24 mar 2007

Milagre en Milán


Que sorte poder disfrutar do cinema italiano dos anos 40 e 50! Nesa época ningún país facía filmes semellantes e de tanta calidade, tan cheos de humanidade viva e real, tan fondos no que transmiten e fan sentir. Por iso esa etapa é coñecida na historiografía do cinema como Neorrealismo, porque aquelas películas afastábanse das fantasías e dos clichés do cinema máis espectacular, o de maior éxito no momento, para amosar a verdadeira existencia da xente corrente.

Sen embargo, en Milagre en Milán (Miracolo a Milano, 1951), de Vittorio de Sica, o elemento fantástico resulta trascendental. Trátase dunha fábula máxica na que os soños vencen á realidade. O retrato da mísera vida dos sen teito de Milán está salpicado con situacións cómicas que aínda nos fan esbozar un leve sorriso. A existencia pacífica dos que alí viven á súa maneira, sen meterse con ninguén, vaise ver interrompida polos intereses dos ricos constructores que os queren facer desaparecer pero a maxia axudará os humildes a gañar o ceo.

En España, pouco a pouco, tamén comezou a aparecer un estilo cinematográfico parecido ao Neorrealismo italiano nos anos 50 e pode servir de exemplo un filme do mesmo ano que garda certa relación con Ourense. Falamos de Surcos (1951), dirixido polo medio ourensán José Antonio Nieves Conde, e realizada a partires dunha historia de Eugenio Montes coa colaboración de Natividad Zaro e Gonzalo Torrente Ballester.

No hay comentarios: