14 jul 2007

Mitómanos da prensa


Confeso: son algo mitómano. Recoñezo que iso ten algo de inxenuo, pero é unha inxenuidade voluntaria. Imaxinar que hai xente cen por cen boa é unha ilusión óptica.

Para os que hai quince anos nos iniciamos nos estudos de xornalismo coa romántica idea da defensa do ben común, o compromiso coa obxectividade e a imparcialidade, a persecución dos impostores, a loita pola xustiza, etc. os nomes de Bob Woodward e Carl Bernstein teñen moito significado. Estes dous xornalistas norteamericanos do Washington Post foron quen de desentrañar a rede de espionaxe organizada pola Casa Branca coñecida como o caso Watergate hai xustamente trinta e cinco anos.

Axentes da CIA foran detidos o 17 de xuño de 1972 no hotel Watergate, sede do comité electoral do Partido Demócrata. Pretendían instalar micrófonos e cámaras para efectuar escoitas ilegais. Woodward e Bernstein foron desenredando o fío que vencellaba os detidos coa Presidencia grazas a axuda inestimábel dunha fonte fundamental, a famosa Garganta Profunda (Deep Throat). Nixon resistiuse pero finalmente viuse obrigado a dimitir en agosto de 1974.

Robert Redford e Dustin Hoffman axudaron a espallar o mito ao interpretar aos dous famosos xornalistas no filme Todos os homes do presidente (All the President's Men), dirixido por Alan J. Pakula en 1976.


(Arriba, os xornalistas Carl Bernstein e Bob Woodward. Abaixo, Robert Redford (Woodward) e Dustin Hoffman (Bernstein) no film de 1976).


No hay comentarios: