30 mar 2007

A historia do meu bisavó (VI)


Deixamos a historia do meu bisavó Pegerto Nóvoa alá polo verán de 1930 cando se fixo cargo do Bar Restaurante Universal, na rúa de Luis Espada. Para mellorar a atención aos seus clientes decidiu adquirir unha nova cafeteira exprés que era capaz de facer douscentos cafés cada hora.


"PROGRESOS DE LA INDUSTRIA ORENSANA
"Universal Bar-Restaurant"

El activo y emprendedor propietario de este conocido establecimiento don Pegerto Nóvoa, a las diferentes reformas introducidas en los locales y mobiliario acaba de inaugurar una costosa y magnífica cafetera exprés, capaz de producir doscientos cafés por hora.
La fina calidad del café que utiliza y la perfecta elaboración de la nueva exprés, dan como resultado un exquisito café, capaz de agradar al más exigente.
Felicitamos al señor Nóvoa, deseándole toda la prosperidad a que es acreedor."


Galicia, 4 de outubro de 1930.


O merendeiro de verán ao aire libre, as comidas a domicilio -hoxe tan habituais-, a cafeteira exprés capaz de preparar 200 cafés cada hora, un rótulo luminoso e outro indicativo na rúa do Progreso, os grandes banquetes, os licores e os viños de marca... Parece que Pegerto Nóvoa non se resistía a incorporar calquera mellora que fixese do seu negocio o máis competitivo posible, nunha cidade na que existían numerosas fondas e casas de hóspedes.


Un deses banquetes que tivo lugar no restaurante do meu bisavó merece unha mención especial polas súas implicacións políticas. No verán de 1931 celebrouse no Universal a elección do avogado Alfonso Pazos Cid como deputado das Cortes Constituintes republicanas. Ao convite asistiu tamén o alcalde da cidade Antonio Álvarez Dopazo e entre os convidados tomou a palabra o profesor e presidente da Agrupación Republicana Radical Socialista, Jacinto Santiago, para dicir unhas palabras sobre o deputado recén elixido e sobre o momento histórico que estaban a vivir. So cinco anos despois Jacinto Santiago, que ademais foi un magnífico xornalista dirixindo o semanario La República, sería asasinado por falanxistas perto de Vilariño Frío.
(Na imaxe Jacinto Santiago e Alfonso Pazos.)

2 comentarios:

Anónimo dijo...

Non coñecía o teu blog,virei a miúdo, chego dende "As uvas".
Gústame sobremaneira os apuntes históricos de Ourense.
Noraboa !

David Paz Nóvoa dijo...

Xulio, grazas pola túa mensaxe e pola túa visita a este meu modesto recanto na rede.