27 jul 2007

Unha revista de dous tempos


Conservamos entre as nosas cousas o número 39 da segunda época da revista Vida Gallega, o correspondente ao mes de xuño de 1958, dedicado case en exclusiva á cidade de Ourense. Esta revista, un fito relevante na historia da nosa prensa, foi publicada en Vigo entre os anos 1909 e 1938, sendo o seu director Jaime Solá. Nesta publicación colaboraron entre moitos outros os fotógrafos José Gil e Xosé Saraiba, ademais do xornalista Manuel Lustres Rivas. Na súa segunda etapa, de 1954 a 1963, a revista edítase primeiro en Vigo e logo en Lugo, nunhas condicións sociais e políticas totalmente diferentes.

A familia luguesa Alvarellos, propietaria da editorial do mesmo nome, conserva unha colección completa desta segunda época e dando un bo uso os dereitos que posúe ten publicado nos últimos tempos unha interesante serie de compilacións de artigos publicados en Vida Gallega nos últimos nove anos da súa existencia: Viajes y yantares por Galicia, de Álvaro Cunqueiro; Sesenta gallegos ilustres, de Francisco Fernández del Riego; Últimas páginas sobre Galicia, de Vicente Risco e Teoría de Galicia, de Ramón Otero Pedrayo.

No número do que falamos, con portada de Manuel Prego de Oliver, inclúense traballos de Manuel María, Matilde Lloria, Ben-Cho-Shey, Felipe Fernández-Armesto, Ramón Otero Pedrayo, José Luis López Cid, Luis Moure-Mariño, Antonio Fraguas e Xesús Ferro Couselo.

Para saber algo máis desta revista podedes ler a reportaxe Galicia anos 50, un país retratado nas páxinas de Vida Gallega da editorial Alvarellos.

No hay comentarios: