3 jul 2007

Rimbaud, eterna poesía vital


Le Coin de table, 1872. Este óleo de Henri Fantin-Latour consérvase no Museo de Orsay, na ribeira esquerda do Sena. E que ten de especial? Pois que nel está retratado un dos meus escritores favoritos. No extremo da mesa, sentados, podemos distinguir aos poetas Paul Verlaine (1844-1896) e Arthur Rimbaud (1854-1891) que naquel tempo estaban a vivir a súa persoal historia de amor e excesos. Outro poeta daquel París de despois da Comuna, Albert Mérat, negárase a ser retratado xunto a eles pois estes fixeran grande burla dos seus sonetos amorosos cunha parodia que deron en titular Le Sonnet du trou du cul (O Soneto do burato do cu). Rimbaud, desde que chegara a París, fixera ben poucos amigos nos ambientes literarios da capital por culpa do seu comportamento impertinente. Pero ese non é todo o Rimbaud, senón máis ben a súa propia e voluntaria caricatura.

A luz de Rimbaud, xeración tras xeración, segue a estar aínda acesa. Segue a conectar con milleiros de lectores de todas as idades. As súas Iluminacións, o seu Soneto ás vocais ou O barco ebrio convertíronse en clásicos da poesía. Agora veñen de saír do prelo dúas novas edicións das súas obras. Como sinalaba o pasado sábado Antonio Ortega en El País, máis dun século despois da súa morte non somos capaces de determinar a altura e alcance da figura e a obra de Arthur Rimbaud.

No hay comentarios: