su futuro choque. Había salido yo de Southampton en un barco inglés con la idea de que el vapor evitaría la primera escala, en Vigo, para eludir la zona en conflicto. Sin embargo, y para mi sorpresa, entramos en ese puerto e incluso se nos permitió a los pasajeros bajar a tierra durante unas horas. Vigo se encontraba entonces en poder de los franquistas y lejos del escenario de la guerra propiamente dicha. No obstante, en aquellas pocas horas pude ver cosas que me dieron motivos justificados para reflexiones abrumadoras. Delante del ayuntamiento, donde ondeaba la bandera de Franco, estaban de pie y formados en fila unos jóvenes, en su mayoría guiados por curas y vestidos con sus ropas campesinas, traídos seguramente de los pueblos vecinos. De momento no comprendí para qué los querían. ¿Eran obreros reclutados para un servicio de urgencia? ¿Eran parados a los que allí daban de comer? Pero al cabo de un cuarto de hora, los vi salir del ayuntamiento completamente transformados. Llevaban uniformes nuevos y relucientes, fusiles y bayonetas; bajo la vigilancia de unos oficiales fueron cargados en automóviles igualmente nuevos y relucientes y salieron como un rayo de la ciudad. Me estremecí. ¿Dónde lo había visto antes? ¡Primero en Italia y luego en Alemania! Tanto en un lugar como en otro habían aparecido de repente estos uniformes nuevos e inmaculados, los flamantes automóviles y las ametralladoras. Y una vez más pregunté: ¿quién proporciona y paga esos uniformes nuevos? ¿Quién organiza a esos pobres jóvenes anémicos? ¿Quién los empujaba a luchar contra el poder establecido, contra el parlamento elegido, contra los representantes legítimos de su propio pueblo?"

Stefan Zweig: El mundo de ayer

(Arriba, fotografía tomada por Ruth Matilda Anderson en 1924 desde o Hotel Moderno de Vigo.)

1 mar 2010

A traxedia de Zweig


Resulta imposible nin tan sequera esbozar neste breve espazo a figura de Stefan Zweig (1881-1942). Sen temor a incorrer en grandilocuencia, pódese afirmar que se trata dun dos máis importantes escritores do convulso século XX europeo.

Coma todos os grandes artistas, Zweig escápasenos entre os dedos cando pretendemos definilo. Foi un narrador exquisito e querido polo público, un dramaturgo comprometido co maldito tempo que lle tocou vivir, un pacifista convencido, ameno biógrafo, extraordinario coleccionista de partituras autografadas, viaxeiro infatigable, etc.

Cheguei a Zweig, coma moitos outros, pola vía das súas famosísimas biografías: Balzac, Dickens, Magallanes, María Estuardo, Fouché, Erasmo, Tolstoi, Montaigne... E de entre todas elas a do meu querido Dostoievski. Pasei logo a interesarme polas súas narracións, especialmente por Mendel, o dos libros (Buchmendel) e Novela de xadrez (Schachnovelle).

Na miña recente viaxe a Viena deixeime guiar por Zweig e polo seu libro de memorias, que leva por título O mundo de onte (Die Welt von Gestern): un marabilloso percorrido de cincocentas páxinas pola Viena da súa xuventude, polas desgrazas de dúas guerras mundiais e un terrible exilio desde o que Zweig ollaba unha Europa que se derrubaba de xeito irremediable. Busquei a súa casa natal na avenida que rodea o centro histórico da cidade e alí atopei unha fría placa de mármore que lembra o nacemento do gran autor vienés.

A vida de Zweig tivo un final tráxico. O seu corpo e o da súa muller apareceron sen vida na cama da súa casa brasileira de Petrópolis o 22 de febreiro de 1942 cunha nota de suicidio na que facía unha defensa da liberdade que nunca abandonou.

As súas obras, editadas por Juventud desde os anos 50, enchen os andeis das librerías de libro antigo e de ocasión mentres a editorial Acantilado ven reeditando en castelán toda a súa obra desde hai dez anos. En galego só me consta a Novela de xadrez editada por Ir Indo no ano 2004.





















(Arriba, fotografía tirada o pasado 14 de febreiro no número 14 do Schottenring. Abaixo, portada dunha edición da biografía de Dostoievski do ano 1959 e portada da reedición de El mundo de ayer, Acantilado, do 2009.)


24 feb 2010

Todo o mundo sabe


Vivimos desde hai tempo nunha sorte de ficción compartida por políticos e grande parte da sociedade segundo a cal de ensino todo o mundo sabe e todas as opinións sobre educación son igualmente válidas.

Froito desta filosofía inconsistente, que iguala o científico co concursante de gran hermano, algúns asistimos atónitos aos discursos populistas do goberno que pretende deixar nas mans dos pais decisións fundamentais acerca do currículo, dos medios para adquirir competencias e das vías para lograr os obxectivos establecidos en documentos que a inmensa maioría deles descoñece, entre outras cousas porque non teñen obriga ningunha de coñecelos. Iso corresponde a outros.

Honestamente, é tarefa dos pais decidir hoxe a lingua en que se imparte unha materia? E mañá que tocará decidir? Que parte de responsabilidade se lles pode esixir logo aos pais se non se alcanzan os obxectivos marcados? Ou serán aínda coma sempre os mestres, destituídos das súas funcións, os sinalados como culpables? Podemos levar este criterio absurdo a outros eidos da sociedade coma a sanidade, a xustiza ou mesmo as remuneracións dos nosos políticos? Que é o que se pode e non se pode decidir?

A organización dunha sociedade moderna aséntase sobre alicerces que deben ser firmes. Cada peza exerce a función na que é competente e asume unha responsabilidade de cara os demais. A educación é un servizo público garantido pola Constitución. Os mestres reciben unha formación inicial que actualizan e perfeccionan a diario nas aulas e nos claustros, nas bibliotecas e nas salas de usos múltiples. A experiencia lograda non pode ser infravalorada. O máis importante das escolas son as persoas que alí pasan grande parte da súa vida: os nenos e os mestres. Non se pode seguir humillando a quen se encarga da educación formal das futuras xeracións.

Estes discursos populistas poderán achegar moitos votos aos seus impulsores pero convirten os currículos educativos en papel mollado. Auguro que pasada esta euforia demagóxica serán co tempo os propios pais os que requiran que as cousas volten ao seu rego e que sexan os expertos, aos que se supón formados e preparados para a función que desempeñan e que sostemos todos cos nosos impostos, os que asuman a responsabilidade encomendada e tomen as decisións axeitadas para acadar os obxectivos que o sistema se propón, entre eles o da competencia nas dúas linguas oficiais (Decreto curricular 130/2007, art. 3.e.).

22 feb 2010

A Casa Loos


Hoxe pasa desapercibido pero no seu tempo causou grandísima sensación entre os vieneses. Refírome ao edificio da sastrería Goldman & Salatsch (1909-1911), obra do arquitecto austríaco Adolf Loos (1870-1933). Este edificio (o do centro da fotografía) é hoxe a sede do Raiffeisenbank e ocupa un dos laterais da centriquísima Michaelerplatz.

Loos foi un precursor do racionalismo arquitectónico. Seguidor do norteamericano Louis Sullivan, defendeu con ensaios e conferencias a súa idea dun funcionalismo radical que rexeitaba calquera tipo de ornamentación. Escribiu un influínte artigo en 1908 titulado "Ornamento e delito". O adorno era para Loos un elemento inmoral que en moi pouco tempo xa quedaba obsoleto. Relacionábao ademais coas tatuaxes dos pobos salvaxes de Papúa e aportaba unha lista de argumentacións contra o seu uso. Na súa concepción da arquitectura as superficies debían ser lisas e simples. A ausencia de ornamentación era para Loos signo de fortaleza espiritual.

O edificio, coñecido como Casa Loos, rompe co seu entorno de maneira moi evidente. Destaca entre as fachadas de corte historicista que a rodean. As ventás non teñen elementos decorativos. Supón, en suma, un impacto visual que, segundo se conta, facía que o vello emperador Francisco Xosé I, xa nos últimos anos da súa vida, mandara sempre correr as cortinas do inmediato palacio imperial para non ollar semellante insulto ao bo gusto.

En Viena pódese seguir o rastro das obras de Loos en vivendas, bares e cafés. O Museo de Viena, fabulosa mostra da historia da cidade, contén unha reprodución exacta do apartamento de Loos. Unha innovadora distribución dos espazos con diferentes alturas en función da utilidade de cada peza (o que chamou Raumplan) é o sinal que identifica o seu estilo e o seu principal legado aos arquitectos da posguerra.

Adolf Loos pertenceu aos círculos artísticos vieneses de principios do século XX. Tivo amizade con Ludwig Wittgenstein, Arnold Schoenberg, Karl Kraus e Peter Altenberg. Fundou revistas como Das Andere (O Outro) e unha escola de arquitectura. Foi arquitecto do concello de Viena, posto que cedo abandonou por diverxencias cos planeamentos urbanos.

19 feb 2010

O ferreiriño abelleiro de Schönbrunn


Cando xa estaba a piques de saír do inmenso parque de Schönbrunn cuberto dun groso manto de neve, alí onde o emperador de Austria tiña o seu palacio de verán, escoitei tras de min un canto feble e agarimoso:

—Tui, tui, tui.

Xirei a cabeza e albisquei un paxariño pousado na póla dunha árbore. As súas plumas verdeais resaltaban no fondo branco da neve e por impulso de cazador de imaxes quixen tirarlle unha foto. Escapóuseme unha, dúas, tres veces. Retou a miña paciencia como a sabendas. Pero cando finalmente descendeu da árbore e pousou as patas na neve aí se me presentou a oportunidade que estaba agardando, e clic. Non saiu unha instantánea moi xeitosa pero polo menos pódese ver o paxariño.

Tratábase dun ferreiriño abelleiro, da familia dos páridos. O ferreiriño abelleiro é predominantemente insectívoro. Prefire comer desde as pólas máis baixas das árbores, perto do tronco, pero con frecuencia procura a comida no chan. Vive en zonas de bosque de toda Europa e pode chegar a ser moi confiado comendo mesmo da man dunha persoa.

18 feb 2010

Viena branca


Estou abrindo o paquete de postais que traio da miña viaxe a Viena e xa me quero deter na primeira que aparece. Para min é un dos recantos máis fermosos da cidade: a Karlskirche. Esta igrexa barroca dedicada a San Carlos Borromeo foi construída entre 1716 e 1737 por orde do emperador Carlos VI en sinal de agradecemento polo final da peste que matou a 8.000 vieneses a comezos do século XVIII. O que máis destaca no seu aspecto exterior é a mestura de estilos: un pórtico grego sustentado sobre seis columnas corintias, dúas maxestuosas columnas ao estilo romano, unha enorme cúpula barroca e dous pabellóns laterais con evidentes influencias orientais. O artífice deste eclecticismo foi o arquitecto Johann Bernhard Fischer von Erlach, o máis destacado de toda a época barroca e favorito dos Habsburgo.
Repaso as miñas postais e en todas hai unha protagonista ineludible: a neve. Foron estes días moi fríos na capital do vello imperio. Case me resultou imposible imaxinar a vaga de calor que vivín alí no verán de 1995 xunto a meu irmán Jorge e os amigos Suso e Daniel. Volveron lembranzas daquel tempo con nostalxia e tamén da primeira visita no 93. Con vinte anos foi aquela a miña primeira saída ao estranxeiro. Como corre o tempo!


6 feb 2010

Un tren de sombras


Sempre que se recorda a primeira exhibición pública do Cinematógrafo Lumière no Grand Café de París a tarde do 28 de decembro de 1895 semella imposible evitar o tópico segundo o cal os espectadores alí reunidos, ao ver na pantalla a chegada dun tren na súa mesma dirección, presos dun pánico irreprimible, deixaron precipitadamente as súas cadeiras e fuxiron entre berros da sala de proxección. Nada diso sucedeu. En primeiro lugar porque nesa primeira proxección non se incluiu o filme "L'Arrivée d'un train à La Ciotat". E ademais non hai referencias xornalísticas que o confirmen.
Como acertadamente sinalou o profesor norteamericano Tom Gunning nun artigo publicado en 1989 co título An Aesthetic of Astonishment: Early Film and The (In)credulous Spectator, a verdade da historia ten que ver máis cun mito: o mito do poder irresistible da imaxe animada e, se cadra máis decisivo, o mito do espectador inxenuo e indefenso diante do novo invento. Só é posible manter hoxe este mito se seguimos a subestimar a intelixencia e a capacidade intelectual daqueles primeiros experimentadores do invento dos irmáns franceses. Aínda asombra que a historiografía do cine mantivese vivo un preconceito que de facto convertía a aqueles en simples salvaxes sen tradición nos espectáculos e sen capacidade para distinguir a realidade da ficción.
Nada máis lonxe da verdade. Eses primeiros espectadores eran o que hoxe chamariamos, con certo desprezo, urbanitas parisinos, os máis sofisticados da cidade máis sofisticada do mundo, homes e mulleres afeitos a acudir a todo tipo de espectáculos visuais que presaxiaban desde moito tempo antes a chegada do cinema, homes e mulleres afeitos tamén aos trucos dos ilusionistas, conscientes da existencia dun mecanismo oculto que facía verosímil o que se lle amosaba diante dos ollos, provocando unha emoción profunda, a mesma emoción que aínda sentimos hoxe na butaca das nosas salas de cinema.
Máximo Gorki foi quizais o primeiro escritor de renome que escribiu sobre a súa experiencia como espectador. Asistiu á unha exhibición cinematográfica na feira de Nizhni Nóvgorod, a súa cidade natal, en xullo de 1896, e logo publicou un coñecido artigo na prensa local. As súas palabras serviron a Gunning para afianzar a súa idea de que os primeiros espectadores non eran tan inxenuos como para confundir realidade e ficción.

"De súpeto algo fai clic, todo se esvaece e aparece un tren na pantalla. Vai acelerando cara a ti, coidado! Parece como se fora a afundirse na escuridade na que estás sentado, convertíndote nun saco rasgado de carnes magoadas e ósos estillados, e facendo pedazos o salón e todo o edificio, tan cheo de mulleres, viño, música e vicio.
Pero isto tamén non é máis que un tren de sombras."



(Na imaxe superior, accidente de ferrocarril na estación de Montparnasse dous meses antes da primeira exhibición do cinematógrafo; na fotografía inferior, Máximo Gorki.)




20 ene 2010

Honestidade, por favor


Nestes tempos que vivimos de debates, tertulias e diatribas diversas sobre o sistema educativo, non podo evitar sentir certo pudor ao escoitar os moi solemnes discursos de certos políticos e expertos na materia que fan desfilar unha sucesión de expresións coma "mercado laboral", "emprego", "economía", "competencia internacional", "crecentes esixencias", "tecnoloxías da información", "informática", "capacitación", "globalización", etc. En 2005 Tony Blair mesmo chegou a declarar que "a educación é a mellor política económica que se pode facer".

Non podo evitar pensar ao mesmo tempo en Álex, un alumno meu de sete anos, que aínda fica marabillado durante uns segundos ollando como a súa bolboreta de papel parece axitar as ás nun movemento máxico.

Deberíamos ser honestos con Álex e con todos os nenos de sete anos e dicirlles que o que o Sistema espera deles non é que soñen con bolboretas de cores, que agarden a chegada do ratiño dos dentes pola noite, que imaxinen a lúa coma un plátano noctámbulo ou que describan nun papel as súas vacacións soñadas. Non, o que o Sistema quere é un Álex que sexa un futuro traballador obediente, competente tecnolóxicamente, trilingüe aparentemente, e tamén, por que non dicilo? acrítico intelectualmente.

16 ene 2010

Encaixes


Desde os tempos do instituto, cando menos, un ten ás veces esa sensación de non encaixar en ningunha parte, de estar fóra de sitio case sempre e de ser, dalgún xeito, diferente. Na adolescencia non é facil manexar estas sensacións e as situacións a que levan. Cando nos facemos adultos temos máis perspectiva e xa nos podemos permitir facer o noso camiño como nos pete, ao noso gusto, aínda que non de todo.

Eu, nesta bitácora apagada que a nada aspira, confeso que ás veces síntome como o profesor don Zacarías de La torre de los siete jorobados (1944), esa curiosa película de Edgar Neville que pode valer como proba de que o cinema español dos anos corenta non foi tan gris como nos quixeron facer ver. O profesor Zacarías, un vello e agradable señor, permanece pechado (secuestrado, aínda que el non o sabe) nunha cidade soterrada baixo unha torre no Madrid dos Austrias. Entre tubos de ensaio, alambiques e moreas de libros don Zacarías mantense entretido ollando cada detalle das esculturas que alí se atopan. Mentres xira a peza nunha man e coa lupa mira formas, relevos e curvaturas cantarea unha canción. "Estos caracteres hebraicos son el diablo". O que acontece arredor non ten ningún interese para don Zacarías. ¿Madrid? "No me importa porque aquí tengo un trabajo enorme." A saída quedou obstruída por un derrubamento: "No hay esperanza de encontrar la salida". E tanto ten.

Non podo evitar ver en don Zacarías unha metáfora dese exilio interior que definiu moi felizmente o xornalista e tradutor madrileño Miguel Salabert (1931-2007) nunha novela que en España non se publicou ata 1988 e que pasou desapercibida. O exilio interior foi protagonizado polos que sofreron a dictadura de Franco desde dentro do país. Na introdución, Salabert definía así o termo que el mesmo inventara:


"Exilio interior era: constituirse en islotes dispersos; coger el petate y acampar a extramuros de la polis; sumirse en la fascinante contemplación del propio ombligo o deleitarse cultivando en él margaritas; reducir el futuro a un curso de radio por correspondencia de la muy acreditada Escuela Maymó; desinfectarse con acicalados sonetos o con blasfematorios exaprubtos; beber hasta caerse porque si no era vicio; comprarse un biombo y aislarse del mundo; responder con una fuga hacia adentro a la agresión que se nos infligía desde muros y periódicos con esa 'inmunda imagen que querían darnos de nosotros mismos'. El exilio interior era, en dos palabras, el autismo social."


Miguel Salabert: El exilio interior, 1988.


5 dic 2009

O afiador de San Petersburgo


Sempre que escribo sobre San Petersburgo, lugar que algún día me gustaría visitar para seguirlle os pasos a Raskólnikov, adoito falar con frecuencia de Fiodor Dostoievski e das novelas situadas naquela cidade da ribeira do Neva. Mais non esta vez, amigo Fiodor.

No seu Museo Estatal do Hermitage, unha das pinacotecas máis sobranceiras do mundo, consérvase este cadro dun vello afiador de autoría atribuída ao pintor barroco ourensán Antonio de Puga. Non se coñecen moitos datos sobre a vida deste home. Fillo dun sastre da cidade desenvolveu o seu traballo no Madrid do século XVII. Hai unha biografía publicada polo Centro Virtual Cervantes. Precisamente por ese descoñecemento fóronse arrastrando erros na apreciación do seu traballo. Hoxe sabemos por exemplo que non foi discípulo de Velázquez e que algunhas das obras que se lle atribuíron foron pintadas despois da súa morte.

En 1952 o Instituto Padre Sarmiento publicou a biografía do pintor elaborada por María Luisa Caturla e Francisco Javier Sánchez Cantón. En La Región Florentino López Cuevillas aplaudiu a nova publicación e criticou o esquecemento de Ourense para co seu pintor solicitando ás autoridades locais que algunha vía da cidade levara o nome de Antonio de Puga:


Recuerdo de Antonio de Puga


Antonio de Puga es un pintor conocido desde hace mucho tiempo. Cea Bermúdez se ocupó de él, reproducciones de cuadros suyos figuran en las historias del arte y son estimados en museos y colecciones extranjeras; en las columnas de este mismo periódico tiene aparecido su nombre y ahora una ilustre comentarista y gran erudita de la pintura española acaba de dedicarle un libro que llevará por título "Un pintor gallego en la Corte de Felipe IV".

Porque Antonio de Puga ejerció su arte en el Madrid del penúltimo de los Austrias, fue discípulo de Velázquez, autor de retratos de encumbrados personajes de aquel tiempo y aunque rindió a Dios su alma siendo joven todavía, dejó una obra sobresaliente sobre todo en cuadros de género, y cuando se hizo almoneda de sus efectos, sus apuntes, sus dibujos, toda esa semilla de taller, destinada sin duda a convertirse en florecidos lienzos, se vio arrebatada por los mejores artistas de la época que la pagaron en muy buen dinero.

Pues bien, este personaje, que a boca llena podemos llamar ilustre, conocido y alabado en las salas del Palacio Real y cuya fama corría por el Prado, por las tertulias y por los teatros, era gallego y gallego de Orense, hijo de un sastre, nacido dentro del recinto de nuestra ciudad y tan declaradamente orensano que inmortalizó en uno de sus cuadros a un afilador, que aparece allí con su rueda y flanqueado por dos soldados y por una mujer joven que lleva un cuchillo en la mano, con ánimo sin duda, de que le aviven el filo en la piedra, que hoy se ha convertido en blasón de orensanía.

Cualquier ciudad que tuviera un hijo tan destacado le hubiera honrado con cualquiera de los procedimientos recordatorios que para el caso se emplean; y Antonio de Puga tendría una estatua o un busto, o una lápida, o una calle llevaría su nombre que debería estamparse en una losa de granito del país y no en esos azulejos que hoy se estilan y que están voceando en cada esquina, su origen andaluz. Pero el ayuntamiento actual, ni los otros ayuntamientos que antes de él rigieron los destinos de nuestra ciudad, no parece que se hayan enterado de que ésta tenía un hijo digno de que se conserve la memoria de su nombre.

En tiempos pasados se vertió sobre el rotulado de nuestras calles y plazas un compendio de la historia de España y cayeron sobre nosotros Pelayo, Hernán Cortés, Pizarro, Gravina, Don Juan de Austria, Colón y Lepanto. Mas con anterioridad ya se había conmemorado en la calle de la Paz, el fin de una guerra, que casi nadie sabe cuál fue, y mucho después pretendió inmortalizarse la revolución del 68 colocando a Topete al frente de una plazuela, y en todas estas rotulaciones nadie se dio cuenta de que existiera Antonio de Puga.

Y recientemente se abrió el saco de los pintores y aparecieron en el Couto, Velázquez, Goya y Murillo, dos sevillanos y un aragonés, pero Antonio de Puga, gallego él, orensano él, continuó siendo ignorado.

No pretendemos ciertamente dar consejos ni hacer advertencias a nuestra Corporación municipal, pero si creo que nos será permitido dirigirle una humilde súplica.

¿No habrá en toda la ciudad un rincón, un pasadizo modesto, una plazoleta sin importancia, una calleja olvidada para poner en ella el nombre de un orensano que brilló en una corte llena de artistas, de literatos, de autores de comedias, en una de esas cortes que se encuadran en el tan celebrado Siglo de Oro, que hoy es más celebrado que nunca lo fue? — F. L. C.


La Región, 2 de maio de 1953.



23 nov 2009

A nosa historia facémola nós

Resoa ultimamente na miña cabeza o lema que tan acertadamente cantou Xurxo Souto ao límpido ceo de Compostela o pasado 18 de outubro: "A nosa historia facémola nós". O drama do noso país é que sempre foron os outros os que nos definiron, os que nos etiquetaron, os que escribiron a nosa historia ao seu xeito, os que nos situaron nun caixón pechado, os que botaron por riba de nós unha chea de prexuízos que logo nos obrigaron a aceptar e que moitos galegos aceptaron, os que fixeron a súa fotografía, ríxida, triste e baleira, e que non queren aínda que ninguén se lles mova para non facer da imaxe unha borrosa sombra. Mais iso é o que resultou. Teñen de nós un clixé, unha visión deformada, unha caricatura do que somos. E por suposto non están dispostos a aceptar ningún cambio. Todo ten que lles encaixar na súa concepción subordinada do noso mundo.
O dicionario da RAE aínda contempla a acepción de "tonto" e "tartamudo" para a palabra "gallego". Eles definen o que somos e o que significamos.
A actualidade dos últimos días levounos por historias e personaxes que viñeron lembrar unha vez máis este feito doloroso. Unha arribista chegou a Coruña hai semanas para lembrarnos aos galegos o carácter pexorativo do propio termo que nos define. Eles veñen e eles dinnos o que somos e o que deberiamos ser.
Un xuiz madrileño tamén se sentiu lexitimado para opinar sobre a (in)utilidade da nosa lingua e as catastróficas consecuencias producidas pola súa aprendizaxe (contra toda evidencia). Eles xulgan e sentencian.
Nun programa de televisión un grupo de rapazas pandereteiras foi desprezado porque a súa música "só vale para festas e romerías" (como se iso non fose valioso). A actuación seguinte dun grupo folclórico andaluz foi recibida con vivas e olés. O contraste foi clamoroso. Eles dinnos o lugar que nos corresponde e para que (pouco) vale a nosa cultura.
Desde o centro semella que todos sinten ter autoridade para sinalarnos e poñernos unha marca, con soberbia, con altivez, con sorriso de menosprezo, con "socarronería".
Xa vai chegando o tempo de que lles digamos a todos estes xuíces do alleo que a nosa historia facémola nós. Que nos valemos por nós mesmos, que subimos cando subimos e baixamos cando baixamos, que temos a forza e a determinación para decidir o que somos e o que queremos ser. Non credes que temos que cambiar xa a sintaxe da nosa existencia? Sen subordinacións, esixindo respeto e facéndonos valer.

6 nov 2009

Voces coñecidas


Dicía Ben-Cho-Shey nun artigo publicado en 1929 que había que ir pensando en trocarlle o nome ao Celta de Vigo por outro que non levase consigo tanta responsabilidade. Hoxe en día o noso admirado ourensán probablemente diría o mesmo dese xornal coruñés que se autoproclama a voz do país. Levar esa cabeceira é demasiada responsabilidade, máis aínda cando non se ten intención ningunha de facer honor a tal nome, comezando pola súa lingua propia, maltratada a pesares das substanciosas subvencións recibidas de todos os gobernos.

Xa hai ben tempo que o diario herculino abandonou a nobre función de informador da sociedade para converterse no que é actualmente, un poderoso lobby que defende os intereses, xa non digo da Coruña no seu conxunto, senón dun determinado grupo de familias coruñesas, dunha oligarquía local asentada en institucións coñecidas por todos.

La Voz non informa, La Voz fai campaña a favor de si mesma. Moitos dirán: "Tamén outros como o Faro fan así". Pode ser, mais o Faro ten a modestia de chamarse Faro de Vigo, polo que as súas cartas están boca arriba e non trata de vender gato por lebre.

Tanto ten do que se fale. Se se trata de aeroportos non valen o de Santiago ou o de Vigo. O da Coruña ten que ser o prioritario, sen lugar a dúbidas. E é o único que merece investimentos. Se falamos do reparto de titulacións universitarias ten que ser o que queira Coruña, mesmo se hai que atacar ás outras universidades publicando noticias ridículas para tratar de desprestixialas a elas e aos seus reitores. A Cidade da Cultura no Gaiás é unha ruína, non polos cartos alí metidos, non, o que a condena para La Voz é o mesmo feito de estar en Santiago. Pola contra o Porto exterior da Coruña é unha obra necesaria e socialmente rendible. Caixa Galicia ten que absorber a Caixanova, non hai discusión. E como "os do sur" non están polo labor hai que darlles caña e insistir cada día no illados que ficaron os pobres.

Nun tempo estiveron entretidos na loita de birretes e boinas. O debate político xiraba en torno a unha idea tan edificante. Na última campaña electoral, nun triple salto mortal, foron quen de superárense a si mesmos. Ás veces penso que se lles foi a man e que están comezando a pagalo, sobre todo porque hai alternativa. Como diría Bob Dylan, a resposta está no vento, é dicir, no reparto do vento.

Estes que gobernan agora son dos nosos. Así que non hai caso Gürtel e si moita columna de Castro de Rei. O Gürtel son "crisis internas del PP" mentres que o de Castro de Rei é "presunta corrupción". Se as cousas pintan mal sempre podemos tirar de bipartito, de despilfarros e de coches blindados, pero nin palabra da vergoñenta subasta clandestina.

Fóra dos grandes temas, foi unha columna publicada o mes pasado a que provocou en min unha grande decepción. Xosé Carlos Caneiro dirixiu, con todo dereito de opinador, unhas moi duras palabras ao Festival de Cinema de Ourense, ao que acusou, entre outras cousas, de provinciano. Non sei, pero non podo evitar imaxinar que se o mesmo festival, coas mesmas películas e coa mesma organización fora realizado na Coruña non sería maltratado así nas páxinas do citado diario. Porque como todos sabemos, na Coruña, a diferencia de Ourense, non hai nada provinciano. Todo é universal e cosmopolita. Declaraba Caneiro: "Y el festival resulta tan provinciano que a mí solo me procura tristeza". E eu digo, neste país hai cousas que ti calas e que si que dan verdadeira tristeza.

28 oct 2009

Galicia enteira, aínda que menos


As guías turísticas constitúen un xénero aparte na edición de libros. Cada vez é máis frecuente ver extensísimas seccións nas principais librerías das nosas cidades e mesmo establecementos dedicados exclusivamente ao mundo das viaxes. Recordo a primeira librería deste estilo que coñecín en Bilbao haberá uns quince anos. Había un longo pasillo cheo de andeis, e en cada andel caixas e máis caixas con mapas de todos os países do mundo. Decidín comprar un mapa dos Estados Unidos para seguir con detalle o itinerario de Jack Kerouac e a súa tropa de beatniks que relatou en On the Road.

Nestes espazos de venda reúnense non só guías, senón tamén multitude de mapas, postais, guías de conversación, libros de receitas, relatos de viaxes e mesmo novelas que gardan estreita relación co lugar que un quere visitar. Un case pode xa gozar co panorama que ten diante sen necesidade de facer a maleta. O pasado verán, na librería máis coñecida da zona universitaria de Atenas, a Eleftheroudakis, eu ía á procura dun mapa de estradas da illa de Corfú e atopei entre os planos de todos os arquipélagos gregos unha edición de bolso das novelas que Gerald Durrell escribiu relatando as súas vivencias da infancia naquela marabillosa illa, o que os británicos denominan The Corfu Trilogy. As novelas que a compoñen son unha deliciosa mestura de humor e amor pola natureza, mestura que a miña muller devorou logo sorprendéndome a cada pouco cunha gargallada irreprimible.

Amor pola natureza tamén tiña meu pai cando nos anos 80 decidiu, con toda a familia, emprender o noso descubrimento da Costa da Morte. Daquela non había tanto onde escoller, todos os libros en galego entraban na categoría de rarezas e google non pasaría dun estrano gaguexar infantil. Meu pai paraba o coche en calquera sitio (a veces nos máis arriscados) e abría un libriño vermello que na portada dicía "Galicia enteira". Comezaba a ler a historia daquel monumento, as curiosidades daquela vila, o que se podía ver ao outro lado da ría... Nós, ás veces, ficabamos cansos de tanta información pero iso nunca desanimou a meu pai.

O outro día caeu nas miñas mans, por sorpresa, un exemplar daquel acompañante noso dos veráns, o primeiro volume dunha serie de doce elaborados polo coruñés Xosé Luis Laredo Verdejo. Con curiosidade busquei a data de edición: primeira, xuño de 1980; segunda, abril de 1981. Reparei nas súas fotografías gastadas, nos esquemas dos seus itinerarios, os deseños dos escudos da nobreza, os mapas das parroquias, etc.

Polas noites, cando voltabamos a Corcubión, eu abría o meu caderno de verán e debuxaba alí as torres de Mens, o castelo de Vimianzo e o dolmen de Dombate; inventaba historias de celtas na cidade de Borneiro, de mariñeiros nas illas Sisargas, de naufraxios no cabo Vilán. Hoxe volvín lembrar todo iso. Pechei o libro con nostalxia e volvín ao título: Galicia enteira, aínda que menos.



19 oct 2009

Dignidade


Participamos onte nun acto reivindicativo que probablemente pasará á historia deste país como a manifestación máis importante e numerosa a favor da lingua e cultura propias. Pero penso que é errado caer na autocompracencia pois a pesares do ambiente festivo e alegre, acompañado ademais por un día magnífico, o éxito da convocatoria non debería ocultar o gravísimo momento polo que atravesa a lingua e a cultura galega. Se fomos capaces de xuntármonos tantos milleiros de persoas nas rúas de Santiago é que algo vai verdadeiramente mal. O ideal sería pasar as mañás dos domingos de paseo co xornal baixo o brazo sabendo que a lingua galega está en boas mans, libre de prexuízos e de ataques, recoñecida socialmente, promovida e defendida polos que prometeron facelo, arredada das liortas partidarias, etc. etc.

Invádeme pois esa sensación agridoce. Quero quedar coa parte que ilusiona, ese movemento de xente de todas as idades e procedencias, unida fraternalmente en defensa do que sinte como propio, ese sentimento de dignidade que se podía ver nas caras dos máis novos e dos máis vellos, eses pais que levaban os seus fillos sobre os ombros, que tanto me recordaron a miña propia infancia nos anos 70, naquel espertar da democracia. Desde logo, se tivera que resumir a sensación de onte nunha palabra, sería esa: dignidade.

Posiblemente ven de xurdir onte unha forza cívica que reclama o seu dereito a intervir nun debate aberto irresponsablemente por políticos profesionais. Os políticos, de todas as cores, ben farían en ter en conta a física do novo desafío civil. Non acabo de ter claro que a dinámica dos partidos, obsesionados polo poder e polo seu reparto, poida dar resposta a esta enerxía centrípeta. A democracia, en certo sentido, consiste en que o pobo independente confíe aos seus representantes a custodia dos tesouros compartidos. A lingua é seguro a nosa maior riqueza. Maltratada polos gobernantes saímos á rúa a esixir que coiden o que prometeron cando asinaron o Estatuto de Autonomía e as leis que del derivan. Foi por tanto un acto de xustiza.


Saúde e Terra, e Océano (como ben sinalou onte un atinadísimo Xurxo Souto).

9 oct 2009

Bispos e elefantes


Aínda que o xadrez é un xogo orixinado na India, no chaturanga, foron os persas e os árabes os que o difundiron por todo o Mediterráneo. O vocablo sánscrito derivou no árabe shatranj, do que proceden os románicos xadrez e ajedrez. Noutras linguas o nome seguiu a vía francesa (échecs): chess (inglés), scachi (italiano), escacs (catalán), schach (alemán), schack (sueco).

O xadrez foi introducido en Europa a finais do primeiro milenio. Máis que a etimoloxía do seu nome pareceume curiosa a evolución histórica e etimolóxica dunha das súas pezas, o alfil. En persa alfil significa "o elefante", o cal nos indica ben ás claras a súa orixe india. Na Europa medieval unha figura de elefante semellou demasiado exótica e descoñecida e foi pouco a pouco substituída pola dun bispo, que encaixaba mellor nos costumes dos contemporáneos pois os bispos adoitaban participar nas batallas. O elefante acabou sendo bispo e así se chama hoxe en inglés (bishop) e en portugués (bispo).

E resulta curioso pois hoxe en día os bispos e os elefantes acaban por parecerse, con todo respeto para estes últimos. Os bispos seguen a meterse nos asuntos públicos como elefantes nunha cacharrería. Queren decidir por todos as leis que nos protexan e defendan, a educación, a sanidade... A pena é que ningún goberno, da cor que sexa, se atreveu aínda e dunha vez por todas a marcar a necesaria liña que separe a igrexa do estado. Só este pode representar a todos.


(Na imaxe, pezas do famoso xadrez Lewis, do século XII, atopadas en 1831 nunha illa escocesa. No centro pódese ver a figura do bishop.)