O taxista ficou abraiado cando lle dixemos que tiñamos pensado pasar catro noites en Atenas: "Four nights!? Two days is enough. Here is only hot and traffic. Go to the islands". Non é por ser teimudo e querer sempre levar a contraria pero o taxista non tiña razón, nin nese asunto nin nos 25 euros que nos cobrou. Aproveitamos ben o tempo e aínda así quedaron lugares por ver.
A parte nova de Atenas é horrible, un tráfico digno de Hades, beirarrúas do tempo de Sócrates, hoteliños que aquí chamariamos fondas... Ah, pero a outra Atenas, a de sempre, a que temos na cabeza, esa ben merece a visita pois é unha marabilla. Visitar a Acrópole, con paciencia iso si, é unha experiencia memorable. Moverse polas rúas de Monastiraki e Plaka, unha delicia. Sentarse a degustar un souvlaki e saborear unha cervexa, un deber.
Veño cargado de imaxes e recordos, así que estou decidido a escribir unhas poucas pequenas postais gregas. De regreso a casa, moi perto do aeroporto Elefterios Venizelos, lin un letreiro grande que dicía: "Many stories to tell. The commitment to come back. Greece". É dicir: Moitas historias para contar. O compromiso de volver. Grecia.
(Na imaxe, en primeiro plano o Templo de Zeus Olímpico. Ao fondo, na cima, a Acrópole e o Partenón.)
2 comentarios:
Xa vexo que houbo cousas de Atenas que vos gustaron. Está claro, que é unha cidade especial. Con claros e oscuros.
Si, pero hai que ser xustos. Os claros superan en moito os escuros. Voltamos encantados dalí. Aínda que pasar dos 38º de Atenas aos 16º de Santiago foi un pouco traumático.
Publicar un comentario