15 feb 2007

Blanco-Amor novelista


Proseguimos na autoimposta tarefa de esbozar algunhas das personalidades máis relevantes da Historia contemporánea de Ourense. Pode que Eduardo Blanco-Amor sexa o mellor novelista que ten dado esta terra. Desde logo iso é opinábel. O que non se pode discutir é que Blanco-Amor foi o que convertiu a cidade de Ourense en personaxe literario dun xeito máis maxistral.

Nos últimos anos estanse a destacar outras facetas artísticas de Blanco-Amor, ademais da narrativa, como por exemplo a fotografía, da que era un grande amante.

Blanco-Amor non tiña fácil encaixe no Ourense de comezos de século e foi na Arxentina, terra mítica para os galegos, onde o noso autor desgranou a súa vida e o seu traballo soñando sempre con Galiza.

Nacera en 1897 nunha casa da rúa Lepanto na que hoxe unha placa lembra tal feito. Sendo moi novo entrou a traballar na redación do xornal conservador El Diario de Orense e coñeceu as tertulias de finais dos anos 10, nomeadamente a de Risco e os colaboradores de La Centuria. En 1917, sendo porteiro da Inspeción de Primeiro Ensino de Ourense é suspendido de emprego e soldo. En 1919 marcha a Arxentina para regresar a finais dos anos 20 como corresponsal do diario La Nación.

Regresou a Galiza xa nos anos 60 e sofreu grandes penurias das que tan so uns poucos o aliviaron. Morreu en Vigo en 1979.

A súa novela máis coñecida é, sen dúbida, A esmorga. O Milhomes e o Bocas son quizais dous dos personaxes máis lembrados da narrativa galega, máis popularizados aínda grazas á adaptación teatral de Sarabela nos anos 90.

En Ourense, ademais, cheos de orgullo por unha novela tan achegada ao lugar (coma as novelas de Dostoievski no seu San Petersburgo) colocáronse hai anos uns fermosos azulexos con deseños e textos da novela e cada ano realízase un roteiro polos lugares máis famosos percorridos por aqueles esmorgantes de ficción que ben parecen ser de carne e óso.

Con ser coñecida A esmorga, quero determe noutra novela da mesma grandeza, Xente ao lonxe. Nela, o trasfondo segue a ser Ourense, ou mellor dito, a súa transfiguración literaria, Auria. Pero tamén se transfiguraron algúns personaxes e lugares da cidade.

Non pretendo elaborar ningunha teoría nin nada semellante. Ademais, o propio Blanco-Amor é moi claro no prólogo útil á novela: "Os trastocamentos cronolóxicos ou as dislocacións doutro tipo, non son de esquezo ou non curanza sinón de propio intento". Blanco-Amor refírese ás súas sublembranzas para xustificar o uso de tal ou cal topónimo ou antropónimo. So quero amosar a miña curiosidade acerca dos supostos parecidos entre ficción e realidade e averiguar qué sucedeu no camiño entre unha e outra.

Blanco-Amor foi tremendamente exhaustivo na ambientación da novela: os lugares, os personaxes, os comercios, os xornais... parecen gardar moitas semellanzas coa realidade histórica. Ou trabúcome moito se imaxino que o Marqués de Nugallá da novela é unha lembranza do Conde de Bugallal, ministro de Facenda do partido conservador? A ironía que conleva polo seu significado (nugallán: preguizoso, vago) permítenos advertir quizais as intencións do novelista.

Desde este punto de vista a novela ofrece inmensas posibilidades de averiguación. Quizais non se trate deso, quizais soamente sexa un pasatempo sen sentido.




"-Eso asegún, porque eí tes ao máis novo dos do comercio do Aubonmarché que, con vintesete anos ten cinco fillos..."

2 comentarios:

Marcos Valcárcel López dijo...

Blanco Amor mestura datos reais, como o que ti citas dese comercio, e outros un pouco transfigurados (e logo qué xornal sería "El Eco del Calvario"? non é difícil de averiguar). Sobre este tema, se mo permites, as relacións entre Xente ao Lonxe e o mundo social da súa época teño eu un traballo publicado: "Cultura obreira e sinais de identidade do proletariado galego en Xente ao lonxe", no libro "Pé das Burgas. Estudios de historia, literatura e xornalismo" (Caixa Galicia, 1998), pp. 175-192. E tamén é moi útil o documentado traballo de Antón Capelán no especial de A Nosa Terra sobre Blanco Amor. Saúdos cordiais.

David Paz Nóvoa dijo...

Marcos, grazas polo teu comentario neste meu modesto blog. Teño o libro que contén o traballo que citas e tamén A Cidade da Xeración Nós, ademais do teu libro sobre a prensa de Ourense, que me ten sido moi útil nas miñas investigacións. Foi meu pai quen os adquiriu pero desde que comezou a miña auriafilia el foi quen mos deu para podela alimentar día a día. Unha aperta.