22 feb 2007

Barcelona ès bona


Vinte anos sen ir a Barcelona son moitos anos, tantos que case da vergonza. Se a miña memoria non erra foi alá polo verán de 1983 con dez anos recén cumpridos que cheguei á cidade condal. Aquela Barcelona non se parece en nada a esta, pero para sermos xustos tampouco eu me parezo moito a aquel neno de dez anos.

A primeira gran diferenza xa está na maneira de chegar alí. Esta vez fun confortablemente en avión coa miña Marta ao Aeroporto do Prat. Aquel verán de 1983, despois de visitar Madrid, pasara uns días cos meus pais e os meus irmáns nunha pequena aldea de Tarragona chamada Saifores. Meu pai fora invitado a un congreso pedagóxico que reunía mestres de toda España e fora organizado pola educadora Marta Mata, falecida o ano pasado e que xa daquela formaba parte do Consello Escolar do Estado.

Foi a propia Marta Mata a que nos levou a Barcelona no seu dous cabalos. As miñas lembranzas mestúranse porque xa estivera alí sendo aínda máis pequeno o verán anterior a entrar no colexio. Pero non podo esquecer o Tibidabo, o Museo de Cera, o Zoo da Ciudadela e as pombas da Praza de Cataluña. Case 24 anos! Meus pais sempre foron moi viaxeiros e non imaxinaban unha viaxe sen nós: Porto, Lisboa, Madrid, Barcelona, Santander, Bilbao... Estoulles agradecido de por vida.

A rúa máis emblemática de Barcelona segue a ser a das Ramblas, que se divide en Rambla de Canaletas, Rambla dels Estudis, Rambla de les Flors, Rambla dels Caputxins, Rambla de Santa Mònica e Rambla de Mar co seu Monumento a Colón. Por suposto hai cousas que non cambian e esa é a esencia de Barcelona.

Hai en Barcelona un interesante debate entre a permanencia dunhas señas de identidade veneradas mundialmente coma os diversos edificios deseñados por Gaudí e a aparición de novos lugares como a Torre Agbar ou o Fórum. Non fai falla sinalar que preferimos a primeira Barcelona, a da Pedrera e a Casa Batlló, A Sagrada Familia e o Parque Güell á do Fórum, que serviu para prolongar a Diagonal até o mar (a zona é coñecida como Diagonal Mar) facendo brotar un conxunto de rañaceos desprovistos de calquera traza orixinal que leve a imaxinar que un está en Barcelona.

Existen moitas Barcelonas. Moitos galegos viven alí e pasa algo parecido ao que ocorre en Bilbao. Ter un familiar en Barcelona pode significar que vive en Reus, Granollers ou Manresa, para nós todo aquelo é Barcelona. Ter un familiar en Bilbao non impide que viva en Barakaldo, Santurtzi ou Galdakao, todo é Bilbao.

Vale por hoxe con esta postal dunhas ramblas invernais pero ateigadas de turistas igualmente.

No hay comentarios: