22 mar 2011

Na casa de Louis e Auguste (I)


Lyon non é desde logo unha cidade que habitualmente procuremos no mapa como destino da nosa viaxe soñada. Non ten os atractivos de París nin a beleza luminosa da Costa Azul, aínda que si merece unha visita para pasear polas rúas do seu barrio vello, patrimonio da Humanidade desde 1998.

Sen embargo, para os amantes da historia do cinema esta cidade agocha un tesouro que a fai única no mundo. En Monplaisir, antiga vila veciña que co extraordinario crecemento urbano acabou por convertirse nun barrio máis de Lyon, aínda se mantén en pé a Villa Lumière, isto é, a casa da familia dos inventores do cinematógrafo.

O edificio, unha fermosa construción burguesa que encarna mellor que nada a ascensión económica e social da familia, alberga hoxe o Museo Lumière. O percorrido pola casa comeza no xardín de inverno, unha fermosa estancia acristalada que nos dá a benvida co grande retrato do pai Antoine nunha das paredes e os bustos dos fillos Louis e Auguste sobre a repisa da cheminea. A placa rápida inventada por un Louis aínda moi novo vai permitir a fotografía instantánea e será a razón da apertura da factoría en 1882 e do enorme enriquecemento da familia.

Non falta detalle na exhibición dos diferentes aparellos proxectores anteriores á invención do cinema: a lanterna máxica de Kircher, o zootropo de Horner, o teatro óptico de Reynaud, o fenaquistiscopio de Plateau, o fusil fotográfico de Marey, etc. Pero a verdadeira sensación chega cando nos aproximamos á vitrina que conserva o primeiro cinematógrafo da historia, aquel aparello que o 28 de decembro de 1895 se encargou Antoine Lumière de facer funcionar diante do público parisino. Fica un contemplando a historia da sétima arte nunha caixiña e na súa pequena chapa metálica grabada con letras brancas.

O resto do museo non desmerece á xoia principal: salas de proxección onde podemos ollar as películas filmadas polos operadores Lumière polos catro recantos do mundo, infindade de fotografías da familia, cámaras e proxectores, material fotográfico diverso, recreación dos cuartos onde vivían, obxectos persoais, etc.

Cando un sae daquela casa fabulosa sinte ter visitado á familia Lumière sen poder agradecerlle a cada un dos seus membros toda a maxia que lles debemos.



(Imaxes: arriba, maqueta da Villa Lumière exposta no museo. Abaixo: vista da casa desde o patio, onde se atopaba a antiga fábrica).

No hay comentarios: