13 jul 2009

Os miserables das tesoiras


Existe nos nosos arquivos, museos e bibliotecas unha fauna de indesexables que non sendo capaces de mellor cousa dedícanse a roubar libros e a recortar revistas e xornais. Son os miserables das tesoiras, porque hai que ser ben ruín para ir ás salas de consulta xa equipados con todas as ferramentas delitivas, non con intención de coñecer e difundir, senón de mutilar e ocultar. Son criminais do patrimonio e así deberían ser tratados.

Logo verémolos fachendear nos simposios e congresos, dando fermosos discursos e leccións maxistrais, pontificando sobre o que descoñecen, presentando teses doutorais e valiosos artigos de prensa. Publicarán libros, novelas, dicionarios e enciclopedias se queren. Roubarán traballos dos seus alumnos para presentalos como propios, sen rubor, sen vergoña. Criticarán as investigacións alleas por falta de rigor, declararanse víctimas de persecucións políticas, defensores dunha verdade revelada. E toda a súa fazaña reducirase entón a uns anaquiños de papel amarelado polo tempo, esquecidos para sempre nun caixón como esquecido será tamén o nome do seu infame recortador, o térmite do papel.

Tamén hai os que levados por unha demencia fortuita, ao atoparen un novo arquivo, unha nova colección de cartas, unha película esquecida nunha lata no fondo dun armario, unhas fotografías vellas metidas nun sobre, esquecéndose de que xa teñen autor con biografía, abalánzanse torpemente coma lobos e fotocopian, fotografían, resumen, reproducen todo, absolutamente todo, non coa sana intención de difundir o que poda haber de valioso no achádego, senón coa única intención de alimentar o propio ego, xa ben inflado ao longo dos anos.

Teñan os ollos ben abertos. Poden estar en calquera sitio. Estragan todo por onde pasan e por alí non volve nacer a herba.


(A foto foi tirada hoxe na biblioteca do Mosteiro de Poio. Trátase duns números do xornal ourensán El Eco de Orense correspondentes a 1899, con moitísimas páxinas mutiladas por un destes miserables.)


No hay comentarios: