17 dic 2011

A librería máis famosa do Sena




Morreu George Whitman só dous días despois de facer 98 anos de idade. George nacera en Nova Jersey e era contemporáneo doutros poetas da xeración Beat como os grandes Jack Kerouac e Allen Ginsberg, mesmo algo maior ca eles. Hai sesenta anos fundou unha librería na parisina Rue de la Bûcherie, na ribeira esquerda do Sena. Chamouna Le Mistral. En 1964 mudoulle o nome polo de Shakespeare & Company en homenaxe a Sylvia Beach, outra norteamericana que xa abrira alí a súa librería nos anos de entreguerras e que era asidua dos círculos literarios dos que formaban parte André Gide, Paul Valéry, Jules Romains, etc. Sylvia Beach chegou a ser a editora do Ulises de James Joyce e tamén escribiu un libro de memorias sobre a vida cultural da cidade titulado precisamente Shakespeare and Company.

George púxolle o nome de Sylvia á súa filla nacida en 1981, Sylvia Whitman, quen é a que leva a librería desde o ano 2003. George morreu nun apartamento situado xusto enriba da súa librería, da súa vida e do seu soño feito realidade.


Tiven a oportunidade de visitar a librería de George Whitman en outono do 2010. Esta librería é un museo, é un punto de encontro de escritores e artistas e lugar de reunión dos norteamericanos residentes en París. Vas camiñando polos seus estreitos corredores e atopas moreas de libros de todas as épocas, case todos en inglés. Nas paredes hai murais, cartas, cadros e fotografías de escritores, de visitantes famosos, posters e postais. Paga a pena a visita só para contemplar todos estes tesouros.


Na planta superior hai habitacións, hai unha cama. Podes coller un libro, sentarte e lelo dun tirón. Hai unha mesa cunha máquina de escribir para quen a queira empregar. Hai un piano e sempre hai alguén tocando as súas teclas. Respírase alí dentro un aire de amizade e amor polos libros e pola cultura.

A entrada é unha especie de patio no que hai maletas cheas de libros, pizarras con citas literarias e caixas con libros de ocasión.

Non marchei dalí sen mercar un par de libros: Reflections, de Walter Benjamin e The Art of Cinema, de Jean Cocteau.

No hay comentarios: