6 ago 2013

Unha tarde na casa de Garibaldi



Ao noreste da illa de Sardeña, no esmeraldino arquipélago de La Maddalena, existe unha illa ruda e agreste chamada Caprera. Apenas habitada é o recanto ideal para quen procure un retiro plácido e repousado.

Cara alí me dirixín o 28 de xullo atravesando co coche de aluguer a fráxil e estreita pasarela que une a illa coa da Maddalena. Era unha tarde de moita calor, dunha calor da que só se podía fuxir baixo un dos numerosos piñeirais que alí hai. Nun extremo da illa atopamos a última casa do heroe italiano Giuseppe Garibaldi, o lugar onde viviu desde 1856 até o día da súa morte o 2 de xuño de 1882. Na última estancia da casa, a do leito mortuorio, o calendario e o reloxo da parede permanecen detidos aínda no día e a hora do deceso, as seis e vinte e un minutos da tarde. Garibaldi quixo morrer diante dunha ampla ventá con vistas ao mar, ollando cara a Niza que era a súa terra natal. Nunha esquina do cuarto consérvase tamén o moble onde gardaba numerosas medicinas pois era moi consciente da súa fráxil saúde e de que se atopaba nunha illa apartada que por aquel entón nin sequera tiña ponte.


A visita pola casa vai permitindo coñecer os cuartos, as camas, as roupas, os utensilios de cociña, as ferramentas dos talleres, etc. da familia Garibaldi, unha familia extensa porque o militar piamontés casou tres veces e do primeiro matrimonio tivo seis fillos. As diversas estancias da casa están adornadas con fotografías dos fillos, diplomas e agasallos.

Fóra da casa, baixando polo xardín en dirección ao mar naquela abafante tarde de xullo, aínda puiden ollar as embarcacións coas que se trasladaban a outras illas e o panteón familiar.


Garibaldi plantou moitas árbores, traballou a vide e a oliveira. Aínda se conservan á vista do público algunhas ferramentas que empregaba nestas tarefas. Tivo abundantes galiñas, ovellas, burros e cabalos. A súa querida egua Marsala está enterrada ao carón da casa. A un dos asnos púxolle o nome do papa Pío IX, un opositor á unificación de Italia. O soño de Garibaldi era fundar unha facenda agrícola moderna e autosuficiente que dera traballo ás xentes do lugar. A maioría dos habitantes da illa traballaban para Garibaldi.

Xa na saída do recinto, algúns nenos, inconscientes da relevancia do lugar, andaban enredados cunha gatiña tan negra como debe de ser a noite en Caprera. A gatiña estarricada durmía aturando a calor da media tarde pero os rapaciños teimaban en acariñala entre sorrisos e a gatiña seguía a durmir tan placidamente.

(Nas fotografías, de arriba a abaixo: A primeira vivenda de Garibaldi e familia que axiña lles resultou pequena; A árbore que plantou Garibaldi no ano 1867 polo nacemento da súa filla Clelia; A sepultura de Garibaldi.)
 

No hay comentarios: