O templo máis fermoso da Acrópole é o Erecteión, e dentro deste destaca a tribuna das Cariátides. Este templo foi erixido en honor a Atenea, Poseidón e Erecteo. Di a lenda que Atenea e Poseidón enfrontáronse nun concurso para gañaren o favor dos atenienses. Poseidón bateu o seu tridente contra o chan e dalí brotou un manancial de auga salgada, non moi útil para aquelas xentes. Atenea, pola súa parte, ofreceulles unha oliveira, que dá aceite e madeira, logrando así a aprobación dos cidadáns. Poseidón, furioso polo rexeitamento, provocou unha grandísima inundación na cidade. Afirma a lenda tamén que o Erecteión foi construido no mesmo lugar onde Poseidón golpeara o seu tridente.
As Cariátides, pola súa parte, son figuras femininas que fan a función de columnas ou piares. O seu nome significa "doncelas de Caria" e representan as escravas do tempo da Guerra do Peloponeso obrigadas a soportar eternamente o peso do templo.
As que están a vista son copias pois as orixinais, excepto unha, consérvanse no Novo Museo da Acrópole, inaugurado en xuño deste ano. Merece moito a pena visitalo. O prezo da entrada é simbólico, tan só 1 euro. Son innumerables as pezas achadas na Acrópole e aquí expostas. É fantástico poder apreciar desde moi cerca a beleza das Cariátides, todas diferentes, os pregos das súas roupas, os detalles do cabelo, etc.
Hai un oco para a peza orixinal que falta, levada a Inglaterra por Lord Elgin a comezos do s. XIX xunto con grande parte dos frisos do Partenón, obra de Fidias. Os gregos reclaman desde hai moito tempo a devolución de todas esas pezas e agora, co novo e fabuloso museo, consideran que xa non hai excusas para que aquel expolio fique subsanado e as obras mestras regresen a Atenas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario