Participamos onte nun acto reivindicativo que probablemente pasará á historia deste país como a manifestación máis importante e numerosa a favor da lingua e cultura propias. Pero penso que é errado caer na autocompracencia pois a pesares do ambiente festivo e alegre, acompañado ademais por un día magnífico, o éxito da convocatoria non debería ocultar o gravísimo momento polo que atravesa a lingua e a cultura galega. Se fomos capaces de xuntármonos tantos milleiros de persoas nas rúas de Santiago é que algo vai verdadeiramente mal. O ideal sería pasar as mañás dos domingos de paseo co xornal baixo o brazo sabendo que a lingua galega está en boas mans, libre de prexuízos e de ataques, recoñecida socialmente, promovida e defendida polos que prometeron facelo, arredada das liortas partidarias, etc. etc.
Invádeme pois esa sensación agridoce. Quero quedar coa parte que ilusiona, ese movemento de xente de todas as idades e procedencias, unida fraternalmente en defensa do que sinte como propio, ese sentimento de dignidade que se podía ver nas caras dos máis novos e dos máis vellos, eses pais que levaban os seus fillos sobre os ombros, que tanto me recordaron a miña propia infancia nos anos 70, naquel espertar da democracia. Desde logo, se tivera que resumir a sensación de onte nunha palabra, sería esa: dignidade.
Posiblemente ven de xurdir onte unha forza cívica que reclama o seu dereito a intervir nun debate aberto irresponsablemente por políticos profesionais. Os políticos, de todas as cores, ben farían en ter en conta a física do novo desafío civil. Non acabo de ter claro que a dinámica dos partidos, obsesionados polo poder e polo seu reparto, poida dar resposta a esta enerxía centrípeta. A democracia, en certo sentido, consiste en que o pobo independente confíe aos seus representantes a custodia dos tesouros compartidos. A lingua é seguro a nosa maior riqueza. Maltratada polos gobernantes saímos á rúa a esixir que coiden o que prometeron cando asinaron o Estatuto de Autonomía e as leis que del derivan. Foi por tanto un acto de xustiza.
Saúde e Terra, e Océano (como ben sinalou onte un atinadísimo Xurxo Souto).
No hay comentarios:
Publicar un comentario