13 feb 2008

O Regicídio


En Portugal andan a lembrar estes días un episodio moi importante da súa historia contemporánea, o Regicídio do 1 de febreiro de 1908 no Terreiro do Paço (Lisboa). O rei Carlos I e o infante Luis Filipe foron asasinados na famosa praza lisboeta hoxe chamada do Comércio. É pois o centenario daquela data e as livrarias, como aqui coa lembranza da guerra do francés, amosan nas súas montras as novidades editoriais que revisan o contexto histórico e político daquel feito. Estou a ler un deses libros, que merquei no Porto. Titúlase Regicídio: A contagem decrescente e o seu autor é Jorge Morais.

Hai grandes paralelismos na historia de comezos de século de España e Portugal. O sistema canovista de alternancia entre partido conservador e partido liberal, coas súas diferenzas, é denominado alí rotativismo, co partido regenerador e o partido progressista, pero ven sendo o mesmo tinglado caciquil que garantía sempre a vitoria do partido no goberno. Nada que non coñezamos aquí.

A monarquía constitucional vivía un crecente desgaste político debido aos profundos problemas sociais e económicos que o país arrastraba. Aquí Alfonso XIII, alí Carlos I. Gran Bretaña presionaba desde 1890 co seu Ultimato sobre as colonias portuguesas de Angola e Mozambique alimentando o patriotismo fervente dos portugueses. De seguida pensamos nós en 1898, Cuba e Filipinas, Estados Unidos...

Chegado o momento o rei portugués decide confiar nun político para que goberne sen a atadura dun parlamento indomable, João Franco (Franco ademais!). Salvando as distancias un non pode de novo esquecer o paralelismo co xeneral Primo de Rivera. Nos dous casos a decisión de apoiar unha dictadura vai determinar o final da monarquía, sen embargo, é aí está a gran diferenza, en Portugal será co asasinato primeiro do rei en 1908 e coa revolución de outubro de 1910 que implanta a República Portuguesa.

No hay comentarios: