14 mar 2007

Salvar La Zarpa


Hai uns días, cando se comezou a debater o futuro do edificio do Banco de España e o seu posible uso como museo da cidade, comentaba eu no recoñecido blog As uvas na solaina que era necesario salvar o vello xornal La Zarpa (1921-1936). Se un afirma algo así é que teme que morra ou que corra risco de desaparecer. Explícome.
É certo que existe unha colección completa que conservaron familiares de Basilio Álvarez, o seu fundador morto no exilio, e que hoxe forma parte dos fondos da Biblioteca da Deputación. Tiven a sorte de consultala de principio a fin no ano 1999, cando iniciei a miña investigación sobre o cinema en Ourense. Foi doado entón decatarse da enorme calidade deste xornal que saiu por primeira vez á rúa o 27 de xullo de 1921. Estaba escrito cunha grande forza, con espírito de cambio, era reivindicativo, defendía os dereitos dos campesinos, era tolerante e moderno. Non tiña nada que ver coa tópica imaxe dun Ourense monolítico, unicamente conservador e eclesiástico, co curral de vacas que dicía un personaxe de Xente ao lonxe.

Eu aínda tiña recentes as rudas palabras dun profesor meu de Literatura alá en Bilbao nos meus anos universitarios. Era un home deses respetados e moi recoñecidos, premiado polo Goberno de Aznar coa dirección da Biblioteca Nacional e logo do Instituto Cervantes, seica azoute dos nacionalistas vascos. Chamábase e aínda se chama Jon Juaristi. Pois ben, nunha das súas clases maxistrais, creo que lembrando unha novela esaxeradamente naturalista de Emilia Pardo Bazán situada na nosa cidade falou a súa eminencia en tono moi despectivo hacia Ourense dicindo que se agora é así naquel tempo era "de traca". Sempre é mellor non falar do que un non sabe, pero algúns non se dan conta.

De seguro que non coñece o señor Juaristi o Ourense de La Zarpa ou da xeración Nós, persoas que foron quen de poñer o país na senda da modernidade naquela década dos anos 20. Pasar as mans por entre as follas amareladas de La Zarpa foi como respirar aire fresco e confeso que quedei marabillado.

O paso do tempo resulta estragador para o papel dos xornais mesmo cando se conservan en lugares axeitados. Estamos a falar de máis de sete décadas de antigüidade. A colección en papel foi copiada hai anos en microficha pero este é un formato incómodo para os investigadores e pouco axeitado para o mundo dixital. Ademais non axuda á súa difusión pois é necesario dispor dun aparello especial para visionar as microfichas. Segundo parece a colección completa vai ser escaneada e posta a disposición do usuario en Internet, igual que outras que xa están na rede, pero case hai dous anos que teño escoitado falar dese proxecto e non teño visto ningún avance.
A tecnoloxía permite hoxe en día gardar unha colección completa dun xornal en tan so un DVD, incluso se falamos de quince anos de periódico. Ese é o meu desexo, poder conservar e ao mesmo tempo difundir un dos feitos socioculturais máis relevantes da historia do noso Ourense. Perder este tesouro no faiado dun centro cultural é un crime que non se pode permitir.

No hay comentarios: