Lembramos hai semanas a figura de Francisco Álvarez de Nóvoa resaltando a súa obra literaria, tan sentimentalmente vencellada á cidade de Ourense. Pero tampouco se debe esquecer o relevante papel que Álvarez de Nóvoa xogou no xornalismo ourensán de finais do século XIX e primeiro tercio do XX, unha etapa fascinante da historia da nosa prensa.
Despois de traballar en xornais coma El Diario de Orense, El Derecho e El Noticiero, Álvarez de Nóvoa entrou a formar parte da redación do diario El Miño, que fora fundado en 1898 polo líder liberal Vicente Pérez para alonxarse da cada vez máis conservadora liña editorial de El Eco de Orense, de Lamas Carvajal. El Miño, un xornal excepcional do que lamentablemente non existe en Ourense unha coleción completa a disposición dos investigadores senón unha privada en propiedade da familia Colemán, serviu tamén de escola para escritores como o mesmo Vicente Risco.
En El Miño foi onde Álvarez de Nóvoa popularizou a súa columna satírica "Agujetas", en permanente disputa coas "Mostacillas" de Lamas en El Eco de Orense. O xornalismo político daqueles tempos da Restauración tiña moito que ver con liortas persoais e defensa de intereses particulares. Non existía un sistema democrático senón caciquil e clientelar baseado na presenza de dous partidos, o liberal e o conservador, que se turnaban no poder coa única intención de manter o dominio das súas familias.
Hacia 1909 Álvarez de Nóvoa pasou a ser director do diario e tivo que lidiar cos tráxicos sucesos de Oseira. A Garda Civil decidiu disparar sobre os campesiños que se resistían ao traslado dun baldaquino á capital e morreron polo menos sete persoas. El Miño foi moi duro coa decisión do Bispado de Ourense e tomou partido polos campesiños.
Armando Fernández Mazas insinúa no seu libro Ourense, Atenas de Galicia que estes sucesos, coma os da Semana Tráxica de Barcelona, castigaron especialmente o liberalismo e que probablemente por este motivo Álvarez de Nóvoa decidise abandonar Galicia.
Marcos Valcárcel, pola contra, sinala que foron razóns de tipo económico as que o levaron a Lisboa e dalí a Río de Janeiro, onde abriu un taller fotográfico. Máis tarde establécese en Buenos Aires onde funda La Voz de Galicia.
De volta en 1915 inicia a publicación do diario La Voz Pública, que viña a cubrir o oco deixado por El Miño en decembro de 1913. Por problemas de saúde ten que recluírse con frecuencia na súa casa de Gustei. Alí escribe obras dramáticas como La titiritera e Campos de soledad.
Aínda así, Álvarez de Nóvoa xunta forzas para insistir nunha nova campaña de prensa, esta vez, contra os dirixentes do Ateneo fundado no Instituto en 1914 facendo escarnio especialmente do seu impulsor Antonio Gaite. Álvarez de Nóvoa critica a estreitez de miras dos ateneístas e defende a necesidade dunha nova sociedade cultural que permita a entrada e promoción dos artistas máis novos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario