Desculpade, pero levo gastado todo este tempo tratando de esquivar
a estupidez humana que me rodea e enchendo formularios que non teñen
maior sentido que xustificar o posto que temporalmente ocupo. Sei que
de cando en vez, por saúde mental, debo osixenar a mente fóra do
traballo con esas cousas inútiles chamadas libros. É a miña medicina. E mellor aínda
se son libros vellos de nomes esquecidos, que falan doutros tempos
fuxidos que a min sempre me parecen próximos.
Estas semanas o nome que máis rula na cabeza é o de Manuel
Chaves Nogales (1897-1944), sevillano, un dos xornalistas máis
senlleiros da historia de España, fiel republicano e igualmente
inimigo do fascismo como do comunismo, exiliado en Francia e
Inglaterra, reporteiro en Berlín e Moscú. A súa memoria foi
silenciada durante 50 anos posto que ninguén reivindica os homes
honestos cando os que mandan son os miserables.
Chegadas as barbaridades, o fácil era pechar un ollo e contar só
as perpetradas por un bando. Pero Manuel non era así. Amaba os desafíos. No seu libro
máis famoso, unha colección de nove relatos titulada A sangre y
fuego, hai para todos.
Algúns coñecen a Chaves Nogales pola súa biografía de Belmonte
que, segundo parece é bastante máis que a biografía dun toureiro
célebre. A súa escrita é xornalística, de gran reportaxe, posto
que nunca se considerou literato. E iso que foi asiduo das tertulias
madrileñas e tratou a Unamuno, a Valle-Inclán, a Azorín.
Cando tivo que fuxir de París pola inminente chegada dos nazis
mandou queimar todos os seus papeis. Esa renuncia salvou a vida da
familia, da que se separou para sempre partindo cara Inglaterra. Alí
morrería antes de ver a derrota do fascismo.
Pouco a pouco a súa figura vaise coñecendo máis grazas á
recuperación da súa obra. Tiven a honra de participar nun proxecto
de crowdfunding para lograr a edición dun libro-dvd sobre a súa figura. Confeso o orgullo de ver o meu nome
na lista de "mecenas" e confío na divulgación necesaria
da obra e vida dun home exemplar.
No hay comentarios:
Publicar un comentario