1 oct 2008

Doces soños



Hai poucas semanas laiábase Afonso Vázquez-Monxardín nun artigo seu en La Región da desaparición dun lugar tan cheo de recordos para os ourensáns como foi a Confitería Ramos. Eu comparto ese sentimento. A cidade vai deixando cadáveres a cada pouco. Uns días antes pechara tamén para sempre o Hotel Parque. Os dous lugares, ademais de estar moi próximos entre si, tiñan en común que foran abertos a mediados dos anos 50.
Ourense viviu nos anos 40 e 50 unha importante expansión, multiplicada ademais pola anexión do concello de Canedo. Creceu a poboación e abriron moitos novos comercios. So nos anos 40 inauguráronse catro salas de cinema (hoxe todas clausuradas). As confiterías viviron o seu mellor momento na década seguinte. Milhojas abriu o seu local na Rúa do Progreso no Nadal de 1953 e a Confitería Ramos xustamente ao ano seguinte.
Eu nacín vinte anos despois pero tamén teño recordos desta confitería abandonada. Lembro pasear cos meus compañeiros da escola pola rúa do Paseo, naquel tempo en que as librerías aínda tiñan dereito a estar no centro da cidade antes da chegada invasiva das boutiques. Cando apetecía e había cinco pesos no bolsillo entraba a comprar o meu doce favorito: unha especie de triángulo de crema cuberto con azucre glas. Aquelo sabía a gloria.
Xa máis recentemente, e con algúns pesos máis na carteira, parabamos diante do escaparate da Ramos para ollar a variedade de turróns artesanais que se compraban ao peso, de chocolate, trufados con froita, de nata e noces...
Asistimos hoxe resignados á desaparición física destes lugares. Dentro dunhas semanas cúmprese o 80 aniversario da inauguración do Teatro Losada, hoxe, como todos sabemos, local da maior cadea téxtil do país. Na miña opinión e tomando a expresión de Monxardín, esta foi a maior puñalada da historia cultural da cidade no último século. Perdemos un teatro histórico na rúa principal da cidade e convertímolo nunha tenda de calcetíns.


(Na primeira imaxe, anuncio da Confitería Ramos publicado en La Región en decembro de 1954. Na segunda imaxe, anuncio da Confitería Milhojas publicado no mesmo diario o 22 de decembro de 1953.)


29 sept 2008

Pintura italiana


Regreso ao meu labor de rescate dos artigos de Vicente Risco espallados pola prensa galega do século XX. Non está de máis insistir na diversidade de terreos polos que Risco amosou interese durante toda a súa vida: a filosofía, a relixión, a historia, etc. Tamén a arte e mesmo o cinema chamaron a súa atención. En abril de 1955 unha das súas Horas trataba sobre unha exposición de pintura italiana que tiña lugar en Barcelona.


PINTURA ITALIANA

Hay una exposición de pintura italiana actual, en Barcelona. He visto algunas fotografías: Modigliani, De Chirico, Campigli y un surrealista cuyo nombre no recuerdo. Es de ley —de mi ley— mencionarlos por este orden.
Modigliani está muy bien. Hace gentiles figuras, largas, graciosas, infantiles en apariencia, con una delicadeza muy depurada por dentro, bastante adelantadas en la estilización. Me gusta, aunque no tanto como dicen.
Giorgio de Chirico, a primera vista, me fastidiaba por un geometrismo, una lisura y unas arquitecturas frías, que me dejaban helado. No veía allí más que volumen y estereotomía. Después me di cuenta de las sombras que, de aquellos edificios como cajas de almidón, caían sobre las lisas plazas solitarias. Sombras de un sol que parecía luna. Y me impresionaron aquellas plazas en soledad, aquellas plazas desiertas, en las que, a veces, para acentuar más la soledad, aparecen una o dos figuras humanas, que proyectan largas sombras, parecen ciudades abandonadas, con casas recién construidas. Aquellas figuras humanas andan por allí perdidas, sin saber a dónde dirigirse. Naturalmente, aquello impresiona. A veces, hay extraños monumentos, pintados de colores vivos. Todo italianísimo, todo clásico, todo fantasmal.
Entonces, me dediqué a dibujar cuadros de Chirico, inventados por mí. Los que los vieron, dijeron que eran copiados.
Campigli sorprende la primera vez, pero después es siempre igual. Está muy bien, en el sentido de que yo tengo dibujos infantiles iguales a las figuras de sus cuadros. Por otro lado, recuerda a aquel viejo que se vistió de niño para engañar a la Muerte, y la Muerte llegó y le preguntó:
—¿Quen te rapou, meu vello?
—O papá.
—Pois que fose o papá, que fose a mamá, anda pr'acá.
Sin embargo, debo estar equivocado. Por lo cual, será mejor no decir nada... Sin embargo, había unas "Mujeres meditando", que me gustaron.
El surrealista aludido pintó un cuadro caricaturesco, con una familia en la cual las caras estaban descompuestas, aunque acaso, en realidad, fueran muy felices. Vaya usted a saber. Porque, claro, cada uno es cada uno. Estas frases hechas, que empleamos tantas veces, al decirlas, parece que no dicen nada, y sin embargo, quién sabe. Habrá que volver a leerlas dentro de ocho días.
Y no vi más.

La Región, 16 de abril de 1955.


(Na imaxe Piazza Italia, de 1915. Giorgio de Chirico.)

24 sept 2008

Os poetas malditos


Paul Verlaine (1844-1896) foi un dos poetas máis influíntes de finais do século XIX e comezos do XX. Juan Ramón Jiménez e Rubén Darío atribuíronse o papel de introductores do poeta francés en España. Luis Cernuda, pola súa parte, laiábase do seu esquecemento en favor da devoción por Rimbaud.
Foi Verlaine o inventor desa expresión tan repetida xeración tras xeración, a dos "poetas malditos". A súa biografía, chea de excesos e dubidosos arrepentimentos, deixou unha pegada moi intensa en toda a súa obra. O libro de poemas Romances sans paroles —que utilizaba o título das coñecidas composicións líricas de Mendelsshon Lieder ohne worte— foi denominado por algúns a axenda da aventura rimbaudiana posto que foi escrito entre 1872 e 1873, os turbulentos anos do seu romance con Rimbaud, dez anos máis novo ca el. A primeira parte do libro fórmano as arietas esquecidas, de entre as que quero salientar unha das máis coñecidas, a que xoga coa semellanza das palabras chover e chorar (pleuvoir e pleurer):


ARIETTES OUBLIÉES


III
Il pleut doucement sur la ville.
(ARTHUR RIMBAUD)
Il pleure das mon coeur
Comme il pleut sur la ville,
Quelle est cette langueur
Qui pénètre mon coeur?

O bruit doux de la pluie
Par terre et sur les toits!
Pour un coeur qui s'ennuie
Ô le chant de la pluie!

Il pleure sans raison
Dans ce coeur qui s'écoeure.
Quoi! nulle trahison?
Ce deuil est sans raison.

C'est bien la pire peine
De ne savoir pourquoi,
Sans amour et sans haine,
Mon coeur a tant de peine!
...................................................................

ARIETAS ESQUECIDAS

III

Chove docemente sobre a cidade.
(ARTHUR RIMBAUD)

Chora no meu corazón
como chove sobre a cidade;
Que é esta languidez
que penetra no meu corazón?

Oh, doce rumor da chuvia
na terra e nos tellados!
Para un corazón que se aburre
Oh, canto da chuvia!

Chora sen razón
No meu corazón que se desalenta.
Non hai traizón?
Este dó é sen motivo.

É a peor pena
non saber por qué,
sen amor e sen odio
ten o meu corazón tanta pena!

(Na imaxe, Paul Verlaine nos últimos anos da súa vida sentado diante dun vaso de absinto, a súa bebida favorita.)

23 sept 2008

Por entre as vides de Baión

Regreso con novas enerxías despois dun verán no que teño que admitir que fun vencido pola preguiza. Andei enredado con leas de hipotecas e bancos, e mudei de escola. Deixei o Arealonga de Vilagarcía polo CEIP de Sestelo-Baión, no concello de Vilanova de Arousa. O colexio está moi cerca do famoso pazo e, en xeral, os terreos que rodean a escola están cheos de abundantes viñas. O edificio, que se atopa nun promontorio moi próximo a transitada estrada que une Vilagarcía e Pontevedra, permite albiscar a grande veiga bañada polo río Umia que paseniñamente vai avanzando cara o oeste hacia Ponte Arnelas e dalí a Cambados, onde se vai unir ao Atlántico. Hoxe aproveitei o día de sol para achegarme ao Pazo de Baión, vítima involuntaria dunha historia sinistra de narcotraficantes, políticos amnésicos e naiscoraxe. Tirei unhas cantas fotos porque o lugar e a vista pagaban a pena. Impresiona o inmenso terreo cheo de parras e ondulado pola luz do sol do mediodía. Comezou a vendima. Que dea nun bo viño.

9 ago 2008

Kes


Despois de Cabelo de cenoria hoxe gustaríame falar doutro filme marabilloso que garda certa relación con el pero que inclúe ademais un enfoque educativo máis fondo. Estoume a referir a Kes (1969), do británico Ken Loach. Mais, antes de falar do filme cómpre sempre comentar un pouco da novela na que está baseado e que so puiden ler durante este verán no inglés orixinal pois ignoro que exista algunha tradución ao galego ou ao castelán.
O novelista inglés Barry Hines escribiu A Kestrel for a Knave en 1968. O título poderíamolo traducir como 'Un falcón para un trasno'. O trasno é un pobre rapaz dunha cidade industrial do norte de Inglaterra chamado Billy Casper, desatendido no fogar, maltratado polo seu irmán maior, humillado na escola e incomprendido en todas partes. Billy atopa refuxio e cariño nun fermoso falcón, elegante, nobre, que non ten nada que ver coa súa vida sórdida e gris. Quere sabelo todo sobre as aves: a alimentación, os hábitos, os coidados, os voos, etc. Pasa o día pensando nel.
Barry Hines, que tamén se encargou de elaborar o guion da película xunto a Tony Garnett e ao propio Loach, sinala no epílogo da novela algo no que concordo por completo:

"En termos académicos Billy Casper é un fracaso. Atópase no degrau inferior dun violento instituto de secundaria (...). Pero unha vez que se interesa pola cetrería adquire un libro sobre a materia que está cheo de vocabulario esotérico e descripcións técnicas. Entón ponse a adestrar con éxito o seu falcón, o que require tanto de intelixencia como de sensibilidade. Se tivera habido unha reválida en Cetrería, Billy Casper tería sacado un sobresaliente, o cal tería obrado marabillas na súa autoconfianza e lle tería dado unha imaxe propia máis positiva."

As ensinanzas que se poden extraer tanto da novela como do filme son tan fundamentais que é máis que recomendable que todos os mestres se acheguen a coñecer a historia de Billy Casper e o seu falcón. Ademais, a única persoa que amosa comprensión e cariño hacia o rapaz é un dos seus mestres, Mr. Farthing. Nunha conversa con el despois dunha pelexa no patio da escola Billy quéixase:

"—Mestres. Nunca xamais pensan que a culpa poida ser deles.
—Pois non, non creo que moitos o fagan, rapaz.
—Pensan que sempre teñen razón. Pero hai veces nas que non tes a culpa, como esta mañá; ou como cando te baten por non escoitar cando é completamente aburrido. Quero dicir, non tes culpa por non escoitar cando non é interesante, non si, señor?
—Non, non tes culpa, Casper.
—Non lle diga isto aos mestres. Diríanme: 'Non sexa insolente, rapaz" e unha bofetada.
(...)
—Iso é o que dirían, señor.
—Eu non digo iso e son mestre, non si?
—Bueno...
—Bueno que?
—Vostede polo menos trata de ensinarnos algo, a maioría dos outros non. Non se molestan por nós, so porque estamos en 4ºC, xa sabe, fálannos coma a esterco. Chámannos idiotas, e retrasados, e cretinos, e non paran de mirar os seus reloxos para ver o tempo que falta para rematar a clase. Están fartos de nós e nós deles. E cando hai un problema cóllenme a min porque son o máis pequeno.
—Non son todos así, seguramente?
—A maioría, señor. E, de todas maneiras... eu podo falar con vostede mellor que coa miña xente."

(Na primeira imaxe, un fotograma do filme con David Bradley no papel de Billy Casper. Na segunda imaxe o poster da película.)

22 jul 2008

Cabelo de cenoria


Cabelo de cenoria (Poil de Carotte) é o título da novela máis famosa de Jules Renard (1864-1910), publicada en 1894. Xira en torno á complexidade das relacións familiares e ao que se ten chamado "a infancia roubada". Cabelo de cenoria é un neno a quen seus pais chaman dese xeito polo seu aspecto físico e nunca polo seu verdadeiro nome. A nai é unha déspota, escraviza ao rapaz e búrlase dos seus pensamentos. O neno, pouco a pouco, vai asumindo o seu rol e so pensa en como sofrer o menos posible e evitar as labazadas da súa nai.
Julien Duvivier realizou a súa persoal adaptación cinematográfica da novela en 1932 (xa fixera a versión muda en 1925). A estrutura da novela, unha cadea de breves viñetas sobre a vida cotiá da familia Lepic, non se axustaba ben ao formato cinematográfico de presentación, nó e desenlace. Por iso Duvivier teceu esas viñetas nunha trama que conduce a Poil de Carotte á súa rebeldía final, o intento de suicidio, e á salvación polo pai. O momento álxido chega cando Poil de Carotte confesa que, despois de moito meditar, sabe que xa non quere á súa mamá. O pai, esmorecido, respóndelle: "E eu? Cres que eu a quero?".
Este filme foi proxectado en maio de 1953 no Cine Avenida de Ourense nunha sesión organizada polo primeiro cineclube que houbo na nosa cidade. Aquela nova sociedade quería rescatar para todos os afeccionados ourensáns as obras mestras da sétima arte máis esquecidas ou menos coñecidas. Aínda hoxe merece a pena ler a novela e ollar o filme.

(Na imaxe superior un dos planos finais do filme de Julien Duvivier. Na segunda imaxe a portada dunha edición económica da novela Poil de Carotte.)

25 jun 2008

Defender a Goliat

Imaxinémonos so por un momento a dous expertos xogadores de naipes diante dunha mesa cuberta por un tapete verde. Un deles ten na man cinco cartas dispostas para xogar, o outro tan so ten unha e quere coller do montón do medio outras catro para igualarse co primeiro. Parece razoable. Pois segundo algúns "defensores da liberdade" isto non é xusto.
O galego pasou décadas tendo o estatus de lingua estranxeira na súa propia terra a pesares de ser lingua cooficial xunto co castelán. No ensino non logrou penetrar até os anos 80 e fíxoo como unha materia de recheo que se ensinaba como se fose francés, "traduce ó galego, traduce ó castelán".
Así é todo resultan cando menos falaces e oportunistas as asociacións e lobbies intelectuais que ultimamente din ser defensores do castelán ou dun falaz bilingüismo. Valente aposta defender a Goliat! E todo porque o goberno galego decidiu dunha vez por todas equiparar a presenza das dúas linguas cooficiais no sistema educativo.
É unha mágoa ver a certos intelectuais de renome desprezar linguas de tanta raigame coma o galego, o éuscaro ou o catalán, que tamén forman parte do noso rico patrimonio común, para os que tanto falan desta palabra. Fica un alarmado lendo auténticos esperpentos anticonstitucionais como o da "asimetría xustificada", reinterpretación pola vía do capricho persoal da cooficialidade das linguas.
Indo máis alá na reflexión falan algúns de que non son os territorios os que teñen dereitos senón as persoas. Impecable. Pero é curioso, cando menos, que moitos deles logo falen de que "se rompe España" so por ter vivido a lexislatura na que ten habido o maior recoñecemento de novos dereitos individuais. A dobre moral de sempre que non lle acae ben a persoas ilustradas. É curioso tamén que sexan estes mesmos os que se alporizan logo pola discriminación que sofre o español nos EE.UU. Non lembran que aí a "lingua común" é o inglés. Cambian de disfrace e defenden a David.
En Galiza David é o galego, é o que perde falantes de xeito acelerado. Non esperamos de Madrid nin axuda nin comprensión. Xamais a tivemos. Alá eles e a súa visión uniformizadora da realidade. Pero si debemos esixir respeto e que se deixen de andrómenas. En Galiza a inmensa maioría dos medios de comunicacións emprega o castelán, as películas estréanse dobradas en castelán, os letreiros están escritos en castelán, a xustiza e a policía usan o castelán, etc. E aínda así falan de que a situación da lingua é preocupante. No colmo da contradición din que "ninguna lengua tiene derecho a imponerse como prioritaria en la educación" para afirmar logo que so o castelán pode ser a lingua vehicular do ensino.
Ninguén pode, se ten sentidiño, estar en contra do castelán. Todos desexamos que os nosos fillos e os nosos alumnos coñezan e dominen perfectamente as dúas linguas, ademais do inglés e doutros idiomas. Xa basta de guerras lingüísticas interesadas.

4 jun 2008

Os Cantos de Leopardi


Na nosa Iberia non sempre se entende ben o fatigoso camiño que os diversos pobos italianos tiveron que percorrer cara á súa definitiva unificación no século XIX. Italia é o froito dunha vontade compartida e dun desexo labrado durante séculos. Dúas penínsulas, a Ibérica e a Itálica, con moitas cousas en común pero con historias ben diferentes.

O poeta Giacomo Leopardi (1798-1837) inicia os seus famosos Cantos cunha oda patriótica que conserva aínda unha sentida nostalxia chea de pesimismo. Reproducimos a primeira estrofa e a nosa propia tradución:

All'Italia
O patria mia, vedo le mura e gli archi
E le colonne e i simulacri e l'erme
Torri degli avi nostri,
Ma la gloria non vedo,
Non vedo il lauro e il ferro ond'eran carchi
I nostri padri antichi. Or fatta inerme,
Nuda la fronte e nudo il petto mostri.
Oimè quante ferite,
Che lividor, che sangue! oh qual ti veggio,
Formosissima donna! Io chiedo al cielo
E al mondo: dite, dite;
Chi la ridusse a tale? E questo è peggio,
Che di catene ha carche ambe le braccia;
Sì che sparte le chiome e senza velo
Siede in terra negletta e sconsolata,
Nascondendo la faccia
Tra le ginocchia, e piange.
Piangi, che ben hai donde, Italia mia,
Le genti a vincer nata
E nella fausta sorte e nella ria.

(A Italia
Oh patria miña!, vexo os muros e os arcos,
E as columnas e os simulacros e as ermas
Torres dos nosos devanceiros,
Mais a gloria non a vexo,
Nin vexo o loureiro nin o ferro que antes cinguían
Aos nosos vellos pais. Inerme,
Agora amosas a fronte e o peito nus.
Ai de min, canta ferida!
Que lividez, que sangue! Oh así que te vexo,
Belísima señora! Ao ceo clamo
E ao mundo: dicídeme,
Quen a reduciu a tal? Peor é isto,
Que cadeas lle oprimen os dous brazos;
O cabelo en desorde e sen velo,
Abatida pola terra, e inconsolable,
Escondendo a face
Nos xeonllos, chora.
Chora, que hai razón, Italia miña,
pobo para vencer nado
na boa fortuna e mais na adversa.)

Leopardi naceu en Recanati, na actual rexión de Marche, no seo dunha familia aristocrática. A súa precocidade foi asombrosa pois traduciu a Homero, Virxilio e Horacio na súa adolescencia e comezou entón a compoñer os seus primeiros versos e ensaios filolóxicos. O tono de toda a súa obra poética é, sobre todo, pesimista, sen esperanzas. Aínda así viviu as súas historias de amor idealizado e ese fervor pola patria conseguiu facelo vibrar durante un tempo. Pero vencerá o fondo pesimismo até o punto de desexar a sorte dos que están mortos.

30 may 2008

Gasol, a peza que faltaba en LA


Cando pasen os anos decatarémonos do extraordinario xogador que era Pau Gasol.
Esta temporada tocoulle a lotería. Deixou uns afundidos Memphis Grizzlies, afeitos a enlazar derrota con derrota, sen visos de cambio, sen ilusións, sen respeto pola súa estrela, por uns Lakers nos que encaixou coma peza perfecta do crebacabezas deseñado por Phil Jackson. Aos Lakers, con Gasol, tamén lles tocou a lotería. Era o peón que lles faltaba aos californianos despois da baixa do novato Andrew Bynum. A estrela Kobe Bryant ficou encantado coa incorporación. Os de ouro e púrpura, grazas a Gasol, pasaron de ser posible aspirante a playoffs a candidato número un ao anel da NBA. E vanse cumprindo os pronósticos. Ata este ano Gasol nunca gañara un partido de playoff e nesta temporada leva 12 victorias e so 3 derrotas, sen ceder ademais ningún xogo no Staples Center de Los Angeles. Os seus números son moi bos: 17,7 puntos, 8,9 rebotes e 4,2 asistencias. Foi duro defender na final de conferencia a Tim Duncan, dos Spurs, pero aprobou con nota. No partido de onte colleu 19 rebotes!
Por diante ten Pau Gasol o maior reto de todos: a gran final da NBA. Gasol e os seus agardan rival entre os Detroit Pistons e os Boston Celtics. Moitos desexamos unha final contra estes últimos para facer lembrar aqueles grandiosos partidos Lakers-Celtics da época de Magic Johnson e Larry Bird, os primeiros tempos que un recorda ver a NBA en televisión hai máis de 20 anos.

19 may 2008

O libro de peto


Dá certa envexa viaxar por outros países e ver nas librerías esas edicións económicas dos máis afamados clásicos literarios. Nas magníficas librerías londinenses de Charing Cross e Tottenham Court Road é moi doado atopar as coleccións completas dos clásicos ingleses publicados por Penguin ou Puffin. Unha libra pode ser suficiente para facerse con Pride and prejudice de Jane Austen ou Oliver Twist de Charles Dickens.

En Alemaña o que un sentía era rabia por non coñecer a lingua de Goethe pois as librerías daquel país son auténticos templos da lectura, cos seus sofás tapizados e as súas mesiñas para apoiar os libros e tomar un café. Os alemáns son grandes lectores e iso nótase no frecuentadas que están as librerías e na súa abundancia.

Nas miñas máis recentes viaxes a Portugal atopei nos andeis das livrarias a colección de clásicos portugueses Mundo das Letras que ten publicado a Porto Editora e podo dicir que se trata dunha selección moi axeitada a un prezo bastante asequible. Inclúe as novelas e relatos máis famosos de Eça de Queirós, obras de Almeida Garrett, Camilo Castelo Branco, Júlio Dinis, Raul Brandão, Luís de Camões e Fernando Pessoa, entre outros. É inaudito pero todas estas obras mestras da literatura portuguesa pódense descargar desde a páxina web da editora. Portugal segue indo por diante de nós en moitas cousas.

Aquí falamos moito de promover a lectura entre os máis novos pero sempre temos que agardar a que algún xornal de tirada nacional se decida a sacar á rúa unha colección deste tipo. Non faltan desde logo as boas edicións dos nosos clásicos, tanto galegos coma casteláns, coas súas completas introducións, pero están lonxe de ser económicas. Supoño que a rendibilidade tamén ten moito que ver coa cantidade de lectores dispostos a mercar estes libros de peto que tanta compaña nos fan agora que se achega a calor.


(Na imaxe superior a edición da Illa do Tesouro do escocés Robert Louis Stevenson e os Contos de Eça de Queirós.)

17 may 2008

Mrs. Robinson

Cumpríronse xa os 40 anos do filme O graduado, de Mike Nichols. E se a película e os seus actores principais Dustin Hoffman e Anne Bancroft (falecida no 2005) aínda son lembrados por todos, non menos coñecidos son os autores da banda sonora, o dúo Simon & Garfunkel.
Paul Simon, o compositor de todas as cancións do dúo, pensou que non tiña nada que perder por colaborar na banda sonora da película, pero non estaba moi entusiasmado nin coa idea nin co propio film. Paul tiña composto unha canción instrumental que non funcionaba ben, non encaixaba en ningunha letra. Segundo parece foi Art Garfunkel o que suxeriu a Paul que introducira o nome do personaxe de Mrs. Robinson na canción para ver se lograban sacar algo da música. O resto da historia é ben coñecido. A música de Simon & Garfunkel permitiulle a Mike Nichols ilustrar a sucesión de estados de ánimo do protagonista Benjamin Braddock e enfatizar a narración do film.
En 1968 publicouse a banda sonora e o álbum Bookends, un dos máis perfeitos do dúo. Nel inclúese unha versión xa máis redonda da canción, moi no estilo dos Everly Brothers que foron os grandes ídolos do dúo desde a súa xuventude.

14 may 2008

Álvarez Blázquez, ornitólogo


Lendo os poemas de Xosé María Álvarez Blázquez queda claro que este home era un grande amante dos animais, especialmente dos paxaros. Nas súas poesías abundan os fermosos nomes galegos das diversas aves que podemos atopar polo país: o vilorico a camiñar polas ribeiras salgadas, o paporrubio orgulloso da cor xeitosa do seu peito ou a bubela coa súa simpática crista de plumas chamativas. Tamén hai sitio para a cotovía, o ferreiriño, o merlo, o reiseñor, a galiñola, o verderol, o cuco, o moucho ou a curuxa de inquietante mirada nocturna.
Ademais de todas as aves que xorden nas poesías de Álvarez Blázquez cómpre sinalar que a súa narración máis coñecida leva por título A pega rabilonga. Non se trata dun relato para nenos. Conta a historia dunha fidalga viúva que perdeu todas as antigas riquezas e que fai moi boas migas cun paxaro moi especial:


"Dende o primeiro día xa lle chamou señora Marica e tamén dende o primeiro día a pega atendeu polo nome. Era aínda moi nova; non tería máis de tres meses, e viña cunha fame condanada. Misia Catalina púxulle uns pauciños atados con fitas na pata crebada, fíxolle unha cama de trapos nun escriño vello, e, namentras o paxaro non se poido erguer e manterse firme, dáballe alí de comer."


(Orixinalmente publicado no Caderno do Arealonga.)

13 may 2008

Terroristas de volante

Vilagarcía segue aínda conmocionada polo asasinato do pasado domingo. E digo asasinato porque iso é o que realmente foi, na miña opinión. O rapaz Manuel Abalo, arousán de 23 anos, foi atropelado no centro da vila por un terrorista que ía circulando a máis de 100 km/h.
Eu, verdadeiramente, non estou moi sorprendido. O que me chama a atención é a total impunidade con que cada fin de semana veñen sucedendo feitos semellantes. Atravesar unha rúa desta vila un sábado ás doce da noite, poñamos por caso, resulta moi perigoso. Sen embargo, nunca percibín alarma entre os veciños. Claro, até que sucede algo como o deste rapaz, agora si. Había que pensalo antes.
En Vilagarcía hai moitos pasos de peóns e rotondas e moi poucos semáforos. Eses pasos de peóns, como o da Avenida da Mariña que separa as dúas zonas de marcha nocturna desta vila, son auténticas trampas mortais. Calquera vilagarcián pode contar experiencias de coches que os estiveron a punto de atropelar, na rúa Edelmiro Trillo, en Rodrigo de Mendoza, en Doutor Tourón, etc. E iso a pesares de que moitos pasos foron elevados nos últimos anos para facer reducir a velocidade dos vehículos. Algúns necesitan que lles poñan un muro.
Pero habería que ir aínda máis alá. Rapaciños co carné recén conseguido e coches de alta cilindrada (audis, bemeuves, mercedes, etc.) é unha combinación máis que habitual nesta comarca polo que todos sabemos. E esa mestura tamén é unha trampa mortal... mais mortal para os inocentes que camiñamos pola rúa. Disto é do que habería que falar.

12 may 2008

O editor Miguel Torga


Falar de Coimbra tamén é falar do doutor Adolfo Correia Rocha (1907-1995), quen un día de 1934 desvela ao mundo o pseudónimo Miguel Torga: Miguel en lembranza de Cervantes e Unamuno; e Torga pola denominación trasmontana das urzes, as flores silvestres que xorden con facilidade. Vencellaba así o seu iberismo cun profundo sentido de pertenza á terra e á xente.

Torga foi sempre o editor dos seus libros. Esas edicións económicas aínda están a venda hoxe por todo Portugal. Teñen unha presenza rústica e diáfana: o título, o volume, a edición e a palabra Coimbra na parte inferior. Convén usar un abrecartas para, con paciencia, separar ben as follas dos pregos que compoñen o libro. So despois desta disección é que podemos desfrutar da obra.

O seu diario está composto por dezaseis volumes publicados entre 1941 e 1993. Neles intercálanse experiencias, reflexións persoais e tamén poemas, pois Torga foi entre moitas cousas un gran poeta.

Neste cuarto volume do seu diario, de 1946 a 1949, hai poemas ben fermosos pero quixera rescatar un breve fragmento moi significativo:


Coimbra, 30 de Janeiro — Mataram Gandhi, a tiros. Houve un homem na Índia capaz de puxar ao gatilho contra a própria alma! A mercadora mas tolerante Inglaterra, se acaso o não entendeu, pelo menos respeitou sempre aquela vida que, mal entrava em jejum, fazia estremecer a terra. O fanatismo religioso, esse pôde alvejar a luz, e apagá-la! Não havia no mundo quem merecesse menos do que o Mahatma a violência brutal de um assassínio. O seu apostolado foi a expressão mais alta que se viu até hoje da intangibilidade da pessoa humana. O próprio Cristo pegou num chicote, e apensou à sua pregação de amor o rabo-leva de uma agressão. Gandhi, nesse caminho, foi o primeiro a conservar intacta a beleza da sua doutrina. Era um Sócrates da acção. E, exactamente como o Grego, morreu á mão dos contrários. O filósofo do justo bebeu a cicuta da injustiça; o resistente de mãos caídas tombou varado de balas. Mas, da mesma maneira que Atenas, matando Sócrates, lhe deu razão, também a Índia, assassinando Gandhi, lha dá. A justiça não ficou do lado da cicuta, nem a resistência há-de ficar do lado das pistolas. O mal de quem apaga as estrelas é não se lembrar de que não é com candeias que se ilumina a vida.

9 may 2008

As fontes de Dostoievski (I): Ann Radcliffe


O estilo literario de Dostoievski resulta ben peculiar e persoal. É moi fácil de identificar pois destaca polo seu realismo e a súa introspección psicolóxica. Os seus personaxes son capaces da acción máis miserable e da fazaña máis honrosa.
Este estilo foi estudado principalmente por Mijaíl Bajtín na súa obra Problemas da poética de Dostoievski (1936), un denso estudo sobre a relación que Dostoievski mantiña coas súas narracións e os seus personaxes. Bajtín falaba do estilo polifónico e dialóxico de Dostoievski e explicaba as súas características.
Sen embargo, con ser tan persoal o estilo de Dostoievski, non debemos esquecer que todos os escritores beben dunhas fontes literarias desde o mesmo momento en que botan a ler e que estas fontes inflúen moito nas futuras formas da escrita. As fontes de Dostoievski son diversas pois foi acostumado desde neno a escoitar novelas lidas polos seus pais. Entre elas líanlle novelas da escritora británica Ann Radcliffe (1764-1823), pioneira da novela gótica de terror. As súas novelas máis coñecidas son Os misterios de Udolfo (1794) e O italiano (1797). Dostoievski afirmaba que despois de escoitar estes relatos "deliraba" sobre eles nos seus soños.
Seguindo ao biógrafo de Dostoievski, Joseph Frank, a estructura básica destas novelas góticas estaba formada por unha trama baseada no misterio e o suspense, personaxes que eran expostos a situacións de extrema tensión psicolóxica e sexual, asasinatos, tumultos, e unha ambientación orientada a producir un calafrío no lector polo sobrenatural da historia. Dostoievski levaría todos estes elementos da novela gótica a un grao superior de perfección moitos anos máis tarde.


(Na imaxe, a portada dunha edición londinense de The Mysteries of Udolpho, do ano 1806.)

8 may 2008

A Universidade de Coimbra


A Universidade de Coimbra ten visto pasar polas súas aulas aos portugueses máis destacados e influíntes dos últimos catrocentos anos. Falamos de escritores como Eça de Queirós, Antero de Quental, Luis de Camoes, Almeida Garrett, Miguel Torga, Mario de Sá Carneiro, ou Vergílio Ferreira, de científicos como Egas Moniz, Premio Nobel de Medicina en 1949, o mesmo ano en que o Zeca Afonso matricúlase na Facultade de Letras. Pola Universidade pasaron tamén os que levaron as rendas do país como o Marqués de Pombal, Teófilo de Braga, Bernardino Machado, Sidónio Pais, Manuel Alegre ou o mesmo Antonio de Oliveira Salazar.
Na fotografía tomada o pasado día 2 de maio pódese ver o Paço das Escolas coa torre universitaria á esquerda, a Reitoria e Facultade de Dereito no centro, e o paso á Porta Férrea á dereita.

5 may 2008

Coimbra sobre o Mondego


De Coimbra xa so lembraba o Portugal dos Pequenitos e pouco máis pero estes días de maio revisitei a fermosa cidade universitaria e atopeina ateigada de estudantes e de turistas. Os turistas estaban a subir sen folgos a rúa de Quebracostas. Os estudantes, en cambio, estaban de festa pois desde 1899 celébrase por estas datas a Queima das fitas. Os que se gradúan queiman os distintivos de cada facultade e a Associação Académica de Coimbra organiza unha grande festa que dura varios días, un por cada facultade.

A Universidade é probablemente o lugar máis relevante da cidade. Sitúase sobre un promontorio desde o que hai boas vistas sobre o río Mondego. Outros lugares de interese son a porta e torre da Almedina, o Xardín Botánico e o Museu Nacional de Machado de Castro.

1 may 2008

Jacques Brel


Ás veces as cidades fican maxicamente vencelladas a unha canción, a un libro, a unha película... Para min Bruxelas vai unida á voz de Jacques Brel. O lirismo intenso das súas cancións impresiona aínda. A súa máis famosa peza é seguramente Ne me quitte pas, mais agora quería rescatar outra que non me canso de escoitar: Le moribond. Foi composta en 1961 e trátase da despedida dun moribundo que expresa os seus últimos desexos. Quere que o seu mellor amigo se preocupe pola muller que el deixa para que ela ría e baile mesmo cando a el o estean a soterrar.

Adieu L'Émile je t'aimais bien
Adieu L'Émile je t'aimais bien tu sais
On a chanté les mêmes vins
On a chanté les mêmes filles
On a chanté les mêmes chagrins
Adieu L'Émile je vais mourir
C'est dur de mourir au printemps tu sais
Mais je pars aux fleurs la paix dans l'âme
Car vu que tu es bon comme du pain blanc
Je sais que tu prendras soin de ma femme
Je veux qu'on rie
Je veux qu'on danse
Je veux qu'on s'amuse comme des fous
Je veux qu'on rie
Je veux qu'on danse
Quand c'est qu'on me mettra dans le trou.

Jacques Brel naceu en Bruxelas en 1929. Hacia 1953 trasladouse a París onde conseguiu grabar os seus primeros discos. Morreu na capital francesa en 1978 aínda que está soterrado nas Illas Marquesas a poucos metros de Paul Gauguin.

26 abr 2008

O Con Negro


Fixo un día fantástico aquí no Salnés. Hoxe visitei coa miña muller a que probablemente é a costa máis rochosa de toda esta bisbarra que contén nove concellos: Cambados, Sanxenxo, O Grove, Meaño, Meis, Ribadumia, A Illa, Vilanova de Arousa e Vilagarcía de Arousa.

O Con Negro é un conxunto de grandes rochas e pequenas calas situado moi perto de San Vicente do Mar (O Grove), onde cada vez máis ourensáns teñen a súa residencia de verán. Desde a area destas calas pódese ver con facilidade a illa de Sálvora na boca da ría de Arousa, e máis alá o extremo da península do Barbanza: Ribeira, Aguiño, Corrubedo, etc.

25 abr 2008

Unha princesa no parque


O 13 de agosto de 1955 chegaba a Ourense a princesa Faika, irmá do entón xa ex-rei Faruk de Exipto. Pasou tan so unhas horas na nosa cidade hospedándose no Hotel Parque. Faika era a cuarta filla do monarca. Nacera en Alexandría no ano 1926 e morreu no Cairo en 1983.



"ESTUVO UNAS HORAS EN ORENSE LA PRINCESA FHAIKA
hermana del ex-rey Faruk de Egipto


Ha pasado unas horas en nuestra ciudad la princesa Fhaika Sadek, hermana del ex-rey Faruk de Egipto.

Procedente de Vigo, llegó a Orense en la noche del sábado, a última hora, acompañada de su esposo, el senador Fonad Sadek; del director general de Pasaportes de su país, Abdherim Hamman, y del también senador José El Cherel.

La princesa Fhaika viaja de riguroso incógnito, y en "Hotel Parque", donde se hospedó, advirtió que no quería se difundiese la noticia de su permanencia en la ciudad, pues no deseaba recibir a nadie, y menos a los periodistas.

Poco después de la llegada a Orense de los egregios viajeros, en tren, y también desde Vigo, llegó un matrimonio español amigo de la princesa. Se trata de don Luis Gerillu Martínez, profesor en Madrid, y señora.

La princesa Fhaika es una mujer joven. Aparenta de treinta a treinta y cinco años, y por sus rasgos fisonómicos no se hace fácil deducir su estirpe árabe. Sus ojos, solo ligeramente rasgados, son más bien claros; el pelo negro, perfecto el óvalo de la cara y el cuerpo bien proporcionado. Su estatura, aproximadamente de 1,60 metros.

Cuando llegó el sábado, vestía la princesa, un traje color azulina muy elegante y sencillo, y se tocaba con un sombrero blanco con redecilla del mismo color. Y cuando ayer reanudó viaje, lucía un sencillo traje gris claro con jersey amarillo, tocándose con un sombrero a manera de turbante de lana amarilla.

En el aspecto de la princesa se adivinaba solo un poco el delicado estado de salud en que, según nos afirmaron se encuentra, y que parece confirmar la frugalidad de su almuerzo, en el que únicamente le fué servido un poco de arroz blanco sin sal y otro poco de queso.

También nos hemos interesado, como es lógico, por detalles del viaje de la princesa. Pero solo hemos conseguido saber que lleva poco más de un mes en España y que al salir de Orense, a las cinco de la tarde del domingo, se proponía llegar a Astorga, localidad en donde pernoctó."

La Región, 16 de agosto de 1955.


(No centro da imaxe a princesa Faika entre as súas irmás nunha fotografía dos anos 30.)