28 mar 2007

Queren conciliar, disque

Estes días estase a falar moito nos nosos centros educativos da modificación do calendario escolar imposta pola Consellería de Educación para o próximo curso 2007-2008. Elimínase a xornada reducida dos meses de xuño e setembro. Isto afecta de diferente forma aos centros que teñen xornada única e os que teñen a xornada partida.
Nos primeiros aumentarase a hora que vai normalmente entre as 13 e as 14 horas, é dicir, será unha xornada de cinco horas lectivas no comezo e final de curso como é no resto dos meses.
Nos centros de xornada partida significará que polas tardes de xuño e setembro tamén terán que acudir os nenos á escola.
Vista a teoría eu aínda non acabo de ver onde está a tan repetida "conciliación da vida laboral e familiar" que defenden os impulsores desta medida. Non creo que ter os fillos máis horas na escola sexa unha maneira de defender a vida familiar. Máis ben creo que se trata de cubrir as horas nas que os pais traballan para que os colexios coiden dos seus nenos. Fomentar a vida familiar sería artellar métodos para que os pais poidan estar máis tempo cos seus fillos fortalecendo así os lazos afectivos e de comunicación. Poderíamos ter os nenos mañá, tarde e noite nas escolas. Mesmo moitos pais case non ven os seus fillos en todo o día.
Polo tanto, asegurar como fai a conselleira que esta medida "ten un valor pedagóxico e favorece a conciliación da vida familiar e laboral" é non coñecer ou non querer saber cal é a realidade dos nosos colexios e da nosa sociedade.
Se desde as mesmas institucións educativas se defende a idea de que o papel principal dos centros educativos non é ensinar senón manter ocupados os nenos o maior tempo posible mentres os pais traballan e darlles de comer non nos pode sorprender que hoxe en día a visión que a sociedade ten dos mestres e das escolas sexa, en moitos casos, a de simples gardas e vixiantes. Afirmar que iso ten valor pedagóxico e é polo ben dos nenos resulta polo menos decepcionante.

No hay comentarios: