11 jul 2013

Seguindo a pista de Buzzati


Na miña última viaxe a Milán, sen dicirllo a ninguén, levaba a idea de atopar algún deses sitios que adoitaba visitar Dino Buzzati nos seus paseos pola cidade lombarda. Unha mañá camiñando cara o centro, detívenme de súpeto na esquina que forman a Via Solferino e a Via Ancona e díxenlle á miña muller: "Faime aquí unha foto, que se vexa o letreiro da rúa". Ela, que xa coñece de sobra as miñas extravagancias, arqueou as cellas mentres agarraba a cámara e tiraba desde a outra beirarrúa a foto que aquí vedes na parte dereita.

Moitos anos antes, calculo que uns cincuenta, Dino Buzzati foi fotografiado no mesmo lugar xunto á florista do Teatro della Scala. Ao fondo podemos albiscar as paredes do claustro da basílica de San Simpliciano, en pleno centro de Milán.

A vida de Buzzati transcorreu principalmente nun entramado de rúas que forman a parte noroeste do centro da cidade. A redacción do seu xornal de toda a vida, Il Corriere della Sera, onde comezou recollendo noticias da comisaría de policía, atópase na mesma Vía Solferino. O Largo La Foppa, o Corso Garibaldi e a Via Moscova forman unha L na que se desenvolveu non só grande parte da vida do autor, senón tamén varios dos seus relatos.

En España Buzzati é sobre todo coñecido pola novela El desierto de los tártaros (Il deserto dei tartari) e polo protagonista Giovanni Drogo que consume a súa vida nunha apartada fortaleza na espera de algo imposible. Sen embargo, Buzzati traballou moito máis o xénero do relato e chegou a ser un prolífico autor de contos. A editorial Acantilado editou durante os últimos anos case a totalidade da súa obra narrativa breve: Sesenta relatos (Sessanta racconti), El colombre (Il colombre) e Las noches difíciles (Le noti difficile). En total son 155 textos que nalgunhas ocasións como en Miedo en la Scala (Paura alla Scala) convírtense de feito en novelas breves.

Dentro dun número tan grande de contos hai algúns que quedan gravados na memoria e outros que precisan ser relidos de novo. Se me propoño escoller tan só seis relatos destas tres antoloxías eu elixiría os seguintes: Los siete mensajeros (I sette messaggeri), Siete pisos (Sette piani), El desplome de la Baliverna (Il crollo della Baliverna), El colombre (Il colombre), La albóndiga (La polpetta) e Directísimo (Direttissimo).

Mientras los demás se dedicaban a buscar insectos, a mí, que siempre he sido aficionado al alpinismo, se me ocurrió la idea de intentar trepar por la irregular pared: los agujeros, los bordes salientes de algunos ladrillos y viejos hierros encajados aquí y allá en las hendiduras ofrecían diferentes puntos de apoyo. No pensaba por supuesto subir hasta lo más alto. Quería hacerlo sólo por el gusto de desentumecerme, de probar mis músculos. Un deseo algo pueril, lo reconozco.

(El desplome de la Baliverna)

No hay comentarios: