A web Cartografía dos apelidos de Galicia, proporcionada polo CESGA (Centro de Supercomputación de Galicia) á Universidade de Santiago de Compostela, é unha ferramenta interesante que permite coñecer a distribución xeográfica de todos os apelidos do país. Quen non ten entrado a mirar o aspecto que presenta o seu mapa? Pedín o do meu segundo apelido, Nóvoa con til, como sempre se escribiu na miña familia aínda que a web so recoñece a forma sen acento gráfico. A observación meditada do mapa que saiu, ben merece unha breve análise.
A presenza do meu apelido concéntrase nunha serie de concellos ao norte de Ourense pero pertencentes á súa comarca e área de influencia. O concello con máis rexistros de Nóvoa é o de Vilamarín (3,93 %), seguido polo da Peroxa (3,47), Carballedo (3,14) e Coles (2,90). Neste último concello naceu en 1892 o meu bisavó Pegerto Nóvoa, por tanto, están aí as miñas raíces. O resto de municipios onde abunda este apelido son limítrofes: Amoeiro, Punxín e Cenlle.
Outra área cunha presenza superior ao 1 por cento é a que forman os concellos de Parada de Sil, A Teixeira e Castro Caldelas. Próximos á capital sobresaen San Cibrao de Viñas, Taboadela e Paderne de Allariz. Máis ao sureste, hai que salientar os concellos de Vilar de Barrio, Sarreaus, Baños de Molgas e Xunqueira de Ambía.
Contaba sobre todo cos primeiros pero confeso que me sorprendeu o dato de Quintela de Leirado, nas terras de Celanova, cunha porcentaxe do 1,89 por cento.
Mirando cara o Ribeiro non deixa de sorprender o feito de que o apelido, tendo referencia e probable orixe na toponimia do concello de Carballeda de Avia onde existe a parroquia de Santo Estevo de Nóvoa, achegue tan poucos rexistros, tan so 1, e na capital da comarca so 12.
Se falamos en termos absolutos hai que indicar que é Ourense o concello con máis rexistros, un total de 2.442, que para toda Galicia chega ás 9.475 referencias. Para outro día probaremos con Paz, un apelido moito máis disperso.
No hay comentarios:
Publicar un comentario