15 mar 2007

A marca de fogo


Sessue Hayakawa (1889-1973) foi sen dúbida o actor xaponés máis coñecido de Hollywood durante a era do cinema mudo. A súa interpretación dun caudaloso coleccionista de arte en A marca de fogo (The Cheat, 1915) permitiulle saltar á fama mundial.

O filme, unha rareza difícil de atopar, fora producido e dirixido polo gran Cecil B. De Mille para a Paramount, a productora máis importante daquela época. Conta a historia dunha muller caprichosa (Fannie Ward) que gasta alegremente os cartos do seu marido (Jack Dean), un inversor de Wall Street á espera duns cuantiosos beneficios. Emulando ao seu home, decide investir dez mil dólares do fondo da Cruz Vermella que lle foran confiados e perde todo. Desesperada, pide axuda a un rico xaponés (Sessue Hayakawa) que lle firma un cheque por esa cantidade, pero non de forma tan desinteresada coma ela pensa.

Son evidentes certos prexuizos na película, especialmente a visión paternalista da muller desesperada. O estranxeiro é o cruel, o sanguinario; a muller é doce, defendida e perdoada cando quere voltar co seu home. A moral familiar fica intacta. Pero non hai que esquecer que falamos do ano 1915.

Salvando as distancias, A marca de fogo garda un certo parecido con Avaricia (Greed, 1924), a magnífica obra de Erich von Stroheim, pero sen lugar a dúbidas a maxistral dirección deste e a novela orixinal McTeague, de Frank Norris, da que foi adaptación fan dela un filme moi superior.

No hay comentarios: