14 mar 2007

Salvar La Zarpa


Hai uns días, cando se comezou a debater o futuro do edificio do Banco de España e o seu posible uso como museo da cidade, comentaba eu no recoñecido blog As uvas na solaina que era necesario salvar o vello xornal La Zarpa (1921-1936). Se un afirma algo así é que teme que morra ou que corra risco de desaparecer. Explícome.
É certo que existe unha colección completa que conservaron familiares de Basilio Álvarez, o seu fundador morto no exilio, e que hoxe forma parte dos fondos da Biblioteca da Deputación. Tiven a sorte de consultala de principio a fin no ano 1999, cando iniciei a miña investigación sobre o cinema en Ourense. Foi doado entón decatarse da enorme calidade deste xornal que saiu por primeira vez á rúa o 27 de xullo de 1921. Estaba escrito cunha grande forza, con espírito de cambio, era reivindicativo, defendía os dereitos dos campesinos, era tolerante e moderno. Non tiña nada que ver coa tópica imaxe dun Ourense monolítico, unicamente conservador e eclesiástico, co curral de vacas que dicía un personaxe de Xente ao lonxe.

Eu aínda tiña recentes as rudas palabras dun profesor meu de Literatura alá en Bilbao nos meus anos universitarios. Era un home deses respetados e moi recoñecidos, premiado polo Goberno de Aznar coa dirección da Biblioteca Nacional e logo do Instituto Cervantes, seica azoute dos nacionalistas vascos. Chamábase e aínda se chama Jon Juaristi. Pois ben, nunha das súas clases maxistrais, creo que lembrando unha novela esaxeradamente naturalista de Emilia Pardo Bazán situada na nosa cidade falou a súa eminencia en tono moi despectivo hacia Ourense dicindo que se agora é así naquel tempo era "de traca". Sempre é mellor non falar do que un non sabe, pero algúns non se dan conta.

De seguro que non coñece o señor Juaristi o Ourense de La Zarpa ou da xeración Nós, persoas que foron quen de poñer o país na senda da modernidade naquela década dos anos 20. Pasar as mans por entre as follas amareladas de La Zarpa foi como respirar aire fresco e confeso que quedei marabillado.

O paso do tempo resulta estragador para o papel dos xornais mesmo cando se conservan en lugares axeitados. Estamos a falar de máis de sete décadas de antigüidade. A colección en papel foi copiada hai anos en microficha pero este é un formato incómodo para os investigadores e pouco axeitado para o mundo dixital. Ademais non axuda á súa difusión pois é necesario dispor dun aparello especial para visionar as microfichas. Segundo parece a colección completa vai ser escaneada e posta a disposición do usuario en Internet, igual que outras que xa están na rede, pero case hai dous anos que teño escoitado falar dese proxecto e non teño visto ningún avance.
A tecnoloxía permite hoxe en día gardar unha colección completa dun xornal en tan so un DVD, incluso se falamos de quince anos de periódico. Ese é o meu desexo, poder conservar e ao mesmo tempo difundir un dos feitos socioculturais máis relevantes da historia do noso Ourense. Perder este tesouro no faiado dun centro cultural é un crime que non se pode permitir.

9 mar 2007

Arturo Vázquez Núñez

O pasado día 2 de marzo cumpriuse o centenario da morte de Arturo Vázquez Núñez, outra importante figura do Ourense de finais do século XIX do que, sen embargo, non se sabe demasiado e que paga a pena coñecer.

Arturo Vázquez Núñez nacera o 15 de novembro de 1852. Pertencía á xeración de Lamas Carvajal (1849) e de Curros Enríquez (1851), cos que mantivo estreita relación. Formaba parte ademais da tertulia do Museo xunto a Marcelo Macías, Benito Fernández Alonso, Martínez Sueiro e outros.

No Boletín da Comisión Provincial de Monumentos Históricos e Artísticos de Ourense publicou a maioría dos seus numerosos traballos sobre arqueoloxía e historia: La arquitectura cristiana en la provincia de Orense durante el periodo medieval, Fuero de Allariz, Efemérides de Galicia, La ex-colegiata de Junquera de Ambía, Iglesia y Convento de San Francisco de Orense, etc.

Segundo recolle Marcos Valcárcel en "Ourense, universo literario", Carlos Casares opinaba que o papel de Vázquez Núñez fora decisivo na formación intelectual dos futuros compoñentes da Xeración Nós.

En novembro de 1952, cando se cumpría o centenario do seu nacemento publicaba José Fernández Gallego un artigo en La Región lembrando a súa memoria e recordando a bibliofilia de Vázquez Núñez:

"Su amor a Orense le mantuvo siempre entre nosotros, metido en su casita de la calle de San Fernando, rodeado de libros, no tantos como escogidos, abundando, aparte los de Arqueología e Historia, los de Literatura francesa y portuguesa, que conocía a fondo."
.
Fernández Gallego, un dos máis curiosos investigadores do Ourense do século XX, sinalaba ademais que Vázquez Núñez fora cronista do Concello de Ourense e mesmo tenente de alcalde. Tamén destacou a súa faceta xornalística en El Heraldo Gallego, fundado por Lamas Carvajal en 1874. Non so escribiu ensaios históricos e arqueolóxicos senón que tamén se adentrou no terreo da poesía con obras que se recollerían no volume Venus y Momo. Foi tamén membro fundador da Real Academia Galega aínda que por moi pouco tempo.
.
Vázquez Núñez estudara Medicina en Santiago pero abandonou os estudos en 1871. Ao ano seguinte pasou a traballar coma oficial no Ministerio de Graza e Xustiza sendo ministro o galego Montero Ríos. De volta en Ourense, en 1887 incorpórase ao claustro do Instituto coma profesor de francés até 1891.
.
Xosé Ramón Fernández Oxea, máis coñecido por Ben-Cho-Shey, do que xa temos falado, pronunciou no mesmo mes de novembro de 1952 unha conferencia en lembranza de Vázquez Núñez no Centro Galego de Madrid. Falou en galego, o cal era excepcional e indica ben ás claras o firme compromiso de Ben-Cho-Shey para coa nosa lingua:
.
"Toda a súa vida foi un constante labourar a prol de Galicia, pra descobrila e dala a coñecer a propios e alleos, culcando nos arquivos, revolvendo nas bibliotecas, e caneando polos camiños a precura de monumentos que estudiar ou de tesouros que asoellar en prove da historia e da cultura da nosa terra."
.
Arturo Vázquez Núñez morreu sen chegar a cumprir os 55 anos de idade. Como dato curioso hai que sinalar que un dos seus máis próximos, Valentín Lamas Carvajal, morrera o ano anterior con tan so 56 anos. Con eles dous desaparecían dous dos persoeiros máis relevantes do final de século en Ourense.

7 mar 2007

A historia do meu bisavó (V)


En agosto de 1930 iniciaba o meu bisavó Pegerto Nóvoa a súa máis relevante actividade comercial, convertíase en propietario do Bar Restaurant Universal, que estaba situado no número 6 da rúa de Luis Espada (hoxe Cardenal Quiroga), é dicir, no mesmo centro da cidade, a medio camiño entre o Hotel Roma e o Hotel Miño.

O restaurante fora fundado en xaneiro de 1926 por Bienvenido Pardo Esperanza, veciño tamén de Coles coma Pegerto. Ademais de ofrecer comidas tiña habitacións para hóspedes. Xusto despois da súa adquisición naquel verán de 1930 Pegerto publicaba algúns anuncios na prensa local, particularmente no diario dereitista Galicia, recén fundado polos fieis a Calvo Sotelo, que fora ministro de Facenda durante a Dictadura de Primo de Rivera:

"Universal Bar Restaurant
El nuevo propietario de este acreditado establecimiento, participa a la numerosa clientela y a la que dejó de serla, que desde hoy encontrarán muchas mejoras en el servicio. Dispongo de hermoso merendero de verano, cocina de primer orden, especialidad en banquetes, comidas por cubierto y a la carta. Servimos cubiertos a domicilio. Despachamos vinos tinto y blanco de buenas clases.
Se sirven meriendas y cenas
Visite sin falta
BAR UNIVERSAL
Luis Espada, 6"

Galicia. 24 de agosto de 1930.


Moitas veces considerábase que os anuncios non tiñan o suficiente efecto persuasivo polo que se emprega outra técnica publicitaria que consistía en disfrazalos de noticia corrente. Era o que se chamaba un reclamo:

"NOTAS COMERCIALES

Universal Bar Restaurant

Nuestro particular amigo y activo e inteligente industrial don Pegerto Novoa, acaba de hacerse cargo, por traspaso, del conocido establecimiento «Universal Bar Restaurant», situado en la concurrida calle de L. Espada.
El señor Novoa, orientado en los modernos procedimientos de la industria, ha introducido interesantes reformas en el local y en todos los servicios, que no dudamos habrán de merecer el elogio de cuantos le visiten. Como complemento de todo ello, hizo importantes compras de licores y demás artículos, que siendo de marcas acreditadas venderá a precios muy limitados.
El servicio de comidas y meriendas, con vinos de cosecha de fama, son atendidos por personal acreditado.
Al señor Novoa deseámosle los mayores éxitos en su nuevo negocio."

Galicia. 3 de setembro de 1930.



España vivía naqueles días unha grande axitación política. A Dictadura de Primo de Rivera rematara en xaneiro e o xeneral Dámaso Berenguer fora o encargado de formar novo goberno. No mesmo mes de agosto en que Pegerto adquiría o seu restaurante tiña lugar o coñecido Pacto de San Sebastián, no que os republicanos afirmaban o seu compromiso na loita por lograr un inmediato cambio de réxime.
(Na imaxe o edicio do Bar Restaurant Universal na actualidade.)

5 mar 2007

De Ourense a Madrid en 12 horas


Un non pode ás veces evitar un leve sorriso ao ler os vellos xornais ourensáns do século pasado e comprobar qué cousas resultaban tan asombrosas para os que vivían naquel tempo.

En setembro de 1952 publicaba Alejandro López Outeiriño unha interesante reportaxe en La Región sobre o servizo de ferrocarril entre Ourense e Madrid, ilusionado ante a posta en funcionamento dunha liña que iría reducir o tempo da viaxe a menos de oito horas. Certamente aquelo suporía un cambio moi grande pois os viaxeiros estaban afeitos a viaxes de máis de quince horas para chegar á capital.

Nese verán de 1952 comezaron a funcionar os novos automotores italianos Taf, fabricados pola Fiat para Renfe, o que significou un grande avance no confort e rapidez do ferrocarril. Este modelo, coas súas sucesivas variacións, percorreu as vías españolas até o ano 1980.


"ORENSE-MADRID EN DOCE HORAS


Cuando circule el ferrocarril Orense-Zamora podremos almorzar en Orense y llegar a cenar a Madrid. Es posible que el viaje se haga en menos de ocho horas a juzgar por el tiempo invertido ahora por el Taf, que lo hace en menos de doce.

El Taf, tradución en anagrama de "Tren Automotor Fiat", es un magnífico servicio que ha puesto la Renfe en circulación este verano. Tiene clase única de segunda y hay que satisfacer un suplemento de velocidad lo que hace que resulte al precio de primera.

Salimos de Orense a las diez y treinta y seis minutos y a las diez y cuarto en punto, hora de llegada, entrábamos en la estación del Norte, de Madrid. El correo invierte veinte horas y el expreso diecisiete. La diferencia es grande si consideramos la ventaja grande de hacer el viaje de día, con el consabido ahorro de la cama, su esmerada limpieza y su riguroso orden en todos los servicios.

Solamente hace paradas en veintidós estaciones de las noventa y dos del trayecto Orense-Madrid. Las más largas son de cinco minutos en Monforte, León y Valladolid, para reponer de agua los lavabos y retretes. La comida empiezan a servirla a las doce y media, a la altura de La Rúa, comenzando por el coche de cabeza y terminando por el de cola. Esta operación dura casi tres horas, pues las comidas las sirven en la misma butaca. Unas mesas portátiles de aluminio las introducen en unos agujeros de la butaca. Encima colocan unas bandejas de pasta con el servicio completo y al poco rato comienzan a traernos el condumio. Este día el menú es el siguiente: entremeses, huevos cocidos con arroz y tomate y un poco de pollo que nos acaba la paciencia y allí se queda casi la mitad. Postre, fruta. Precio: 46 pesetas más impuestos, vino, etc. Después de las cuatro de la tarde empieza a funcionar el bar, donde podéis pedir de todo y a precios no exagerados. Como la cocina y el bar van en el centro del tren su desplazamiento desde cualquiera de los tres coches es comodísimo"

Los tres vagones llevan un total de 174 viajeros con asientos no muy amplios, y respaldo orientado en el sentido de la marcha. Tiene un motor de 1.010 caballos de potencia total, haciendo velocidades de 120 kilómetros y de 60 en pendientes del 15 al 20 por ciento. Como se puede ver la media de marcha es de más de 60 kilómetros a la hora."
(Na imaxe un daqueles Taf dos anos 50.)

2 mar 2007

O Catastro


Mentres pensaba en bancos e catastros, tan de actualidade no meu Ourense, fiquei hoxe lembrando cun sorriso nos beizos unha secuencia dun dos meus filmes favoritos: A gran ilusión (La Grande Illusion, 1937), de Jean Renoir. Esta obra mestra do cinema conta moitas cousas e non se pode resumir nunhas poucas liñas todo o que significa pero pódese dicir que o seu fío argumental son as vivencias dun grupo de prisioneiros franceses durante a Primeira Guerra Mundial ao seren trasladados dun campo de concentración a outro. Nunha das conversas que manteñen entre eles, todas moi irónicas e fenomenalmente filmadas por Renoir, o tenente Maréchal (Jean Gabin), cheo de curiosidade, pregúntalle a outro preso, o enxeñeiro (Gaston Modot) polo seu oficio:

Maréchal: "Qu'est-ce que tu fais dans le civil?".
L'ingénieur : "Moi, je suis ingénieur au Cadastre".
Maréchal, pensif : "Ah ! oui...., au Cadastre!".
Un peu plus tard dans la conversation:
Maréchal, gêné : "Si tu permets, je voudrais te poser une question".
L'ingénieur : "Vas-y".
Maréchal : "Au fait....qu'est-ce que c'est le cadastre?"


(Maréchal: "En que traballabas na vida?".
O enxeñeiro: "Eu, son enxeñeiro no Catastro".
Maréchal, pensativo: "Ah! si..., no Catastro!".
Un pouco despois na conversa:
Maréchal, apurado: "Se me permites, gustaríame facerche unha pregunta".
O enxeñeiro: "Adiante".
Maréchal: Por certo... que é o Catastro?")

Que conciencia?

Aínda que a estas alturas xa non sorprende o falaz discurso da igrexa deste país un non deixa de indignarse ante certas cousas que se din e que aparecen a diario nos diversos medios de comunicación.
A última saída de tono da Conferencia Episcopal é un chamamento á obxeción de conciencia contra a nova materia de Educación para a Cidadanía, que comezará a impartirse o próximo curso. O seu portavoz afirmou o xoves: "La objeción de conciencia es legítima".
Qué lástima que os grandes defensores das conciencias libres non reclamasen ese dereito fundamental durante 40 anos de nacional-catolicismo, relixión obrigatoria e totalitarismo ideolóxico e físico. Aí si que tiña mérito loitar. Que vergonza que falen de obxeción de conciencia os que delataron, sinalaron e mesmo vixiaron os represaliados do franquismo antes de seren executados.
Engade o señor portavoz outra declaración que non hai que perderse: "la autoridad pública no puede imponer ninguna moral a todos: ni una supuestamente mayoritaria, ni la católica". Agora veñen mansiños, parecen lobos con pel de cordeiro. Mesmo se atreven a dicir que eles non queren que se impoña a relixión católica. Sen embargo, non queren nin oir falar de que outras relixións poidan entrar nas nosas escolas, nas que cada ano é máis notoria a convivencia de culturas e relixións diferentes. Eles queren manter o seu privilexio de séculos.
E por certo, a materia endemoniada da que se fala, tan estragadora para as conciencias dos nosos rapaces, tratará temas tan execrabeis coma as institucións democráticas, a convivencia entre culturas, a igualdade entre homes e mulleres, a globalización e a interdependencia, o consumo racional e responsábel, a educación vial, os dereitos humanos, a valoración crítica dos prexuizos sociais racistas, xenófobos, antisemitas, sexistas e homófobos...
E contra todo isto que hai que manifestarse, señores bispos?

28 feb 2007

A historia do meu bisavó (IV)


A comezos de 1928 o meu bisavó Pegerto Nóvoa Álvarez seguía a ser o propietario da Pescadería Viguesa situada na rúa da Paz. Na prensa daqueles días seguían a aparecer as habituais gacetillas publicitarias que Pegerto tivo que pagar para promocionar o seu negocio:


Invitados por nuestro particular amigo don Pegerto Nóvoa, propietario del acreditado establecimiento «Pescadería Viguesa» (...) hemos visitado el establecimiento, admirando una magnífica cámara frigorífica, de acreditada marca de los Estados Unidos, que el señor Nóvoa, entusiasta de todo progreso industrial, hizo instalar en su negocio”.

La Región. 31 de maio de 1928.


A pescadería foi o primeiro negocio no que Pegerto permaneceu por máis dun ano. Parecía, por fin, que atopaba unha ocupación na que sentar cabeza para ben dunha Gumersinda, a súa dona, que tivo que sacrificarse moito e sobrelevar as veleidades dun home tan inconstante.


En outubro de 1929 Pegerto inicia a venda dun variado tipo de mariscos e dirixe unha recomendación cara os "señores sacerdotes" coa intención de que lle fagan chegar os seus pedidos a través dos empregados das casas de autos. Era esta so unha mostra máis da habilidade comercial do meu bisavó para percibir con claridade cáles poderían ser os consumidores habituais dos seus produtos.

23 feb 2007

A España de hai cen anos


Ando ultimamente moi entretido co primeiro volume da Historia de España en el Siglo XX de Javier Tusell. Este primeiro tomo comeza coa crise de finais do século XIX e remata coa proclamación da Segunda República en abril de 1931. A obra, detallada aínda sendo unha edición de bolso, complétase con outros tres volumes, os adicados á República, o Franquismo e a Transición.

Resulta interesante entrar na máquina do tempo e coñecer a España de hai cen anos. Sentín curiosidade por adentrarme nunha etapa da historia tan pouco coñecida, polo menos para min, e que tivo tanta importancia nos acontecementos posteriores.

A obra de Tusell abarca moi diversos temas: o papel de Alfonso XIII e do exército, o sistema político de turnos entre liberais e conservadores, o caciquismo, o catalanismo, o desenvolvemento económico, a neutralidade de España na Primeira Guerra Mundial e as súas consecuencias, o papel que xogaron os intelectuais, etc.

E non está de máis coñecer a relevancia dalgunhas das figuras políticas máis importantes daquela época, varias delas galegas como os presidentes José Canalejas e Eduardo Dato, ambos asasinados por anarquistas, ou Montero Ríos, da xeración anterior e tamén presidente do goberno. Igualmente faise referencia ao movemento agrarista que se produciu en Galiza coa intención de eliminar os foros a que estaban sometidas as terras e que liderou Basilio Álvarez, do que habería que falar con máis detalle.

Outras personalidades importantes da época quedan ben retratadas nesta obra: Sagasta, Silvela, Maura, Cambó, Moret, Alba, o Conde de Romanones, etc.

Tusell faleceu no 2005 e nos últimos anos da súa vida foi moi crítico co chamado revisionismo dalgúns autores moi pouco consistentes que parten de presuncións para elaborar as súas teorías, a antítese do que debe ser un bo historiador.

22 feb 2007

Barcelona ès bona


Vinte anos sen ir a Barcelona son moitos anos, tantos que case da vergonza. Se a miña memoria non erra foi alá polo verán de 1983 con dez anos recén cumpridos que cheguei á cidade condal. Aquela Barcelona non se parece en nada a esta, pero para sermos xustos tampouco eu me parezo moito a aquel neno de dez anos.

A primeira gran diferenza xa está na maneira de chegar alí. Esta vez fun confortablemente en avión coa miña Marta ao Aeroporto do Prat. Aquel verán de 1983, despois de visitar Madrid, pasara uns días cos meus pais e os meus irmáns nunha pequena aldea de Tarragona chamada Saifores. Meu pai fora invitado a un congreso pedagóxico que reunía mestres de toda España e fora organizado pola educadora Marta Mata, falecida o ano pasado e que xa daquela formaba parte do Consello Escolar do Estado.

Foi a propia Marta Mata a que nos levou a Barcelona no seu dous cabalos. As miñas lembranzas mestúranse porque xa estivera alí sendo aínda máis pequeno o verán anterior a entrar no colexio. Pero non podo esquecer o Tibidabo, o Museo de Cera, o Zoo da Ciudadela e as pombas da Praza de Cataluña. Case 24 anos! Meus pais sempre foron moi viaxeiros e non imaxinaban unha viaxe sen nós: Porto, Lisboa, Madrid, Barcelona, Santander, Bilbao... Estoulles agradecido de por vida.

A rúa máis emblemática de Barcelona segue a ser a das Ramblas, que se divide en Rambla de Canaletas, Rambla dels Estudis, Rambla de les Flors, Rambla dels Caputxins, Rambla de Santa Mònica e Rambla de Mar co seu Monumento a Colón. Por suposto hai cousas que non cambian e esa é a esencia de Barcelona.

Hai en Barcelona un interesante debate entre a permanencia dunhas señas de identidade veneradas mundialmente coma os diversos edificios deseñados por Gaudí e a aparición de novos lugares como a Torre Agbar ou o Fórum. Non fai falla sinalar que preferimos a primeira Barcelona, a da Pedrera e a Casa Batlló, A Sagrada Familia e o Parque Güell á do Fórum, que serviu para prolongar a Diagonal até o mar (a zona é coñecida como Diagonal Mar) facendo brotar un conxunto de rañaceos desprovistos de calquera traza orixinal que leve a imaxinar que un está en Barcelona.

Existen moitas Barcelonas. Moitos galegos viven alí e pasa algo parecido ao que ocorre en Bilbao. Ter un familiar en Barcelona pode significar que vive en Reus, Granollers ou Manresa, para nós todo aquelo é Barcelona. Ter un familiar en Bilbao non impide que viva en Barakaldo, Santurtzi ou Galdakao, todo é Bilbao.

Vale por hoxe con esta postal dunhas ramblas invernais pero ateigadas de turistas igualmente.

15 feb 2007

Blanco-Amor novelista


Proseguimos na autoimposta tarefa de esbozar algunhas das personalidades máis relevantes da Historia contemporánea de Ourense. Pode que Eduardo Blanco-Amor sexa o mellor novelista que ten dado esta terra. Desde logo iso é opinábel. O que non se pode discutir é que Blanco-Amor foi o que convertiu a cidade de Ourense en personaxe literario dun xeito máis maxistral.

Nos últimos anos estanse a destacar outras facetas artísticas de Blanco-Amor, ademais da narrativa, como por exemplo a fotografía, da que era un grande amante.

Blanco-Amor non tiña fácil encaixe no Ourense de comezos de século e foi na Arxentina, terra mítica para os galegos, onde o noso autor desgranou a súa vida e o seu traballo soñando sempre con Galiza.

Nacera en 1897 nunha casa da rúa Lepanto na que hoxe unha placa lembra tal feito. Sendo moi novo entrou a traballar na redación do xornal conservador El Diario de Orense e coñeceu as tertulias de finais dos anos 10, nomeadamente a de Risco e os colaboradores de La Centuria. En 1917, sendo porteiro da Inspeción de Primeiro Ensino de Ourense é suspendido de emprego e soldo. En 1919 marcha a Arxentina para regresar a finais dos anos 20 como corresponsal do diario La Nación.

Regresou a Galiza xa nos anos 60 e sofreu grandes penurias das que tan so uns poucos o aliviaron. Morreu en Vigo en 1979.

A súa novela máis coñecida é, sen dúbida, A esmorga. O Milhomes e o Bocas son quizais dous dos personaxes máis lembrados da narrativa galega, máis popularizados aínda grazas á adaptación teatral de Sarabela nos anos 90.

En Ourense, ademais, cheos de orgullo por unha novela tan achegada ao lugar (coma as novelas de Dostoievski no seu San Petersburgo) colocáronse hai anos uns fermosos azulexos con deseños e textos da novela e cada ano realízase un roteiro polos lugares máis famosos percorridos por aqueles esmorgantes de ficción que ben parecen ser de carne e óso.

Con ser coñecida A esmorga, quero determe noutra novela da mesma grandeza, Xente ao lonxe. Nela, o trasfondo segue a ser Ourense, ou mellor dito, a súa transfiguración literaria, Auria. Pero tamén se transfiguraron algúns personaxes e lugares da cidade.

Non pretendo elaborar ningunha teoría nin nada semellante. Ademais, o propio Blanco-Amor é moi claro no prólogo útil á novela: "Os trastocamentos cronolóxicos ou as dislocacións doutro tipo, non son de esquezo ou non curanza sinón de propio intento". Blanco-Amor refírese ás súas sublembranzas para xustificar o uso de tal ou cal topónimo ou antropónimo. So quero amosar a miña curiosidade acerca dos supostos parecidos entre ficción e realidade e averiguar qué sucedeu no camiño entre unha e outra.

Blanco-Amor foi tremendamente exhaustivo na ambientación da novela: os lugares, os personaxes, os comercios, os xornais... parecen gardar moitas semellanzas coa realidade histórica. Ou trabúcome moito se imaxino que o Marqués de Nugallá da novela é unha lembranza do Conde de Bugallal, ministro de Facenda do partido conservador? A ironía que conleva polo seu significado (nugallán: preguizoso, vago) permítenos advertir quizais as intencións do novelista.

Desde este punto de vista a novela ofrece inmensas posibilidades de averiguación. Quizais non se trate deso, quizais soamente sexa un pasatempo sen sentido.




"-Eso asegún, porque eí tes ao máis novo dos do comercio do Aubonmarché que, con vintesete anos ten cinco fillos..."

14 feb 2007

Sempre Ben-Cho-Shey


Penso que está por facer un verdadeiro museo-biblioteca-enciclopedia que sirva para divulgar de xeito didáctico a vida e a obra das máis importantes figuras literarias, artísticas, sociais e políticas que ten dado a nosa querida Auria. Desde un Xan da Cova e o seu curiosísimo trampitán (Que sería del se chegara a ter o seu propio blog?) até o recoñecido José Ángel Valente ou as irmás Pura e Dora Vázquez, pasando evidentemente polos Risco, Otero e Cuevillas da Xeración Nós, a tertulia do Roma, os artistiñas do Volter, etc, etc.

Entre todos eles cabería reservar un lugar de honra a un ourensán nacido a finais do século XIX chamado Xosé Ramón Fernández-Oxea, pero moito máis coñecido por Ben-Cho-Shey, o seudónimo que empregou para firmar as súas crónicas da Guerra de Marrocos que enviaba por telégrafo á redación do diario agrarista La Zarpa, fundado en xullo de 1921.

Ben-Cho-Shey dedicou grande parte da súa vida á defensa da cultura e identidade de Galiza. Sentía unha forte pena ao contemplar como un país renunciaba á súa personalidade. Foi ademais un magnífico investigador das nosas tradicións, da etnografía galega, da nosa historia. Comezou sendo mestre de primaria e continuou os seus estudos na Escola Superior de Maxisterio de Madrid, cidade na que viviu durante moitos anos xa despois da guerra e desde a que impulsará calquera iniciativa encamiñada a apoiar a cultura do país.

A finais dos anos 20 viaxa a Francia, Bélxica e Holanda pensionado polas Deputacións galegas para perfeccionar a súa formación pedagóxica. Alí comproba de primeira man o emprego de metodoloxías diferentes as habituais en España e coñece a realidade socio-lingüística daqueles países, o que lle levará a facerse algunhas reflexións acerca da presenza da lingua galega na educación.

De volta, no ano 1929, publica en La Región algúns artigos moi interesantes nos que se aprecian os seus temas de maior interese naquel momento:


"Comentarios
A FALA NA ESCOLA

Mentiría si dixese que me gorentou o derradeiro artigo que Luis Bello adicou a Galicia. Confeso que eu agardaba de il outra cousa mais en consonancia co’a sua historia de home liberal, comprensivo e limpo de prexuicios; mais a o enfrentarse co a cuestión do idioma xurde n-il o centralismo lingüístico pol-o que tanto agarimo sinten as xentes da Meseta.
Pouco importa que disfrace o asunto e procure levalo ó terreo practicista para sacar a secuencia de que o ensiño debe facerse en castelán. Por riba de todo pra nos, pra os que loitamos pol-a persoalidade de Galicia, está esa afirmación que senta Bello: «Nin Cataluña, nin en Vasconia a xente se avergoña de falar a sua lingoa. Somentes en Galicia o idioma ten categoría». E contra de esta categoría é contra do que imos todol-os galegos que levamos a Galicia no corazón. Y-o único xeito de desfacer a lenda aldraxante é o levar a escola o idioma que se fala na casa.
Bello, esquecendo sin dúbida que o problema de Galicia é o de todol-os pobos que abdican da sua persoalidade, afirma que é mais fácele o ensiñar o castelán que o arrincar os galegos do prexuicio que teñen para o seu idioma. Nos, quizais trabucados, coidamos que é todo o contrario. Pro a favor noso temol-a esperencia do pobo irlandés, que tamén se avergoñaba da sua lingoa e hoxe rehabilitouna; e non somentes de Irlanda, senón tamén de Flandes, e de Checoeslovaquia, e de Ukrania, e de Georgia pobos todos que gracias a un réxime de goberno comprensivo e humán chegaron á reivindicazón dos idiomas que viviran días tristes de aldraxe y-esquecemento nas xa recuadas épocas de asoballamento imperialista.
Tampouco pensamos que Unamuno teña razón a o decir que é unha «niñería» o coidar que un pobo podía ter duas lingoas domésticas. Esta afirmación podía pasar no 1902 cando a xente coidaba de boa fe que chegaría a falarse no mundo o esperanto; pro hoxe que vivimos días de recoñecemento da persoalidade étnica e lingüística dos pobos pequenos resulta infantil o discutir o bilingüismo cando éste medra puxante en Suiza y-en Bélxica, que da a casualidade de seren dous dos países que mais adiante van en custiós pedagóxicas.
Cando un nemigo do cultivo das lingoas rexionás quer combatir o seu emprego nas escolas deixa sempre de lado o aspecto sentimental, a faceta cordial, que para nos é a mais importante, e arrincándose pol-o rexistro pragmático dí que se debe falar y-ensiñar en castelán por ser o idioma mais espallado. Por esta misma razón podríase aconsellar o ensiño do inglés ou do chino. Pro ainda así temos razón os que non queremos abandoar o galego, pois o galego-portugués fálase nas cinco partes do mundo; y-a emigración galega o mesmo se dirixe cara Hispano-América que cara o Brasil; y-o luso-galaico é o idioma da tan gabada ruta aérea que partindo de Lisboa vai pol-as Azores e Cabo Verde a Fernando de Noronha y-o Brasil.
Un home que como Luis Bello adica a sua vida a espertal-o amor pol-a escola, sabe todo esto; e porque o sabe sospeita que desintamos da sua opinión os xóvenes que loitamos por Galicia. Pro é que –aunque a certos galegos lles pareza mentira– todol-os homes do Centro, ainda os de mais talento como Bello, sufren ofuscaciós en canto se lles toca a o idioma; cousa que a nos parécenos moi ben porque defenden o seu. ¡Y-ogallá todol-os galegos fixeramos o mesmo co a nosa lingoa!


BEN-CHO-SHEY

La Región, 12-09-1929.

12 feb 2007

O cinema alemán en tres letras


UFA. Baixo esas siglas coñécese a máis importante productora cinematográfica alemana da historia. A Universum Film AG foi fundada no Ministerio da Guerra no ano 1917, en plena Primeira Guerra Mundial, co obxectivo de impulsar a cinematografía alemana e de realizar filmes de propaganda bélica. A empresa estatal aliouse con capital privado e así un grupo de banqueiros e algúns sectores industriais colaboraron na súa fundación.

A pesares das súas limitadas pretensións artísticas, a UFA pronto comezou a producir películas máis populares e entretidas coma Carmen e Madame Dubarry dun moi novo Ernst Lubitsch. Ademais, a compañía inaugurou o seu grandioso Ufa-Palast am Zoo, no coñecido distrito berlinés en 1919, o que pronto se convertiría no máis importante teatro de todo o país e o escenario onde tiñan lugar as máis relevantes estreas cinematográficas.

O feito de fusionarse en 1922 coa Decla-Bioscop aínda acrecentou máis a calidade dos seus filmes pois incorporáronse ao plantel figuras como Fritz Lang e o productor Erich Pommer, o verdadeiro impulsor da compañía nos anos seguintes. A UFA foi a grande productora dos difíciles anos da República de Weimar e unha das poucas compañías que foi quen de facer fronte aos grandes estudios de Hollywood.

En 1926 a UFA entra en crise e moitos dos seus grandes actores e directores coma os mesmos Lang e Pommer ou F.W. Murnau, Emil Jannings e Conrad Veidt marchan cara a EE.UU. Ao ano seguinte, a productora, que xa era completamente privada, vai ser controlada por Alfred Hugenberg, o ultranacionalista magnate da prensa alemana e un dos maiores apoios nos anos vindeiros do partido nazi. Con Hugenberg, nos filmes da UFA comeza a sentirse o seu contundente ultranacionalismo que xa adianta o que está por vir.

Coa chegada do cinema sonoro a UFA alcanza en 1930 un dos seus máis clamorosos éxitos adaptando a novela de Heinrich Mann titulada O profesor Unrat, que no cine vaise chamar O anxo azul (Der Blaue Engel). Da dirección encárgase o vienés Josef von Sternberg, retornado dos EE.UU. xunto co protagonista Emil Jannings e unha Marlene Dietrich que aproveitaba de que xeito o seu primeiro papel principal nun filme sonoro.

11 feb 2007

Bird´s dreams


Non son nin un connaisseur nin un grande apaixoado do jazz pero confeso que ás veces disfruto escoitando esta música tan auténtica e sentida. Tampouco todo o jazz me atrae pero hai certos artistas que teño entre os meus preferidos e un deles é Charlie Parker.

Lembro que a primeira vez que vin o nome de Charlie Parker foi durante os meus anos de instituto. Estabamos a ler Las armas secretas, o libro de relatos de Julio Cortázar. O primeiro texto titulábase El perseguidor e era unha fermosa homenaxe ao célebre saxofonista, un perseguidor de soños, de novos sons, de novas formas de facer música, un dos creadores do be bop, un dos máis importantes artistas do século XX.

O relato contaba como un músico obsesionado (Parker) non era quen de conseguir todo o que rebulía na súa cabeza e a frustración que elo lle ocasionaba:

"Esto ya lo toqué mañana, es horrible, Miles, esto ya lo toqué mañana".


Nos anos 40 o estilo musical que predominara na década anterior, o swing, entrou en crise. As grandes orquestras de Glenn Miller e Benny Goodman alcanzaran un tremendo éxito entre a poboación branca dos EE.UU. pero o estilo xa non daba máis de si, non había lugar para a innovación artística.

Parker foi un innovador, como moitos outros músicos da súa xeración. A década dos 40 foi o tempo da improvisación, das jam sessions nas que se podía tocar o que se quixera. Foi o tempo tamén dos primeiros estilos alternativos e rebeldes. Así non sorprende que os escritores da Beat Generation como Jack Kerouac adorasen a Charlie Parker e a súa maneira de facer música.

Bird, como era coñecido por todos, viviu unha vida chea de excesos co alcohol e as drogas. Cando morreu unha noite mirando a televisión só tiña 35 anos pero tiña o corpo dun home de máis de 60.

17 ene 2007

A historia do meu bisavó (III)


Despois de traballar na cristalería La Belga o meu bisavó Pegerto Nóvoa pasou a encargarse en 1927 do hostal A Provinciana, no número 8 da rúa de Santo Domingo, xusto na fermosa Praza do Ferro.

Nese mesmo ano de 1927 pasa a ser tamén o representante en Galiza da MRM, unha casa de San Sebastián dedicada ao recauchutado de neumáticos.

Aínda no outono do mesmo ano abre a Pescadería Viguesa, no número 32 da rúa da Paz, que fai esquina coa devandita Praza do Ferro. O nome do novo negocio tamén nos permite adiviñar algunha relación especial coa cidade olívica. As gacetillas de La Región promocionan a nova pescadería cos xiros publicitarios habituais daqueles tempos:

“Está siendo muy visitado el nuevo establecimiento industrial «Pescadería Viguesa» instalado en la calle de la Paz, esquina de la Plaza del Hierro, de esta ciudad.
Débese el éxito de «Pescadería Viguesa» además del peso, a la fina calidad del pescado y marisco que allí se vende, y que el público puede adquirir en las mejores condiciones durante todo el día.
Felicitamos a los propietarios de «Pescadería Viguesa», muy especialmente a nuestro amigo don Pegerto Nóvoa, persona muy inteligente y activa por la acertada orientación que dieron a este negocio, en el que le deseamos la mayor prosperidad.”
La Región. 20 de decembro de 1927.
............................................................................................................
Na fotografía, tomada en Cuba nos anos 10, podemos ollar a Pegerto Nóvoa (pola esquerda o segundo de pé na última fila) e a Gumersinda Castro (a primeira muller sentada na segunda fila contando pola dereita).

6 ene 2007

O malvado Zaroff


O malvado Zaroff (The Most Dangerous Game, 1932)

D.: Irving Pichel e Ernest B. Schoedsack.
I.: Joel McCrea, Fay Wray, Leslie Banks.
RKO Radio Pictures


Esta é a historia dun cazador convertido en presa. Joel McCrea interpreta a un moi áxil e experto cazador de tigres que naufraga e chega a unha illa onde o sinistro Conde Zaroff se entretén practicando un moi sádico tipo de caza, sen dúbida, o xogo máis perigoso, que é o título orixinal da película en inglés.

Fay Wray, a mesma actriz que interpretaba á bela muller atrapada por King Kong no alto do Empire State, é aquí a aterrorizada hóspede forzada do malvado conde.

Esta longametraxe, de apenas 63 minutos, contén elementos propios do cinema fantástico e de terror tan predominante en Hollywood nos comezos dos anos 30. King Kong, Drácula, Frankenstein, A parada dos monstros e O home invisible son algúns dos filmes máis destacados.

Aqueles anos proporcionaron tamén unha boa lista de grandes actores coma Bela Lugosi ou Boris Karloff e de realizadores como Tod Browning e James Whale, os dous da Universal.

O malvado Zaroff pode ser unha mostra máis deste estilo esquecido durante décadas pero que recentemente parece ser recoñecido outra vez grazas a cineastas coma Tim Burton ou as novas versións de Drácula (Francis Ford Coppola), Frankenstein (Kenneth Branagh) ou King Kong (Peter Jackson).

30 dic 2006

Pequenos tesouros


Sempre apetece facer un paradiña nas tendas dos museos que un vai visitando e mercar polo menos algunha postal das obras de arte que alí se conservan, non co afán do verdadeiro colecionista convencido senón máis ben por un puro fetichismo primitivo guiado polo desexo de fuxir co tesouro conservado.

A tecnoloxía permítenos o que antes era imposible, a reprodución fiel das obras artísticas, pero sempre falta algo. Walter Benjamin, nun dos seus ensaios máis coñecidos, A obra de arte na época da súa reproductibilidade técnica, aseguraba que na reprodución sempre falta o aquí e o agora de cada obra de arte, que é o que lle confire a súa autenticidade.

Mentres pensaba en proxectos de novas viaxes e novos lugares recuperei estas postais mercadas na National Gallery de Londres hai xa ben tempo, un excelente museo nunha cidade fabulosa. Son de épocas e estilos moi diversos: O matrimonio Arnolfini, de Van Eyck; A Venus do espello, de Velázquez; Os xirasoles, de Van Gogh; Chuvia, vapor e velocidade, de Turner; e como lembranza das paisaxes londinenses O Támesis baixo Westminster, de Monet.

26 dic 2006

H.H. no Couto


A Unión Deportiva Orensana (UDO), da que xa temos falado, foi o equipo de fútbol que representou á nosa cidade alá polos anos 40 e comezos dos 50. Da súa andaina na Segunda división habería que falar con máis detalle porque merece a pena recordar aqueles magníficos xogadores e aquelas brillantes temporadas. Agora toca rescatar un deses partidos amistosos que se xogaron no Estadio do Couto naqueles anos.
O 15 de outubro de 1951 visitábanos nada máis e nada menos que o Atlético de Madrid, daquela campión de Liga por segunda vez consecutiva. Era habitual que os directivos ourensáns aproveitaran a visita a Vigo dos equipos máis punteiros da Primeira división para propoñerlles que xogasen en Ourense un partido o día anterior ou o seguinte ao compromiso ligueiro. As xestións co clube madrileño fructificaron e os futboleiros ourensáns puideron disfrutar dun interesante partido na tarde daquel luns.
O Atlético de Madrid, que non había moito tempo aínda era chamado Atlético Aviación, tiña como principal figura ao marroquí Larbi Ben Barek, coñecido como "A perla negra". No banco o seu treinador era o famoso Helenio Herrera, que aínda estaba a comezar a súa carreira futbolística en España. Os atléticos viñan de vencer con claridade en Balaídos (0-3).
O partido rematou con victoria local (5-4) e estes foron os que xogaron de inicio por cada equipo:

UDO: Pardiñas, Rodolfo, Padrón, Ernesto, Manolé, Ríos, Ortiz, Román, Rubio, Lara e Masós.
Atlético de Madrid: Menéndez, Cobo, Tinte, Farias, Mencía, Mújica, Juncosa, Ben Barek, Estruch, Mascaró e Miguel.

Ao final do encontro Helenio Herrera eloxiaba o xogo dos ourensáns:

"Tienen ustedes un magnífico equipo, con el que no debieran perder ningún partido en su propio campo y ganar muchos fuera. Es un equipo que me ha sorprendido, porque sabe hacer fútbol."

22 dic 2006

O mito de Sísifo


Albert Camus utilizou en 1942 a historia de Sísifo como motivo narrativo para a elaboración dun moi interesante e famoso ensaio sobre a existencia humana.

Sísifo foi un home que caeu en desgraza aos ollos dos deuses polo seu excesivo inxenio e astucia. Hai versións que din que Sísifo era o pai de Ulises, quen herdou del esa grande intelixencia que todos lembramos. Como castigo perdeu a vista e foi condenado a empurrar unha pedra pola ladeira dunha montaña cara a cima eternamente. A pedra cando chega ao cume cae e Sísifo ten que volver a comezar o seu traballo absurdo unha vez máis.

Precisamente do absurdo da vida fala Camus no seu ensaio. A excusa é Sísifo e o seu mito. Camus propón unha pregunta que considera fundamental: A vida merece a pena ser vivida? El desenvolve a súa teoría do home absurdo, aquel que é consciente da inutilidade do seu esforzo e do sinsentido da vida. As relixións, calquera delas, son só saltos ao baleiro para salvar o abismo que hai entre a conciencia do absurdo e o apego á propia vida.

A fonte de Camus é principalmente o Dostoievski da novela Os demos, particularmente do seu personaxe máis filosófico, Kirilov, pero a min a súa conciencia do absurdo da vida lévame tamén a pensar nun Unamuno ou mellor no Pessoa do Livro do Desassossego.

Lonxe do existencialismo francés de Jean Paul Sartre, do que Camus non era para nada defensor, tamén houbo a mesma e recurrente pregunta sobre se a vida merece a pena ser vivida.

18 dic 2006

Vinte anos sen o Zeca


O próximo 23 de febreiro cumpriranse 20 anos desde que morreu en Setúbal (Portugal) José Manuel Cerqueira Afonso dos Santos, máis coñecido como José Afonso. Foi sen dúbida o cantor e compositor portugués máis importante da música comprometida e de loita social antes e despois do 25 de abril.

Unha das súas primeiras cancións, Menino do bairro negro, ten unha fermosa letra e foi escrita por José Afonso inspirándose nun barrio marxinado do Porto. Chámanme especialmente a atención os versos "Onde não há pão, não há sossego":

Olha o sol que vai nascendo
Anda ver o mar
Os meninos vão correndo
Ver o sol chegar
Menino sem condição
Irmão de todos os nus
Tira os olhos do chão
Vem ver a luz
Menino do mal trajar
Um novo dia lá vem
Só quem souber cantar
Vira também
Negro bairro negro
Bairro negro
Onde não há pão
Não há sossego
Menino pobre o teu lar
Queira ou não queira o papão
Há-de um dia cantar
Esta canção...

13 dic 2006

A historia do meu bisavó (II)


No ano 1926 toda a familia está xa reunida de volta en Ourense. Pegerto, con 33 anos, regresara de Cuba facendo, seguramente, unha breve estadía en Vigo da que descoñecemos calquera detalle. Os dous fillos aínda eran moi novos. Alfredo tiña seis anos e Pegerto tan só cinco.

Chegan a unha cidade con apenas 20.000 habitantes. O Ourense dos anos 20 ía crecendo pouco a pouco grazas ás migracións dentro da provincia. A súa industria era moi feble e comezaban a experimentar un maior crecemento o sector do comercio e o transporte.
Durante os anos seguintes Pegerto vai emprender diversos negocios en Ourense dun xeito un pouco inconstante. Na primavera dese mesmo ano abre unha fonda na rúa Arcedianos, a que une a Praza Maior coa rúa Juan de Austria a través da Praza de San Martiño. No mes de xullo pasa a ser o representante en Ourense da cristalería viguesa La Belga. No número 21 da rúa da Gloria era onde recibía os encargos para a instalación de cristais e onde elaboraba os correspondentes presupostos dos clientes.

Horus protexe a Gulbenkian


Calouste Sarkis Gulbenkian naceu no que hoxe é Turquía en 1869. Foi un empresario de moito éxito no sector petrolífero. En 1928, no reparto da Turkish Petroleum entre as principais petroleiras do mundo soubo reservar para si mesmo o cinco por cento da nova compañía pasando a ser coñecido no mundo dos negocios coma o Señor Cinco por Cento. Esa porcentaxe permitiulle amasar unha fortuna que empregou na súa maior paixón: o colecionismo de obras de arte.

Despois da Segunda Guerra Mundial, Gulbenkian que tiña vivido en Londres e París estableceuse definitivamente en Portugal a onde levou as diversas pezas que foi adquirindo durante a súa vida. Morreu en 1955 e ao ano seguinte naceu en Lisboa a Fundación Calouste Gulbenkian formada hoxe en día por unha serie de museos e centros culturais.


O Museo Gulbenkian, que amosa só a sexta parte de toda a coleción, contén obxectos de moi diversos estilos, épocas e procedencias. Podemos contemplar desde uns marabillosos xarróns da China ata esculturas do Antigo Exipto. Merece a pena deterse nos manuscritos iluminados da Idade Media. Para os amantes da pintura son recomendables algunhas obras dos impresionistas coma Manet ou Degas. Na entrada do complexo poderedes ollar a estatua do fundador protexida por Horus, o deus falcón dos exipcios, en lembranza do Horus do Templo de Edfu.

12 dic 2006

Eléctricos centenarios


Aí vai unha nova postal da vella Lisboa de sempre, a que gardamos na nosa memoria. Nela podemos ollar dous dos famosos eléctricos, aparatos que son testemuña histórica desde hai máis de cen anos do acontecer diario da cidade da luz. Segundo parece, a primeira liña de tranvías inaugurouse no ano 1901 e enlazaba o Terreiro do Paço, hoxe Praça do Comercio, con Algés, localidade moi próxima a Lisboa.

Sempre hai algo de máxico nas cidades que conservan os seus antigos tranvías. En moitos países de Europa é o máis habitual. Forman parte da paisaxe tradicional pero ademais seguen a ser utilizados por propios e alleos. Son respectados e integrados na rede local de transportes.

A fotografía foi tomada o pasado 7 de decembro no Largo de Camões, unha praza na que se veñen encontrar o Chiado e o Bairro Alto e que lembra ao grande escritor portugués.

11 dic 2006

A epopeia lusa


Aínda que xa o lin na miña adolescencia, alá polo 1989, tiña gañas de lelo mais uma vez e por iso merquei en Lisboa unha edición sinxela e moi didáctica de Os Lusíadas, curiosamente a mesma edición que me fixera disfrutar hai máis de quince anos.

O poema épico escrito por Luis de Camões en 1572 é unha celebración renacentista do nacemento dunha nación ao estilo das magnas historias gregas e romanas pero co descobrimento das novas rutas cara a India como telón de fondo narrativo. O heroe non é nin Ulises nin Eneas senón o propio pobo portugués, os lusos, os lusitanos. O navegante Vasco da Gama ten, iso si, un papel fundamental, levou a Portugal máis alá do Cabo de Boa Esperanza. O paganismo clásico é substituido aquí pola cruzada cristiá e a conquista de novas terras. Todo en conxunto fai de Os Lusíadas unha epopeia moderna e fundamentalmente patriótica.

O poema está dividido en dez cantos e 1102 estrofas que son octavas decasílabas. Non todos os cantos teñen o mesmo número de estrofas pero hai certa regularidade. No inicio o autor prega ás musas pola inspiración necesaria para levar adiante o canto patrio.

Non se coñece apenas nada da vida do autor pero é probábel que fose de orixe galega, dunha familia establecida en Chaves. Algúns estudiosos de Camões, porén, sitúan o seu nacemento na mesma Lisboa. Alén das disquisicións sobre o lugar de nacemento merece sobre todo a pena disfrutar dun monumento literario tan destacado.

Laranxas en Lisboa


Portugal é un país capaz de ofrecer as imaxes máis estranas. Lisboa, a súa capital, é unha cidade que paga a pena visitar, mesmo se está ateigada de turistas madrileños e andaluces con aires de suficiencia.

Entre o barrio da Baixa e o Chiado érguese o elevador de Santa Justa que transporta os peóns cara o Largo do Carmo. Ademais, na cima do elevador, hai un pequeno mirador desde o que se pode contemplar toda a cidade. Regateando entre os turistas tomei esta curiosa fotografía: unha cestinha de laranxas e ao fondo a fermosa praza do Rossio ou praça de Pedro IV, primeiro Imperador do Brasil e neto de Carlos IV de España.

26 nov 2006

A variña máxica

Lendo e escoitando certas cousas un comeza xa case a pensar que os mestres somos os novos magos Houdini do século XXI. Hai cinco anos, cando empecei esta desagradecida tarefa de ensinar, descoñecía por completo os superpoderes máxicos que a sociedade actual asegura que posuímos. Confeso: eu aínda non atopei a miña variña máxica pero supoño que será por falta de vocación ou aptitude, ou as dúas cousas, que todo pode ser.
É que xa vai sendo excesivo isto de responsabilizar ás escolas e aos mestres de todos os males do mundo. Se nos decatamos cada certo tempo da continua sangría dos máis novos nas estradas é porque na escola non se fai fincapé na educación vial, se os nenos enchen o bandullo de bolos industriais cheos de graxas animais é porque na escola non se fala o suficiente da boa nutrición, se os adolescentes entran inxenuamente no mundo das drogas é porque lles falta información e os profesores non saben tratalos. E así poderíamos seguir con cen casos máis.

Resulta cando menos triste ollar como esta sociedade e tamén moitas familias se desentenden por completo de asuntos tan importantes. Asusta a facilidade con que se atopa resposta para todo sen pensar en nada. Queridos mestres, se segue habendo obesidade infantil, drogadición e acidentes nas estradas sabede que é porque non traballades o suficiente, porque o resto do mundo está moi ocupado en cousas máis importantes. Quizais é que aínda non atopastes a maldita variña máxica que eu ando a buscar.

24 nov 2006

Serrat en Vilagarcía

Foi unha sorte asistir o pasado xoves 23 ao concerto de Joan Manuel Serrat no Auditorio de Vilagarcía. Non adoitan pasar por aquí figuras musicais da talla do cantautor catalán e por iso non sorprendía que o aforo estivese repleto e as entradas esgotadas dous meses antes da súa actuación.
Serrat amosou o seu lado máis intimista e persoal. Acompañado no piano polo seu inseparábel Ricard Miralles deu un repaso pola súa amplísima discografía que deixou contentos aos máis fieis. Entre canción e canción gañou a complicidade do público con anécdotas contadas de xeito moi divertido facendo no medio do concerto un brinde pola vida.

No repertorio a maioría foron cancións clásicas dos seus máis de 40 anos adicados ao mundo da música. Comezou con Hoy puede ser un gran día e despois viñeron, entre outras, Tu nombre me sabe a yerba, De vez en cuando la vida, Esos locos bajitos, Penélope, Cantares, Para la libertad, Señora, Disculpe el señor, Me gusta todo de ti (pero tú no), Muñeca rusa, etc.

Do seu último disco , adicado a Mahón, lugar onde o cantautor pasa longas temporadas, presentou tres cancións en catalán: Mô, Fugir de tu e Cremant nuvols.

O remate do concerto chegou co seu superclásico Mediterráneo, pero o público entregado desde o inicio pediu máis e máis e Serrat voltou finalmente para cantar Fiesta e Lucía, coa que rematou unha fermosa noite.

22 nov 2006

Auga, lume, terra e aire

Xa coa calma que concede o tempo vale a pena falar das inundacións acontecidas en Vilagarcía o pasado sábado día 18. A auga que caeu nun pequeno intervalo de tempo durante a mañá coincidiu coa marea alta e fixo que o río do Con (un pequeno regato) se desbordara asolagando as rúas do contorno. Tamén outras zonas da vila coma a rúa Rey Daviña sofreron situacións semellantes e moitos locais comerciais tiveron que traballar arreo para librarse da auga e salvar o que se podía salvar.

No CEIP A Lomba, no que eu traballei o curso pasado, as chuvias provocaron que a planta baixa ficase inservíbel para impartir clase e por iso o luns foi suspendida a actividade lectiva.

Despois dos lumes de agosto, as fortes chuvias do outono veñen complicar máis as cousas. Pero penso que nada disto é inocente e non ocorre porque si. Sabémolo todos e xa basta de mirar para outro lado. Queimar os montes e construir en calquera sitio non é a mellor política para defender o noso medio natural.

(Na fotografía pódese ver cómo se atopaba a rúa Fariña Ferreño, onde eu vivo. Sorte que non estaba aquí).

Mellor que non veñan

Hoxe, no suplemento de presentación da edición galega de El País, o xornalista Xosé Manuel Pereiro escribe coa súa peculiar ironía un moi atinado artigo sobre as aberracións urbanísticas nas costas do noso país e sobre as 600.000 vivendas que se proxectan construir nos próximos anos. Titúlase o artigo 'Mejor no vengan' e merece moito a pena. Está escrito coma se se tratase dunha advertencia a todos aqueles que pensan en mercar unha segunda vivenda perto das nosas praias:

"Los gallegos somos extremadamente hospitalarios con los visitantes. Y tremendamente irritables con los vecinos. Apreciarán la diferencia en cuanto se aposenten y pasen de ser veraneantes a vecinos. Aquí también se aplica el dicho anglosajón de que "las buenas vallas hacen buenos vecinos", pero dependiendo de la valla. Las buenas son las que ya están hechas y no son movibles. Además, sus vecinos autóctonos serán con toda seguridad los antiguos propietarios de los terrenos que ustedes ocupan, que los vendieron por dos duros cuando eran de uso agrícola porque creyeron hacer un buen negocio, o porque con el señor que los compraba venía un concejal que decía que los iban a expropiar si no vendían. Necesitarán más que una valla para sentirse a salvo de las miradas."

12 nov 2006

Tardes de fútbol


Si, foi certo. O 29 de maio de 1951 o equipo alemán do TSV Munich xogou un partido amigable no estadio do Couto contra a Unión Deportiva Orensana. O equipo ourensán, que xogaba naquel tempo na liga de Segunda división e xa estaba a punto de desaparecer, viuse reforzado con xogadores da valía de Pahíño para disputar este encontro.

O resultado foi contundente. Gañaron os alemáns por 4 a 1 aínda que foron os ourensáns os primeiros en marcar. A crónica de La Región contaba que a chuvia deslucira o partido, que sen lugar a dúbidas foi o acontecemento deportivo do ano en Ourense.


TSV München: Strauss; Pledl, Fritz, Soemann; Sommer, Smidhuber; Monnseheim, Lauxmann, Mekerle, Vottner e Hornauer.

UDO: Pita; Mantido, Padrón, Cabiño; Manolé, Villar; Larrosa, Cid, Pahíño, Sobrado e Tolín.


"La salida de los equipos fue saludada con grandes ovaciones por parte del público. El capitán de la Orensana, Mantido, entregó un banderín al capitán del Munich, y ambos entregaron sendos ramos de flores a la madrina de U.D.O. Srta. Orbán. El Munich correspondió a la atención del equipo orensano haciendo entrega a este de una fotografía de su conjunto."

La Región, 30-05-1951.

11 nov 2006

Mesturar para crecer


Entre as miñas preferencias musicais hai un sitio para o californiano Ben Harper, un cantautor capaz de mesturar diversos estilos musicais con grande talento. A súa música soa a funky, a soul, a folk, a reggae, a simple rock and roll... E detrás desa diversidade de estilos musicais atopamos letras de compromiso como Oppression ou hedonistas como The Will to Live. Outras cancións insisten en falar da paz, de relixión ou do medio ambiente.

Hai 12 anos que Ben Harper publicou o seu primeiro álbum, Welcome to the Cruel World. Despois chegou Fight for your Mind en 1995, un disco socialmente comprometido. Despois chegaron The Will to Live, álbum no que presenta a súa banda The Innocent Criminals, Burn to Shine, Diamonds on the Inside, There Will Be a Light e o último aparecido neste mesmo ano Both Sides of a Gun.


A primeira canción súa que escoitei foi Oppression:

I won't let you near me, oppression
You shall learn to fear me, oppression
(Non vou deixar que te me achegues, opresión
Aprenderás a temerme, opresión)

25 oct 2006

Unha lección de 1938

O New Deal foi un conxunto de programas levado a cabo en Estados Unidos durante os anos 30. A profunda depresión económica do momento obrigou a Franklin D. Roosevelt a levar adiante proxectos de recuperación social e económica moi importantes. Algunhas destas reformas aínda seguen hoxe vixentes.
No terreo da comunicación houbo moitas persoas que colaboraron nestes proxectos como a famosa fotógrafa Dorothea Lange. Entre eles figuraba tamén o cineasta Pare Lorentz que foi director do Servizo Cinematográfico dos Estados Unidos entre 1938 e 1940. Neses anos realiza o filme documental O río (The river), no que amosa o fundamental que é o Mississippi para o país e como as prácticas agrícolas provocan enchentes periódicas que causan grandes danos.
Este filme é coma unha grande lección que fica por aprender. Durante anos e anos a riqueza dos Estados Unidos creceu grazas á tala de millóns de árbores que foron río abaixo para abastecer as minas e a siderurxia. Os montes quedaron talados e queimados. Cando chega a temporada de chuvias a auga corre polas ladeiras sen freo e enche o río provocando grandes desastres. ¡Ano 1938! e aquí na Galiza case 70 anos despois aínda non nos demos conta.

This is the story of a river;
A record of the Mississippi:
Where it comes from, where it goes;
What it has meant to us...
And what it has cost us.
(Esta é a historia dun río;
Un rexistro do Mississippi:
De ónde ven, ónde vai;
Qué significou para nos...
E o que nos costou.)


Podedes ver o filme neste enlace da Universidade de Virxinia: O río (The river)


O propio Roosevelt, emocionado despois de ver o filme, ofreceu a Lorentz toda a axuda necesaria para promocionar a película. A Paramount, nun xesto insólito, ofrécese a distribuir o documental, que logra un grande éxito.
Lamentablemente, coa entrada dos Estados Unidos na Segunda Guerra Mundial e tamén debido a oposición da industria cinematográfica que consideraba os documentalistas coma intrusos no seu negocio, o servizo nacional é clausurado e finaliza así un período dourado na historia do documental norteamericano.

20 oct 2006

Meu avó


Un home saíra dunha tenda e viña camiñando á beira da estrada nacional cunha grande caixa de galletas de chocolate nunha bolsa. Era o meu avó. E esta é unha das máis antigas imaxes que recordo del. Cando os netos chegabamos á casa da Corna, en Piñor de Cea, era fácil ver o sorriso nos beizos de Juan e Rosa, os meus avós paternos. A chegada dos cinco netos no verán era sempre unha alegría, unha revolución, unha maneira de romper a rutina.
Gardo moitas lembranzas do meu avó, das cousas que el contaba, de como cando ía bo sacaba fóra o transistor e sentaba tranquilamente nunha cadeira a ver pasar o tempo, de como lle gustaba falar cos veciños que volvían do traballo, de como lle encantaba ir á feira da Gouxa tomar o polbo todos os 11 e 23 de cada mes...
As tardes na aldea convertíanse entón en paraísos de tranquilidade. Ao meu avó tamén lle gustaba moito coller un anaco de papel e escribir os nomes dos seus netos cunha letra fermosísima, case imposible.
Xa no solpor das longas tardes estivais víamos o meu avó voltar cunha botella de leite recén muxido. Viña camiñando desde o seu pobo, Os Asneiros, onde vivían as súas irmás Dolores, Aurelia e Adelaida. Mesmo os cans adoraban ao meu avó e ían saludalo cando pasaba. A miña avoa collía o leite e fervíao e dalí facía os máis ricos doces que nós só coñeciamos que puidera habelos nas tendas da capital, como adoitaban dicir alí.
O meu avó Juan Paz Rodríguez morreu en 2001 aos 91 anos de idade pero o seu recordo seguirá a estar vivo eternamente.

13 oct 2006

O inventor de historias


Inventar historias é unha arte reservada aos virtuosos. Sen embargo todos podemos aprender a facelo, ou polo menos a intentalo ao noso xeito.

Entón, se escribir historias é unha arte, podemos dicir con toda a razón que Gianni Rodari (1920-1980) foi un marabilloso artista. Vintecinco anos despois do pasamento deste escritor italiano, os seus contos para nenos seguen a ser un tesouro de sentido do humor, imaxinación e valores humanos. A súa vertente pedagóxica é tanto ou máis importante aínda que a literaria, posto que Rodari foi quen de explicitar a maneira de enlazar creatividade, imaxinación e escritura. Temos que considerar a Rodari un verdadeiro educador. A súa Gramática da fantasía é unha excelente fonte de ideas e recursos que semella imprescindible nas nosas aulas se queremos facer que os nosos nenos e nenas afonden na súa imaxinación para crear algo novo e orixinal.

Hoxe en día nos centros de Primaria os mestres advertimos con frecuencia que o caudal imaxinativo que posúen os rapaces é moi reducido. Case non son capaces de inventar nada novo. Probablemente isto débese ao hábito de ser permanentes receptores de mensaxes: videoxogos, películas, TV. Obrigar aos nenos e nenas a poñerse no outro lado do proceso, o da creación semella fundamental para o desenvolvemento completo da personalidade. Pasar de ser suxeitos pasivos a seres activos é esencial. A faceta lúdica da vida é imprescindible, vivir coma robots sen imaxinación é unha pena.

As historias de Gianni Rodari están traducidas a moitas linguas. Foi un gran maestro na utilización do absurdo como estímulo para a imaxinación. O absurdo sempre leva ao sorriso. Un día choverán libros de Rodari sobre as nosas cabezas igual que choveron sombreiros sobre Milán.

12 oct 2006

A lingua das bolboretas


Non cabe dúbida de que un paseo pola natureza resulta moitísimo máis didáctico e suxerente que calquera explicación que poida vir nun libro de ciencias naturais. Sen embargo, penso que o ideal é a combinación das dúas cousas: a exploración curiosa do noso entorno e a axuda dos manuais de referencia que nos permiten comprender a importancia do que vemos cos nosos ollos.
Hoxe mesmo, de visita no parque botánico Enrique Valdés Bermejo de Vilagarcía de Arousa, un fantástico día de sol ofrecía unha boa oportunidade para a exploración. Os camiños estaban cheos de ourizos dos castiñeiros xa abertos, algún aínda estaba verde. As follas secas do outono facían de alfombra ao parque. De súpeto, perto dun pequeno regato apareceu este exemplar de bolboreta que pertence á especie Vanessa Atalanta, unha das variedades máis habituais en todo o mundo.

As bolboretas teñen dous pares de ás, dúas antenas e un aparello bucal transformado nunha trompa en forma de espiral que lles serve para chuchar o néctar das flores. E para min esta explicación científica vai irremediablemente unida a unha escena do fermosísimo film A lingua das bolboretas, na que un fabuloso profesor da República leva os seus nenos a ollar ben de cerca a natureza dun xeito que non é posible coñecer nos libros.

5 oct 2006

A historia do meu bisavó (I)


O meu bisavó chamábase Pegerto Nóvoa Álvarez. Naceu o 14 de maio de 1892 en Quintás, parroquia de Santa María da Barra, no concello de Coles.
En 1911 emigrou a Cuba. Alí coñeceu a unha galega de Arxiz, do concello lugués de Taboada, chamada Gumersinda Castro Regueira. Casaron o 20 de abril de 1918 en La Habana.
En outubro de 1919 naceu en Cuba o primeiro fillo do matrimonio, o que será pasado moito tempo o meu avó materno: Alfredo Nóvoa Castro. Pegerto, que seguramente fuxiu a Cuba para evitar ir ao servizo militar ou o que era aínda pior, á guerra de Marrocos; estaba en situación de prófugo e non puido regresar a Galiza até mediados dos anos 20. Durante a dictadura de Primo de Rivera dictáronse ordes para permitir o regreso dos numerosos prófugos españois que estaban en América. A súa dona Gumersinda si puido regresar para dar a luz o segundo fillo, Pegerto, en 1921.

2 oct 2006

Soños de liberdade


Cando empecei a escoitar a Víctor Jara aínda era un rapaciño pequeno. Os meus pais tiñan (e aínda teñen) unha morea de discos e cassettes de diversos grupos chilenos daquela época: Quilapayún, Inti-Illimani, etc. Crecín escoitando as súas cancións.
Víctor Jara morreu asasinado no Estadio Nacional de Chile en setembro de 1973. Aqueles feitos terribles marcaron á xeración dos meus pais. As ansias de liberdade e democracia víanse tráxicamente destrozadas e o pesimismo desacougou a aqueles que máis desexaban un cambio de réxime en España.
Xa pasaron máis de trinta anos, eu nacín naqueles tempos de terror nos que a palabra democracia estaba chea de soños, pero mesmo hoxe sigo a sentir un profundo sentimento de fraternidade hacia aquelas xentes que loitaron e sofriron, e entre elas, hacia Víctor Jara.
Que los derechos humanos los violan en tantas partes
en América Latina, domingo, lunes y martes
nos imponen militares para sojuzgar los pueblos
dictadores asesinos, gorilas y generales.

1 oct 2006

Tendas doutros tempos


Unha cidade é un ente que ten vida e que ten o seu propio ritmo, un ritmo moitas veces alleo ao que marcamos as persoas voluntaria ou involuntariamente.
A cidade de Ourense sofreu unha enorme transformación nos últimos cen anos. Existen traballos de investigación moi interesantes que explican esta transformación. Ás veces podemos percibir eses grandes cambios nos pequenos detalles, nas anécdotas, no máis insignificante. Facer un repaso polas vellas tendas de Ourense é unha curiosa e entretida forma de advertir as mudanzas que se foron producindo.
En outubro de 1951 aparecía publicado na prensa local este anuncio do vello bazar Tobaris, situado na daquela rúa Calvo Sotelo, hoxe a rúa do Paseo. Este céntrico bazar estivo longas décadas a ofrecer multitude de productos aos ourensáns. Na actualidade, no baixo que aquel ocupou nunhas antigas galerías xa hai outro importante negocio.
Resulta divertido comprobar qué prezos tiñan as cousas máis cotiás naquel tempo: unha peza de xabón e pasta de dentes, 5 pesetas; unhas tesoiras de costura, 10 pesetas, etc. Vellos retallos doutros tempos non vividos.

30 sept 2006

Historias e música


Ao meu amigo gustáballe Edie Brickell e a min Paul Simon. En 1992 Paul e Edie casaron. Comecei a escoitar as cancións de Edie e o seu grupo, os New Bohemians, que me pareceron realmente bonitas. En 1994 eu aínda estaba na Universidade e merquei o primeiro disco de Edie en solitario, Picture Perfect Morning, outra marabilla que levaba a miña canción favorita no último corte: Lost In The Moment.
Xa parecía que Edie Brickell non volvería a sacar un novo traballo cando dez anos máis tarde apareceu Volcano, un disco que amosa a madurez de Brickell. E tamén volta a ser a última canción a miña preferida: What would you do?
Encántanme estas dúas cancións nas que Edie conta un historia sobre unha fermosa melodía. Son historias case coma relatos que falan da soidade, da necesidade que temos dos demais, dos sentimentos humanos en definitiva.
What would you do if you were me?
When it's suicide to stay, and murder to leave.
(Que farias ti se foses eu?
Cando é un suicidio quedarse, e un asasinato marchar.)

18 sept 2006

Follas de Herba



I saw you, Walt Whitman, childless, lonely old grubber,
poking among the meats in the refrigerator and eyeing the grocery boys.
I heard you asking questions of each: Who killed the pork chops?
What price bananas? Are you my Angel?
(Vinte, Walt Whitman, sen fillos, vello comellón solitario,
a remexer entre as carnes do frigorífico e a botarlle esas miradas aos mozos dos comestibles.
Escoiteiche facer preguntas de cada cousa: Quen asasinou as chuletas de porco?
Que precio teñen os plátanos? Es ti o meu Anxo?)
Allen Ginsberg, o escritor máis destacado da Beat Generation xunto a Jack Kerouac e William S. Burroughs, revisitaba de xeito tan peculiar no seu poema A Supermarket in California a figura do poeta norteamericano máis sinalado da historia: Walt Whitman (1819-1892).
Whitman iniciou un camiño propio e orixinal, ofreceu unha poesía nova para un mundo novo, abandonando as modas e tradicións europeas, inservibles no seu cometido. Os poemas de Walt Whitman, recollidos por el mesmo ao longo de toda a súa vida na obra Follas de Herba (Leaves of Grass), destilan pureza, frescura e naturalidade. Gardan a rudeza dos novos poboadores do Novo Continente e están cheos de amor e optimismo, dun panteísmo desbordante que chega a todas partes e a todos os recantos de América. Parece, cando lemos a Whitman, que o noso peito se enche de aire novo, de novas emocións e tamén parece que desexamos, sen dubidalo, acompañar ao vello Walt no seu feliz camiñar pola terra de todos.