26 mar 2008

O xornalista Manuel Lustres Rivas

A escolma biográfica publicada pola editorial Galaxia co título Xornalistas con opinión inclúe nesta primeira entrega a dous grandes persoeiros da ría de Arousa. Un desta ribeira pontevedresa, Julio Camba; e o outro daquela ribeira coruñesa, Manuel Lustres Rivas. Xa falaremos noutra ocasión do vilanovés. Agora quero determe na figura deste último, glosada nesta recopilación por Montse Calvo.

Manuel Lustres Rivas naceu perto do peirao de Ribeira en 1888 (o mesmo ano que Otero Pedrayo). Trasladouse a Compostela para seguir estudos de medicina. Alí fixo amizade con Castelao e participou nas tertulias do Café Colón. Moi cedo prende nel a vocación de xornalista estreándose nesas lides en El Miño, o diario liberal ourensán no que tamén se iniciou Vicente Risco (1898-1913). Máis tarde colabora no máis importante diario vilagarcián da época: Galicia Nueva. Tamén traballou nos inicios da publicación Vida Gallega, compartindo colaboracións co propio Castelao.

En 1922 pasou a ser redactor xefe do xornal vigués Galicia, unha das cimas do xornalismo galego do século XX, contemporáneo e irmán do ourensán La Zarpa. Despois de deixar a redación emigra á Arxentina aínda que segue a colaborar co xornal enviando crónicas daquel país. Pouco despois regresa a Galiza e colabora no Faro de Vigo e outros medios.

A súa vocación xornalística vai moi vencellada ao seu fondo compromiso político. Nun primeiro momento loita polas reivindicacións do campesiñado xunto á egrexia figura de Basilio Álvarez. Dirixe El Heraldo Gallego en 1913 e os seus artigos tamén aparecerán máis tarde no citado La Zarpa, diario agrarista fundado polo abade de Beiro.

Comprométese co galeguismo e o nacionalismo durante o final da Ditadura e a Segunda República. Finalmente, vai formar parte da lista de homes da nosa cultura asasinados polos sublevados no ano 1936. É detido en Vigo, trasladado logo á illa de San Simón e executado na devesa da Concheira (Redondela) en novembro de 1936. Hoxe en día, lamentablemente, é unha figura case esquecida, por iso vale moito a pena a iniciativa deste grupo de investigadores encargados de recuperar unha parte importante da nosa memoria histórica e cultural.

No hay comentarios: