29 may 2009

Jiří Trnka, un artesán do cinema



O outro día, conversando co meu pai sobre algúns cineastas hoxe case esquecidos, veu á nosa memoria o nome do checo Jiří Trnka (1912-1969) e de todo o magnífico cinema de animación que ten producido aquel país na segunda metade do século XX. Os dous añoramos ese xeito de facer filmes, con sensibilidade e talento, con arte e humanidade.

Afortunadamente, veño de ver e gozar a curtametraxe que moitos consideran o testamento artístico e ideolóxico de Trnka e que leva por título A man (Ruka, 1965). Unha enorme man, firme e autoritaria, impide a un pobre e solitario oleiro que siga a elaborar as súas simples macetas obrigándoo a tallar mans e unicamente mans coma ela. A resistencia inicial do oleiro é vencida pola forza da man. O desespero condúceo logo á morte. O funeral é oficiado sen embargo pola propia man que condecora ao morto, nun xesto de cinismo evidente.

O filme ten unha moi clara lectura de fondo. Trnka defendeu sempre a súa liberdade creativa e a súa independencia como artista. Trnka é desde logo ese triste oleiro. Moitos interpretan tamén o filme en clave de protesta e consideran que a autoritaria man é unha metáfora diáfana das condicións de vida baixo o estado comunista. Faltaban aínda uns poucos anos para a Primavera de Praga.

Na obra cinematográfica de Trnka —6 longametraxes e 17 curtas— ocupan un lugar destacado as lendas tradicionais checas: Špaliček (O ano checo, 1947), Bajaja (O príncipe Bajaja, 1950), e Staré povesti ceské (Antigas lendas checas, 1953). Noutras ocasións ocupouse en adaptar a clásicos como Shakespeare (O sono dunha noite de verán), Chejov (Historia dun contrabaixo) ou Bocaccio (O Decamerón).

Trnka brillou tamén como ilustrador de contos infantís recibindo o Premio Hans Christian Andersen en 1968, un ano antes da súa morte. Ilustrou as historias dos irmáns Grimm, os contos de Perrault, Andersen e Lewis Carroll, as fábulas de La Fontaine, etc. e tamén os contos de autores checos coma Vladimír Holan ou Jan Pálenícek, ademais do osiño Misha de Josef Menzel.


A súa influencia no cinema de animación foi sobresaínte aínda que non suficientemente recoñecida nin valorada. Moitos non poden evitar ver no archicoñecido Tim Burton unha débeda pendente con Jiří Trnka.



















(Na imaxe superior, Jiří Trnka. Abaixo, á esquerda A novia cadáver de Burton; á dereita, A man, de Trnka.)


27 may 2009

A vida das abellas


Visitei onte xunto os meus alumnos o centro Apípolis, situado a poucos quilómetros de Pontevedra, na parroquia de Santo André de Xeve.


—Profe, que significa apípolis?

—A cidade das abellas.


Os nenos de Baión puideron observar abraiados as colmeas cheas de abellas coa súa raíña no medio delas, a forma hexagonal das celas tan axeitada para a súa vida, o pole pegado ás patas cando voltan do seu paseo polos prados darredor. Tamén fixeron con moita ilusión galletas de mel que levaron para a casa e aprenderon unha chea de cousas sobre a Apis mellífica.

Pero non era disto do que quería eu falar. O asunto das abellas levoume un pouco máis lonxe nas miñas habituais extravagancias, no sentido literal do termo. Primeiro, conduciume ao belga Maurice Maeterlinck (1862-1949), o Premio Nobel de Literatura do 1911 e autor ademais do famoso ensaio A vida das abellas. Non é este un tratado de apicultura aínda que proporciona moitas curiosidades e desfai mitos. É máis ben un conxunto de reflexións filosóficas sobre o misterio da súa organización social.


"En verdad, cada una de esas pequeñas bayas casi inmóviles trabaja sin descanso y ejerce un oficio diferente. Ninguna de ellas conoce el reposo, y las que, por ejemplo, parecen las más dormidas y penden de los cristales en racimos muertos tienen la tarea más misteriosa y más cansada; ésas forman y segregan la cera."


Existe un libro fabuloso titulado The Sacred Bee in Ancient Times, da autora Hilda Ransome, publicado orixinalmente en 1937, que vai relatando a relevante presencia da abella nas culturas da Antigüidade, desde Exipto á India. Conta a lenda que o poeta grego Píndaro ficou adurmiñado pola calor do mediodía nunha viaxe a Tespias. Mentres durmía, as abellas derramaron mel nos seus beizos e iso marcou o seu nacemento como cantor. Por elo nas odas de Píndaro abundan as referencias ás "musas do mel".


O doce aroma do mel transportoume logo a un sitio máis noso: Cartelle, Ourense. Alí naceu o cineasta Carlos Velo (1909-1988). Estudou Bioloxía en Madrid e licenciouse en Ciencias Naturais en 1932. Neses mesmos anos participou nos primeiros cine-clubes que se fundaron na capital e comezou a deixarse querer pola realización cinematográfica e as vangardas artísticas. As súas paixóns foron o cinema e a entomoloxía, E conseguiu unilas ao filmar a vida das abellas cunha cámara Kodak de 16 milímetros e un microcospio. Foi a súa primeira práctica de cine que titulou Aventura de los Ápidos Apis.
(Na imaxe, O descobrimento do mel, do pintor renacentista Piero di Cosimo.)

16 may 2009

Unha postal de Heidelberg


Despois de todo este tempo de ausencia forzada, por fin regreso ao meu pequeno recuncho na rede. A verdade é que tiña isto un pouco desgobernado e deixado da man. Pouco a pouco habemos recuperar o camiño perdido como diría o poeta melancólico. Foi coma unha convalecencia de meses... Estou a esaxerar.

Para a miña volta decidín pegar esta postal da viaxe que fixen a Alemaña no mes de abril. Trátase dunha bonita vista do castelo de Heidelberg desde a Kornmarkt, é dicir, a Praza do Trigo.

Heidelberg é unha fermosa cidade situada xunto o río Neckar a unha hora de Francfort e a outro tanto de Stuttgart. Pertence ao estado de Baden-Wurtemberg e recibe cada ano a milleiros de turistas. Non resultaba fácil atravesar a súa rúa principal e o castelo, a principal atracción da cidade, tamén estaba cheo de xente. De moitos dos edificios que conforman o recinto do castelo tan só fican as imponentes fachadas e iso dálle ao conxunto un aspecto romántico e ilusorio. Un non pode evitar imaxinar o castelo rodeado de bruma coma nesas postais que parecen sacadas dun libro de Goethe. Aínda están vivas as pegadas da historia nos seus recantos.

Heidelberg é a cidade universitaria por excelencia naquel país. Nese aspecto podémola comparar con Coimbra ou Salamanca. Voltaremos outro día a falar de Heidelberg porque non quedou todo dito nin moito menos.

17 feb 2009

Sofá, manta e libro


Dous meses levo sen conexión a Internet e sen modificar o meu blog; todo desde que me mudei á miña nova vivenda na que aínda non hai posibilidade de engancharse á rede. Por outro lado comprei un novo e cómodo sofá e teño máis tempo para ler polas tardes. Nas últimas semanas teño lido a Epopea de Gilgamesh, unha marabilla da Antigüidade; unha interesante obra divulgativa sobre os templarios da autora Barbara Frale e actualmente estou a ler a biografía de Mariano José de Larra recén publicada pola Editorial Aguilar. Este ano 2009 está cargado de efemérides e celebracións coma o Ano da Astronomía ou o bicentenario de Edgar Allan Poe e do mesmo Larra. Benvidas sexan se serven para dar a coñecer novas publicacións e lograr novos adeptos.

Larra é unha figura senlleira do xornalismo en España da primeira metade do século XIX. Ler os seus artigos fai que un aprecie o valor deste oficio. Gardan toda a actualidade porque atacan vicios e inxustizas que hoxe seguen a se producir. E, dalgunha maneira, un comparte tamén co autor certas actitudes coma o fondo e desesperanzado escepticismo e unha leve misantropía.

3 dic 2008

Con Ourense na cabeza


Foi un acto de xustiza o do pasado sábado no Liceo. O profesor e investigador Marcos Valcárcel ben merecía unha homenaxe non só por parte dos seus amigos senón de todos os ourensáns. As súas investigacións sobre a historia sociocultural da cidade —ás que se ven sumar o seu novo libro Historia de Ourense— son ferramentas imprescindibles para calquera estudoso que se queira achegar ao noso pasado máis recente. O Carrabouxo foi quen mellor captou esta idea e plasmouna como el mellor sabe, nunha viñeta.
Eu non coñezo a Marcos persoalmente máis alá dos meus recordos de neno no cine clube Padre Feijoo con meu pai ou na praia de Estorde. Pero aprecio moito os seus traballos, amenos e rigorosos á vez, especialmente os que gardan relación coa prensa de Ourense. En 1987 publicouse A prensa en Ourense e a súa provincia que ademais de ser un estudo moi interesante, froito da súa memoria de licenciatura, serviu a moitos investigadores para atopar fontes axeitadas. No meu caso valeume para coñecer fondos e arquivos de prensa ourensá de finais do século XIX e primeira metade do XX pois o meu tema de estudo é o cinema. Sería estupendo que se reeditara esta obra súa coas actualizacións necesarias e que servira para análises monográficas máis polo miúdo. Porque aínda hai moito por facer.
Apréciase tamén en Marcos Valcárcel unha actitude de tolerancia e respecto cara os demais que desgraciadamente non abunda hoxe en día en ningún terreo. O seu blog As uvas na solaina é referencia para moitos e penso que a maior virtude de Marcos é a de ser un bo anfitrión, deses que non obriga a ninguén a degustar as uvas do mesmo xeito ca el.


(Na imaxe de arriba, portada da obra citada de Marcos Valcárcel, exemplar de meu pai. Abaixo a viñeta do Carrabouxo publicada en La Región o 28 de novembro.)

20 nov 2008

O malvado Ricardo III


Hai uns sete anos, estando na casa duns amigos de meu pai en Oxford, ao coñecer a miña afección polo cinema preguntáronme polas miñas películas favoritas. Supoño que respondín cun par de títulos, os primeiros que lembrei. Pero isto de elixir os favoritos resulta complicado pois realmente gardamos no fondo da nosa memoria bos recordos dunha caixa completa de películas. Coa miña resposta esquecera de golpe todo o bo cinema feito polos británicos. E veñen agora á memoria algúns magníficos actores e realizadores daquel país: Alfred Hitchcock, quizais por enriba de todos en canto a talento e éxito, pero tamén Alexander Korda e A vida privada de Enrique VIII (The Private Life of Henry VIII, 1933), cun maxistral Charles Laughton, actor que nos regalou ademais das súas magníficas interpretacións unha peza marabillosa titulada A noite do cazador (The Night of the Hunter, 1955). Non debemos esquecer tampouco a Carol Reed coa súa adaptación de O terceiro home (The Third Man, 1949), breve novela de Graham Greene —outro británico—.
Entre os mellores habería que situar tamén a David Lean, do que destacaría Breve encontro (Brief Encounter, 1955), pero non podemos esquecer Lawrence de Arabia (Lawrence of Arabia, 1962), A ponte sobre o río Kwai (The Bridge on the River Kwai, 1957), Doctor Zhivago (Dr. Zhivago, 1965) e Pasaxe á India (A Passage to India, 1984).
Hai moitos máis nomes: Alexander McKendrick, David Niven, Richard Burton, Richard Attenborough, Ridley Scott; os actores coñecidos polos máis novos como Alec Guinness, Anthony Hopkins, Ben Kingsley, Michael Caine e Sean Connery, ou fenomenais actrices coma Judi Dench, Julie Andrews, Vanessa Redgrave, Helen Mirren e Emma Thompson.
De entre todos eles hoxe quédome con Laurence Olivier (1907-1989), un dos mellores actores que teña dado o cinema ou o teatro. Recentemente vin a súa versión cinematográfica de Ricardo III (Richard III, 1955), na que o acompaña outro grandísimo actor, John Gielgud. A pesares de que parece teatro filmado, que non sei se é un eloxio ou un reproche, o certo é que o filme merece a pena. A interpretación do malvado e sanguinario rei é fabulosa. Convén escoitar a voz orixinal de Olivier e apreciar así o verso de William Shakespeare en toda a súa forza. E en chegando ao maior nome das letras inglesas xa non queda máis que falar. Aquí pódese ver un fragmento da versión orixinal do filme, o titulado 'The Winter of Our Discontent'.

(Arriba, Laurence Olivier en Ricardo III.)

19 nov 2008

Os coristas


Acabo de ver esa marabilla de película que se titula Os coristas (Le choristes, 2004), dirixida polo francés Christophe Barratier e que desde a súa estrea tantas boas críticas e éxito de taquilla acadou en todo o mundo. Máis alá deses méritos importantísimos eu quédome coa humanidade que se respira ao longo de todo o filme. O infame, despreciable e ruín director —amigo da cínica expresión acción-reacción— queda eclipsado sempre pola tenacidade, imaxinación e ilusión dun músico fracasado na súa carreira profesional pero tremendamente afortunado na súa tarefa de educador: Endexamais digas xamais. O papel do mestre interprétao maxistralmente Gérard Jugnot, mentres Jean-Baptiste Maunier (Pierre Morhange) brilla coa súa magnífica voz. Un film excepcional.

(Arriba, na imaxe, Gérard Jugnot coma Clément Mathieu dirixindo aos seus alumnos.)


12 nov 2008

Un pelirroxo valente


O pasado verán escribín aquí unhas poucas liñas sobre o filme Cabelo de cenoria (Poil de carotte), de Julien Duvivier. Esta película foi proxectada en 1953 polo primeiro cine-clube que houbo en Ourense. O neno que protagonizaba aquela versión falada de 1932 ten unha historia persoal máis ca interesante.
Robert Lynen naceu en 1920 no departamento francés do Jura, no seo dunha familia de artistas. Seu pai era pintor e súa nai cantante e pianista. O camiño artístico de Robert vai ser o da interpretación. Duvivier descobre o seu talento natural e fica atraído pola súa mirada. En 1932, como xa dixemos, interpretou o personaxe da novela de Jules Renard. Tiña 12 anos e axiña se convertiu nunha desas celebridades cinematográficas xuvenís tan propias daquela época, polo menos para os franceses. Lembremos a Shirley Temple, Jackie Cooper ou Freddie Bartholomew. Con Julien Duvivier rodou outros catro filmes ao longo da década: Le Petit Roi (1933), La Belle équipe (1936), L'Homme du jour (1937) e Un carnet de bal (1937). Mesmo traballou noutros filmes para directores coma Robert Siodmak e Marc Allégret.
En 1938 rodou o filme Éducation de prince xunto ao actor Louis Jouvet, ao que considerou coma un irmán. Jouvet, célebre actor e director teatral, é recoñecido pola súa interpretación en filmes coma A kermesse heroica (La Kermesse héroïque, 1935) de Jacques Feyder e Os baixos fondos (Les Bas-fonds, 1936) e A marsellesa (La Marsellaise, 1938) de Jean Renoir.
Robert Lynen incorporouse á resistencia contra os nazis no ano 1940 despois do armisticio firmado por Pétain que supoñía na práctica a total rendición ante Hitler e as forzas do Terceiro Reich. Robert traballou un tempo nunha empresa de Marsella que servía de tapadeira á organización. Pronto se convertiu en subtenente das Forzas Francesas na rede "Alliance". Pero é detido pola Gestapo en Cassis, na Costa Azul, en 1943. Preso durante varios meses, nos que intenta fuxir en dúas ocasións, foi finalmente condenado á morte en 1944 sendo fusilado na fortaleza de Karlsruhe o 1 de abril. Tiña 23 anos de idade. O seu corpo foi repatriado a Francia en 1947 e permanece enterrado no cemiterio de Gentilly.
En 1967 a cinemateca da cidade de París pasou a chamarse Cinémathèque Robert-Lynen, na súa memoria.

(Na imaxe, portada da biografía de Robert Lynen publicada en Francia no ano 2002.)

7 nov 2008

Evitemos

Ás veces son algo teimudo cando discuto con aqueles que pensan e defenden que nada cambiou na educación durante os últimos tempos e que todo é máis ou menos igual ca era antes. Penso que aínda que vaiamos todos dentro do mesmo tren debemos decatarnos de que este móvese e que vai a algures. Non podemos estar cegos diante dos cambios sociais, políticos, tecnolóxicos e culturais que teñen operado no país nas últimas décadas. Iso suporía non estar preparados para os retos que se aveciñan no futuro máis próximo.
E así, fiquei hoxe abraiado ao contemplar este anuncio publicado en 1956 no diario La Región. Non necesita de moito comentario pero chocoume especialmente que naquel tempo se considerase tan lóxico e normal humillar a un neno de xeonllos e coas orellas de burro a pesares de decatarse ao mesmo tempo de que iso podería "dañar su porvenir". Inaudito. Hoxe resulta unha caricatura pero non me podo esquecer que nun tempo foi real e sucedeulle a nenos e nenas de carne e óso. Non cabe dúbida de que os que se deberían ruborizar deberían ser os adultos que tal permitiron.

O curioso incidente do can á medianoite


Hai que facerlle caso aos amigos, aínda que so sexa de cando en vez. Seguindo a recomendación dun compañeiro educador veño de ler a coñecida novela O curioso incidente do can á medianoite (The Curious Incident of the Dog in the Night-time, 2003), do británico Mark Haddon (Northampton, 1962).
Trátase dunha historia corrente vista a través dos ollos dun neno con síndrome de Asperger, unha variedade de autismo que lle impide aos que a padecen apreciar o sentido figurado das expresións dos adultos, o estado emocional dos que nos rodean e por enriba de todo, é un síndrome que neutraliza calquera sentimento de empatía cos demais. Non estrana que ao protagonista lle acusen, chegado o momento, de egoísta, aínda que se trate so dun egoísmo involuntario.
Para os que tratamos todos os días con nenos que presentan estas dificultades resulta moi interesante poder imaxinar o mundo a través dos seus ollos, comprender como é que eles interpretan as nosas mensaxes e os nosos acenos, entender as súas reaccións a cada momento, apreciar os seus estados de ánimo. Pero non so é recomendable a lectura para os mestres. Os adultos en xeral poden apreciar outras formas de ver o mundo e reflectir ademais sobre moitas contradicións que asumimos con perplexa naturalidade pero que, aos ollos dun neno como Christopher, incapaz de ler entre liñas, non teñen sentido:

"Además la gente se salta las normas constantemente. Por ejemplo, Padre conduce muchas veces a más de 30 millas por hora en una zona limitada a 30 millas por hora, y otras conduce después de haber bebido, y con frecuencia no se pone el cinturón de seguridad. Y en la Biblia dice No matarás pero hubo unas Cruzadas y dos guerras mundiales y la guerra del Golfo y en todas ellas hubo cristianos que mataban gente.
Además, no sé a qué se refiere Padre cuando dice "no te metas en los asuntos de los demás", porque no sé a qué se refiere con "los asuntos de los demás", porque yo hago montones de cosas con otras personas, en el colegio, en la tienda o en el autobús, y su trabajo consiste en ir a las casas de otras personas y arreglarles la caldera y la calefacción. Y todas esas cosas son asuntos de los demás."

(Na imaxe a portada dunha edición orixinal en inglés. Existe edición en galego.)

25 oct 2008

O Paseo de Trompeta


A moi poucos ourensáns lles sonará hoxe o nome de Enrique Trompeta y Vinci pero todos os días pasean por sitios que el, en certa medida, imaxinou e deseñou. Enrique Trompeta, enxeñeiro destinado a Ourense en abril de 1872, ideou ao ano seguinte á súa chegada un plan para ordenar o vial que levaba da rúa de Alba (hoxe Cardenal Quiroga) á ermida de San Lázaro ademais de ampliar a rúa do Instituto (hoxe Lamas Carvajal) na mesma dirección, para o cal foi necesario adquirir a vivenda número 18 da rúa de San Miguel. Foi o que os ourensáns da época chamaron a "travesía", bautizada logo co nome do ourensán de máis sona naquela época, o avogado republicano Juan Manuel Paz Nóvoa, que faleceu en 1895.
A apertura desta nova vía de tránsito fixo que pouco a pouco o centro da cidade basculara desde o entorno do Posío e a rúa do Instituto máis cara ao norte hacia o Parque de San Lázaro. Nesta nova rúa axiña abriron tendas, cafés e salóns cinematográficos. É a orixe da tan tradicional rúa do Paseo, ateigada de xente nas frías mañás invernais dos sábados e deserta nas calurosas mañás dos domingos de agosto.
Supoñemos que Enrique Trompeta permaneceu pouco tempo en Ourense e moi pronto foi destinado a outras prazas. En 1886 firmou un proxecto para a construción dun faro na illa de Yap, en Micronesia. En 1891 regresou das Filipinas e catro anos despois casou en Lleida. Ten en Madrid unha rúa dedicada, non moi lonxe do río Manzanares.

O avó de don Ramón


O avó materno de Ramón Otero Pedrayo (1888-1976) foi un coñecido avogado no Ourense do século XIX. Ramón Pedrayo Silva naceu en Ourense o 17 de novembro de 1822. Tiña o seu bufete na Praza Maior e ademais era o propietario do inmoble da Rúa da Paz onde logo nacerían Otero e Risco. Na introdución ás Cartas a nai publicadas por Galaxia no 2007 podemos ler un comentario do propio Otero Pedrayo sobre o seu avó:

Mi madre era hija de un letrado de fuerte y cimentado saber, clara mente, sentido a la antigua del deber, estilo conciso, excelente latinista. Su muerte, más que la incuria del hijo mayor, cerró en la plaza Mayor de Orense un bufete respetado y autorizado en toda Galicia. Su nombre murió con el último viejo campesino cliente de don Ramón Pedrayo.

Na obra e no pensamento de Otero Pedrayo a familia ten moita relevancia pois é o vencello máis forte que nos une á terra. O relato titulado O fidalgo, un dos meus preferidos, amosa con claridade os cambios sociais, económicos e de mentalidade acontecidos na segunda metade do século XIX e principios do XX. Apréciase a nostalxia pola fidalguía xa extinguida, substituída por unha burguesía allea aos valores tradicionais.

A relación epistolar coa nai, citada enriba, resulta tamén fundamental para entender o sentido da familia de Otero Pedrayo. Lendo as cartas da nai e do fillo acompañamos os dous no seu mutuo agarimo, nas preocupacións da nai pola saúde do fillo, nas dificultades do día a día no Madrid de hai cen anos, nos consellos sobre a compra e venda de terras...

Onte, pasando as vellas follas de El Eco de Orense atopei a esquela de Ramón Pedrayo Silva, publicada o 4 de maio de 1899 e que aquí reproduzo. Ao ler a esquela tamén puidemos averiguar que o avó fora alcalde de Ourense e presidente da Deputación Provincial.


23 oct 2008

Os tempos estaban cambiando


Hai poucas cancións que combinen de xeito tan maxistral unha boa melodía cunha letra de fondo significado coma The Times Are a-Changin' (Os tempos están cambiando). A canción de Bob Dylan, publicada en 1963 no álbum que levaba o mesmo nome no título, convertiuse axiña, mesmo a pesares do autor, no himno da nova xeración dos anos 60, unha xeración que se afastaba da dos seus pais nas ideas e nos símbolos. Sempre houbo e haberá diferenzas insalvábeis entre unha xeración e a seguinte, pero neste momento do século XX a ruptura resultou moi evidente e trouxo como consecuencia profundos cambios na mentalidade que afectaron á política, a cultura, a educación, o consumo, as relacións sexuais, etc.
Para escoitar a canción coa letra subtitulada abride este enlace (Youtube)


THE TIMES THEY ARE A-CHANGIN'

Come gather 'round people
Wherever you roam
And admit that the waters
Around you have grown
And accept it that soon
You'll be drenched to the bone.
If your time to you
Is worth savin'
Then you better start swimmin'
Or you'll sink like a stone
For the times they are a-changin'.

Come writers and critics
Who prophesize with your pen
And keep your eyes wide
The chance won't come again
And don't speak too soon
For the wheel's still in spin
And there's no tellin' who
That it's namin'.
For the loser now
Will be later to win
For the times they are a-changin'.

Come senators, congressmen
Please heed the call
Don't stand in the doorway
Don't block up the hall
For he that gets hurt
Will be he who has stalled
There's a battle outside
And it is ragin'.
It'll soon shake your windows
And rattle your walls
For the times they are a-changin'.

Come mothers and fathers
Throughout the land
And don't criticize
What you can't understand
Your sons and your daughters
Are beyond your command
Your old road is
Rapidly agin'.
Please get out of the new one
If you can't lend your hand
For the times they are a-changin'.

The line it is drawn
The curse it is cast
The slow one now
Will later be fast
As the present now
Will later be past
The order is
Rapidly fadin'.
And the first one now
Will later be last
For the times they are a-changin'.


(OS TEMPOS ESTÁN CAMBIANDO

Vinde xente ao meu redor
por onde queira que erredes
e admitide que as augas
creceron ao redor de vós
e aceptádeo pronto.
Estaredes calados até os ósos.
Se para vós a vosa época
merece ser salvada.
Entón mellor comezade a nadar
ou afundirédesvos coma unha pedra.
Porque os tempos están cambiando.

Vinde escritores e críticos
que profetizades coa vosa pluma
e mantede os ollos ben abertos
a oportunidade non vai repetirse
e non faledes demasiado pronto
porque a roda aínda está xirando
e non está dicindo a quen
vai sinalar
pois o perdedor agora
vai logo gañar.
Porque os tempos están cambiando

Vinde senadores, congresistas
por favor facede caso á chamada
non fiquedes na porta
non bloqueedes o vestíbulo
pois vaise lastimar
o que quede atascado.
Hai unha batalla aí fóra
e está bramando.
Isto pronto sacudirá as vosas ventás
e fará retumbar as paredes.
Porque os tempos están cambiando.

Vinde nais e pais
de todas partes
e non critiquedes
o que non podedes entender
Os vosos fillos e fillas
están fóra do voso control
O voso vello camiño estase
facendo máis vello rapidamente.
Por favor, apartade do camiño
se non podedes botar unha man.
Porque os tempos están cambiando.

A liña está trazada
A maldición está botada
O lento agora
logo será rápido
como o que agora é presente
logo será pasado
A orde estase
desvanecendo rapidamente.
E o primeiro agora
máis tarde será o último.
Porque os tempos están cambiando.

18 oct 2008

A patria é a xustiza


Remata hoxe Manuel Rivas o seu artigo en El País, en alusión aos políticos alporizados pola decisión do xuíz Baltasar Garzón de iniciar unha causa contra o franquismo, cunha frase concluínte: "Mi patria es la justicia". Esa expresión ten ecos doutro tempo, de hai máis de cento dez anos para sermos máis exactos.
Emile Zola (1840-1902), o escritor francés de orixe italiana, célebre polas súas novelas da familia Rougon-Macquart, deu un paso ao frente e convertiuse probablemente no primeiro intelectual comprometido do noso tempo. A historia fixo correr ríos de tinta e é ben coñecida. O oficial francés de orixe xudea Alfred Dreyfus fora acusado de espionaxe a favor dos grandes inimigos do país, os alemáns. A acusación, falsa como logo se demostraría grazas entre outros a Zola, serviu para catalizar as forzas sociais e políticas máis reaccionarias de Francia. O profundo antisemitismo e un sentido exclusivamente militar da patria e da xustiza impedían a revisión do caso. A lóxica de estado non contemplaba recoñecer un erro aínda que ese erro tivese consecuencias tráxicas para un home honesto e para a súa familia.
O 13 de xaneiro de 1898 Zola publica no xornal L'Aurore unha longa carta titulada J'Accuse (Eu acuso) e dirixida ao presidente da República que se convertirá nun clásico do xornalismo. Este texto, de obrigada lectura para estudantes e amantes da prensa libre, contén expresións dunha contundencia moi actual:

"O meu deber é falar, non quero convertirme en cómplice."

"A miña única preocupación é a luz, en nome da humanidade que tanto ten sofrido e que ten dereito á felicidade. A miña ardente protesta non é máis que o berro que me sae da alma. Que se atrevan a levarme á Sala do Criminal e que a investigación se leve a cabo a plena luz do día!"



(Na imaxe superior a portada do diario L'Aurore coa carta de Zola. Abaixo, o capitán Alfred Dreyfus).


7 oct 2008

Lavoro di catena


Esta mañá, así que as nubes deixaron ver o sol, Moncho, un compañeiro meu da escola, animoume a escoitar unha canción dun cantautor italiano do que eu nunca oíra falar: Rino Gaetano. A canción era moi divertida. Falaba dun operario da Fiat, a fábrica turinesa de automóbiles á que moitos italianos do sur acudiron no século XX na busca dun traballo e un mellor futuro. Pero ese futuro pasaba por un grande sacrificio de saúde e forzas.
Rino Gaetano naceu en Crotone (Calabria) en 1950 e viviu toda a súa curta vida en Roma. Alí morreu nun accidente de tráfico en 1981. Aínda non cumprira os trinta anos. Representou un estilo innovador e provocativo.
A canción L'operaio della Fiat apareceu no seu primeiro álbum Ingresso libero, publicado en 1974. Moncho e mais eu ficamos intrigados acerca do significado de "la millecento". E resulta que era un dos modelos máis famosos da Fiat naquela altura.
Aquí tedes un enlace á canción (Youtube).


L'operaio della Fiat

Hai finito il tuo lavoro
hai tolto trucioli dalla scocca
É il tuo lavoro di catena
che curva a poco a poco la tua schiena
neanche un minuto per ogni auto
la catena é assai veloce
e il lavoro ti ha condotto a odiare la 128
Ma alla fine settimana
il riposo ci fa bene
noi andremo senza pensieri
dagli amici a Moncalieri

. . . la millecento . . .

Hai lasciato la catena
un bicchiere di vino buono
ti ridá tutto il calore
trovi la tua donna e fai l'amore
sei giá pronto per partire
spegni tutte le luci di casa
metti il tuo abito migliore e pulito
lasci al gatto la carne per tre giorni
e insieme a una Torino abbandonata
trovi la tua macchina bruciata

. . . la millecento . . .


3 oct 2008

Narciso tiña un blog


Confesemos. Isto dos blogs ten moito de narcisismo. Os que amamos a letra impresa e soñamos con ver o noso nome e os nosos textos en letras de molde estivemos de sorte o día que inventaron esta ferramenta.
Eu lembro, de pequeno, ter unha daquelas imprentillas de goma freinetianas coa que inventaba o meu propio xornal no tempo de verán, na casa dos meus avós alá na Corna. Mesmo matinei un título moi de hoxe: o SIG (Socialismo Infantil Galego), influído de seguro polas peripecias políticas de meu pai naqueles tempos. Meu pai é o máis fiel lector deste blog e tamén o máis esixente co autor.
Pero eu escribo por escribir. Sei que alguén de cando en vez se achega por aquí a ler o que escribo. Non teño máis aspiracións. Claro que teño os meus temas favoritos nos que me gusta indagar e aportar cousas novas se é posible. Pero non quero caer na vaidade e a pedantería. Pois isto é simple e modestamente un blog máis do blogomillo.


(Na imaxe unha das marabillosas litografías de Honoré Daumier titulada Le Beau Narcisse, de 1842.)

1 oct 2008

Doces soños



Hai poucas semanas laiábase Afonso Vázquez-Monxardín nun artigo seu en La Región da desaparición dun lugar tan cheo de recordos para os ourensáns como foi a Confitería Ramos. Eu comparto ese sentimento. A cidade vai deixando cadáveres a cada pouco. Uns días antes pechara tamén para sempre o Hotel Parque. Os dous lugares, ademais de estar moi próximos entre si, tiñan en común que foran abertos a mediados dos anos 50.
Ourense viviu nos anos 40 e 50 unha importante expansión, multiplicada ademais pola anexión do concello de Canedo. Creceu a poboación e abriron moitos novos comercios. So nos anos 40 inauguráronse catro salas de cinema (hoxe todas clausuradas). As confiterías viviron o seu mellor momento na década seguinte. Milhojas abriu o seu local na Rúa do Progreso no Nadal de 1953 e a Confitería Ramos xustamente ao ano seguinte.
Eu nacín vinte anos despois pero tamén teño recordos desta confitería abandonada. Lembro pasear cos meus compañeiros da escola pola rúa do Paseo, naquel tempo en que as librerías aínda tiñan dereito a estar no centro da cidade antes da chegada invasiva das boutiques. Cando apetecía e había cinco pesos no bolsillo entraba a comprar o meu doce favorito: unha especie de triángulo de crema cuberto con azucre glas. Aquelo sabía a gloria.
Xa máis recentemente, e con algúns pesos máis na carteira, parabamos diante do escaparate da Ramos para ollar a variedade de turróns artesanais que se compraban ao peso, de chocolate, trufados con froita, de nata e noces...
Asistimos hoxe resignados á desaparición física destes lugares. Dentro dunhas semanas cúmprese o 80 aniversario da inauguración do Teatro Losada, hoxe, como todos sabemos, local da maior cadea téxtil do país. Na miña opinión e tomando a expresión de Monxardín, esta foi a maior puñalada da historia cultural da cidade no último século. Perdemos un teatro histórico na rúa principal da cidade e convertímolo nunha tenda de calcetíns.


(Na primeira imaxe, anuncio da Confitería Ramos publicado en La Región en decembro de 1954. Na segunda imaxe, anuncio da Confitería Milhojas publicado no mesmo diario o 22 de decembro de 1953.)


29 sept 2008

Pintura italiana


Regreso ao meu labor de rescate dos artigos de Vicente Risco espallados pola prensa galega do século XX. Non está de máis insistir na diversidade de terreos polos que Risco amosou interese durante toda a súa vida: a filosofía, a relixión, a historia, etc. Tamén a arte e mesmo o cinema chamaron a súa atención. En abril de 1955 unha das súas Horas trataba sobre unha exposición de pintura italiana que tiña lugar en Barcelona.


PINTURA ITALIANA

Hay una exposición de pintura italiana actual, en Barcelona. He visto algunas fotografías: Modigliani, De Chirico, Campigli y un surrealista cuyo nombre no recuerdo. Es de ley —de mi ley— mencionarlos por este orden.
Modigliani está muy bien. Hace gentiles figuras, largas, graciosas, infantiles en apariencia, con una delicadeza muy depurada por dentro, bastante adelantadas en la estilización. Me gusta, aunque no tanto como dicen.
Giorgio de Chirico, a primera vista, me fastidiaba por un geometrismo, una lisura y unas arquitecturas frías, que me dejaban helado. No veía allí más que volumen y estereotomía. Después me di cuenta de las sombras que, de aquellos edificios como cajas de almidón, caían sobre las lisas plazas solitarias. Sombras de un sol que parecía luna. Y me impresionaron aquellas plazas en soledad, aquellas plazas desiertas, en las que, a veces, para acentuar más la soledad, aparecen una o dos figuras humanas, que proyectan largas sombras, parecen ciudades abandonadas, con casas recién construidas. Aquellas figuras humanas andan por allí perdidas, sin saber a dónde dirigirse. Naturalmente, aquello impresiona. A veces, hay extraños monumentos, pintados de colores vivos. Todo italianísimo, todo clásico, todo fantasmal.
Entonces, me dediqué a dibujar cuadros de Chirico, inventados por mí. Los que los vieron, dijeron que eran copiados.
Campigli sorprende la primera vez, pero después es siempre igual. Está muy bien, en el sentido de que yo tengo dibujos infantiles iguales a las figuras de sus cuadros. Por otro lado, recuerda a aquel viejo que se vistió de niño para engañar a la Muerte, y la Muerte llegó y le preguntó:
—¿Quen te rapou, meu vello?
—O papá.
—Pois que fose o papá, que fose a mamá, anda pr'acá.
Sin embargo, debo estar equivocado. Por lo cual, será mejor no decir nada... Sin embargo, había unas "Mujeres meditando", que me gustaron.
El surrealista aludido pintó un cuadro caricaturesco, con una familia en la cual las caras estaban descompuestas, aunque acaso, en realidad, fueran muy felices. Vaya usted a saber. Porque, claro, cada uno es cada uno. Estas frases hechas, que empleamos tantas veces, al decirlas, parece que no dicen nada, y sin embargo, quién sabe. Habrá que volver a leerlas dentro de ocho días.
Y no vi más.

La Región, 16 de abril de 1955.


(Na imaxe Piazza Italia, de 1915. Giorgio de Chirico.)

24 sept 2008

Os poetas malditos


Paul Verlaine (1844-1896) foi un dos poetas máis influíntes de finais do século XIX e comezos do XX. Juan Ramón Jiménez e Rubén Darío atribuíronse o papel de introductores do poeta francés en España. Luis Cernuda, pola súa parte, laiábase do seu esquecemento en favor da devoción por Rimbaud.
Foi Verlaine o inventor desa expresión tan repetida xeración tras xeración, a dos "poetas malditos". A súa biografía, chea de excesos e dubidosos arrepentimentos, deixou unha pegada moi intensa en toda a súa obra. O libro de poemas Romances sans paroles —que utilizaba o título das coñecidas composicións líricas de Mendelsshon Lieder ohne worte— foi denominado por algúns a axenda da aventura rimbaudiana posto que foi escrito entre 1872 e 1873, os turbulentos anos do seu romance con Rimbaud, dez anos máis novo ca el. A primeira parte do libro fórmano as arietas esquecidas, de entre as que quero salientar unha das máis coñecidas, a que xoga coa semellanza das palabras chover e chorar (pleuvoir e pleurer):


ARIETTES OUBLIÉES


III
Il pleut doucement sur la ville.
(ARTHUR RIMBAUD)
Il pleure das mon coeur
Comme il pleut sur la ville,
Quelle est cette langueur
Qui pénètre mon coeur?

O bruit doux de la pluie
Par terre et sur les toits!
Pour un coeur qui s'ennuie
Ô le chant de la pluie!

Il pleure sans raison
Dans ce coeur qui s'écoeure.
Quoi! nulle trahison?
Ce deuil est sans raison.

C'est bien la pire peine
De ne savoir pourquoi,
Sans amour et sans haine,
Mon coeur a tant de peine!
...................................................................

ARIETAS ESQUECIDAS

III

Chove docemente sobre a cidade.
(ARTHUR RIMBAUD)

Chora no meu corazón
como chove sobre a cidade;
Que é esta languidez
que penetra no meu corazón?

Oh, doce rumor da chuvia
na terra e nos tellados!
Para un corazón que se aburre
Oh, canto da chuvia!

Chora sen razón
No meu corazón que se desalenta.
Non hai traizón?
Este dó é sen motivo.

É a peor pena
non saber por qué,
sen amor e sen odio
ten o meu corazón tanta pena!

(Na imaxe, Paul Verlaine nos últimos anos da súa vida sentado diante dun vaso de absinto, a súa bebida favorita.)

23 sept 2008

Por entre as vides de Baión

Regreso con novas enerxías despois dun verán no que teño que admitir que fun vencido pola preguiza. Andei enredado con leas de hipotecas e bancos, e mudei de escola. Deixei o Arealonga de Vilagarcía polo CEIP de Sestelo-Baión, no concello de Vilanova de Arousa. O colexio está moi cerca do famoso pazo e, en xeral, os terreos que rodean a escola están cheos de abundantes viñas. O edificio, que se atopa nun promontorio moi próximo a transitada estrada que une Vilagarcía e Pontevedra, permite albiscar a grande veiga bañada polo río Umia que paseniñamente vai avanzando cara o oeste hacia Ponte Arnelas e dalí a Cambados, onde se vai unir ao Atlántico. Hoxe aproveitei o día de sol para achegarme ao Pazo de Baión, vítima involuntaria dunha historia sinistra de narcotraficantes, políticos amnésicos e naiscoraxe. Tirei unhas cantas fotos porque o lugar e a vista pagaban a pena. Impresiona o inmenso terreo cheo de parras e ondulado pola luz do sol do mediodía. Comezou a vendima. Que dea nun bo viño.