Dicía Ben-Cho-Shey nun artigo publicado en 1929 que había que ir pensando en trocarlle o nome ao Celta de Vigo por outro que non levase consigo tanta responsabilidade. Hoxe en día o noso admirado ourensán probablemente diría o mesmo dese xornal coruñés que se autoproclama a voz do país. Levar esa cabeceira é demasiada responsabilidade, máis aínda cando non se ten intención ningunha de facer honor a tal nome, comezando pola súa lingua propia, maltratada a pesares das substanciosas subvencións recibidas de todos os gobernos.
Xa hai ben tempo que o diario herculino abandonou a nobre función de informador da sociedade para converterse no que é actualmente, un poderoso lobby que defende os intereses, xa non digo da Coruña no seu conxunto, senón dun determinado grupo de familias coruñesas, dunha oligarquía local asentada en institucións coñecidas por todos.
La Voz non informa, La Voz fai campaña a favor de si mesma. Moitos dirán: "Tamén outros como o Faro fan así". Pode ser, mais o Faro ten a modestia de chamarse Faro de Vigo, polo que as súas cartas están boca arriba e non trata de vender gato por lebre.
Tanto ten do que se fale. Se se trata de aeroportos non valen o de Santiago ou o de Vigo. O da Coruña ten que ser o prioritario, sen lugar a dúbidas. E é o único que merece investimentos. Se falamos do reparto de titulacións universitarias ten que ser o que queira Coruña, mesmo se hai que atacar ás outras universidades publicando noticias ridículas para tratar de desprestixialas a elas e aos seus reitores. A Cidade da Cultura no Gaiás é unha ruína, non polos cartos alí metidos, non, o que a condena para La Voz é o mesmo feito de estar en Santiago. Pola contra o Porto exterior da Coruña é unha obra necesaria e socialmente rendible. Caixa Galicia ten que absorber a Caixanova, non hai discusión. E como "os do sur" non están polo labor hai que darlles caña e insistir cada día no illados que ficaron os pobres.
Nun tempo estiveron entretidos na loita de birretes e boinas. O debate político xiraba en torno a unha idea tan edificante. Na última campaña electoral, nun triple salto mortal, foron quen de superárense a si mesmos. Ás veces penso que se lles foi a man e que están comezando a pagalo, sobre todo porque hai alternativa. Como diría Bob Dylan, a resposta está no vento, é dicir, no reparto do vento.
Estes que gobernan agora son dos nosos. Así que non hai caso Gürtel e si moita columna de Castro de Rei. O Gürtel son "crisis internas del PP" mentres que o de Castro de Rei é "presunta corrupción". Se as cousas pintan mal sempre podemos tirar de bipartito, de despilfarros e de coches blindados, pero nin palabra da vergoñenta subasta clandestina.
Fóra dos grandes temas, foi unha columna publicada o mes pasado a que provocou en min unha grande decepción. Xosé Carlos Caneiro dirixiu, con todo dereito de opinador, unhas moi duras palabras ao Festival de Cinema de Ourense, ao que acusou, entre outras cousas, de provinciano. Non sei, pero non podo evitar imaxinar que se o mesmo festival, coas mesmas películas e coa mesma organización fora realizado na Coruña non sería maltratado así nas páxinas do citado diario. Porque como todos sabemos, na Coruña, a diferencia de Ourense, non hai nada provinciano. Todo é universal e cosmopolita. Declaraba Caneiro: "Y el festival resulta tan provinciano que a mí solo me procura tristeza". E eu digo, neste país hai cousas que ti calas e que si que dan verdadeira tristeza.
5 comentarios:
muito bom o comentario, excelente. Concreto e di tudo, concordo, sem duvida, da Voz engadiría a sua persução o Quintana, ainda hoje andam trás da sua irmá em Monforte. De Caneiro li o artigo e num primeiro momento aceitei a crítica o festival, e os cen millons de gasto, e dixem tem razão em parte , ainda que uma cidade como Ourense tambem tem direito a fazer gasto em cultura ainda que a populaçao e o interesse não seja moito. Porém aina dando por bom o resultado fico co teu razoamento de quem numca arguiu nada em contra do que se passa a cotio, como pode ter tanta forza para ir comtra os fracos.
um saudo.
Amigo reis, fico agradecido polas túas palabras. Eu nunca fun crítico con Caneiro, pero penso que co festival foi moi inxusto ao acusalo de "provinciano", sobre todo porque el escribe no diario máis provinciano do país, por moita capital que se considere. Tan capital é Ourense como A Coruña.
Na definición de provincianismo da RAE di: "Estrechez de espíritu y apego excesivo a la mentalidad o costumbres particulares de una provincia o sociedad cualquiera, con exclusión de las demás."
Tan claro coma a auga de Riazor.
Un saúdo.
concordo , coa definiciom chegou-me, o festival pode ser tudo menos provinciano, está feito com muito entusiasmo, o que se passa , acho eu, que e moita oferta de cinema para uma cidade como Ourense, na que actualmente e em dia laborais vai pouca xente as salas.
e inxusto sem duvida o comentario diste homem, eu tampouco tenho nada comtra ele, e o que se olha, e as vezes penso que para escrever na VOZ há que dar de quando em vez algo de comer o padrão do jornal.
Lieber Herr David:
MEIN GOTT!!!... Que as acomodadas clases aristocráticas xermánicas ( nada que ver coas, desta volta sí, "provincianas" clases coruñesas ) estén dacordo coas suas melenudas opinións, xa é unha cousa moi preocupante...
Como vostede é mesmo unha persoa sabida ( MEIN GOTT!!... non hai peor cousa que os melenudos ilustrados... ) faga vostede coma éste Herr Graf e proclame ós cinco ventos, faga proselitismo entre os seus ( moito máis acentuada despois da vergoñante e clarificadora anti-campaña electoral das pasadas elecións galegas ) pra non mercar ese espúreo xornal de intereses foráneos mesmo pra un conde xermánico, eis a forza da xente "perigosa", coma poderían os devanditos calificar ás clases progresistas galegas.
E que continuen a ofertar exemplares gratuitos dese libelo pseudo-xornalístico polas rúas do País, e así pra enmascarar as suas cifras de venda ficticias....
Herr Graf Ferdinand Von Galitzien
Umha crítica mui acertada. Hoje mesmo perguntavam-lhe a Anxo Lorenzo por quê um jornal como LVG, com um uso testemunhal do galego, era o que percibia as ajudas económicas mais quantiosas em conceito de "promoçom da língua". O Anxo, evidentemente, negou-se a reconhecer o evidente: que essas ajudas, como tantas outras cousas, som em pagamento polos serviços prestados. E ponto.
Por certo, o Caneiro si que dá vergonha, e muita. Requintado e cúrsi, e agora ainda por acima escrevendo em castelhano (já se sabe, "la voz de su amo"). Cousas todas elas próprias dumha persoa provinciana, com efeito. Sempre pensa o ladrom...
Publicar un comentario