É verdadeiramente fermosa a paraxe na que se atopa o Mosteiro de San Xoán de Poio, asentado nunha terraza desde a que se pode contemplar a illa de Tambo como flotando no medio da ría de Pontevedra. Habitan alí frades mercedarios desde o ano 1890. Na época medieval e moderna foi mosteiro benedictino pero coa desamortización de 1835 ficou abandonado.
Visitei hoxe mesmo este lugar para facer unha consulta na súa biblioteca, unha das máis sobranceiras do país. Consérvanse alí máis de 100.000 libros, auténticas xoias bibliográficas. Os fondos principais proceden dos volumes benedictinos que non se perderon e dos que trasladaron até alí os mercedarios desde Conxo. En 1958 o escritor e sacerdote ourensán Antonio Rey Soto (1879-1966) legou ao mosteiro a súa valiosísima biblioteca, ademais de diarios, cartas e diversos obxectos persoais. Forman parte deste tesouro as Constitucións sinodais da diócese de Ourense impresas por Vasco Díaz Tanco en 1544 e un exemplar do Livro do Infante D. Pedro de Portugal, edición de 1644.
O Padre Jerónimo, a cargo da biblioteca desde hai moitísimos anos, entregounos moi amablemente o tomo de El Eco de Orense correspondente ao ano 1898 que lle solicitaramos. Lamentablemente o volume está incompleto, falta a metade do ano. Eu andaba a buscar a referencia dun día concreto, o 23 de xuño, pero atopeime coa desagradable sorpresa de ver que a folla que quería ler estaba arrancada polo medio e moitas outras páxinas estaban tamén mutiladas.
Querer investigar os finais do século XIX e comezos do XX a través da prensa de Ourense é ás veces decepcionante. Voltei un pouco desencantado a Vilagarcía, apenas 20 minutos de viaxe. A pesares de todo foi unha fermosa mañá nun fermoso lugar.
No hay comentarios:
Publicar un comentario