28 oct 2009

Galicia enteira, aínda que menos


As guías turísticas constitúen un xénero aparte na edición de libros. Cada vez é máis frecuente ver extensísimas seccións nas principais librerías das nosas cidades e mesmo establecementos dedicados exclusivamente ao mundo das viaxes. Recordo a primeira librería deste estilo que coñecín en Bilbao haberá uns quince anos. Había un longo pasillo cheo de andeis, e en cada andel caixas e máis caixas con mapas de todos os países do mundo. Decidín comprar un mapa dos Estados Unidos para seguir con detalle o itinerario de Jack Kerouac e a súa tropa de beatniks que relatou en On the Road.

Nestes espazos de venda reúnense non só guías, senón tamén multitude de mapas, postais, guías de conversación, libros de receitas, relatos de viaxes e mesmo novelas que gardan estreita relación co lugar que un quere visitar. Un case pode xa gozar co panorama que ten diante sen necesidade de facer a maleta. O pasado verán, na librería máis coñecida da zona universitaria de Atenas, a Eleftheroudakis, eu ía á procura dun mapa de estradas da illa de Corfú e atopei entre os planos de todos os arquipélagos gregos unha edición de bolso das novelas que Gerald Durrell escribiu relatando as súas vivencias da infancia naquela marabillosa illa, o que os británicos denominan The Corfu Trilogy. As novelas que a compoñen son unha deliciosa mestura de humor e amor pola natureza, mestura que a miña muller devorou logo sorprendéndome a cada pouco cunha gargallada irreprimible.

Amor pola natureza tamén tiña meu pai cando nos anos 80 decidiu, con toda a familia, emprender o noso descubrimento da Costa da Morte. Daquela non había tanto onde escoller, todos os libros en galego entraban na categoría de rarezas e google non pasaría dun estrano gaguexar infantil. Meu pai paraba o coche en calquera sitio (a veces nos máis arriscados) e abría un libriño vermello que na portada dicía "Galicia enteira". Comezaba a ler a historia daquel monumento, as curiosidades daquela vila, o que se podía ver ao outro lado da ría... Nós, ás veces, ficabamos cansos de tanta información pero iso nunca desanimou a meu pai.

O outro día caeu nas miñas mans, por sorpresa, un exemplar daquel acompañante noso dos veráns, o primeiro volume dunha serie de doce elaborados polo coruñés Xosé Luis Laredo Verdejo. Con curiosidade busquei a data de edición: primeira, xuño de 1980; segunda, abril de 1981. Reparei nas súas fotografías gastadas, nos esquemas dos seus itinerarios, os deseños dos escudos da nobreza, os mapas das parroquias, etc.

Polas noites, cando voltabamos a Corcubión, eu abría o meu caderno de verán e debuxaba alí as torres de Mens, o castelo de Vimianzo e o dolmen de Dombate; inventaba historias de celtas na cidade de Borneiro, de mariñeiros nas illas Sisargas, de naufraxios no cabo Vilán. Hoxe volvín lembrar todo iso. Pechei o libro con nostalxia e volvín ao título: Galicia enteira, aínda que menos.



1 comentario:

Anónimo dijo...

Perdón por el "robo", pero escribes lo que siento...
http://www.taringa.net/post/turismo/19560496/Galicia-Enteira-Las-guias-del-profesor-Laredo-Verdejo.html
Una pena no se vuelvan a editar..., gracias anticipadas!!