"Pero digo yo, si pasas de Piedrafita ¿de qué te sirve el gallego?"
Na nosa terra escoitamos esta frase con demasiada frecuencia. Que inxustos son algúns co galego! E non só inxustos senón tamén ignorantes. Aplícanlle á lingua galega unha vara que non usan logo para outras linguas, nomeadamente a súa materna. Teño pasado non xa de Pedrafita, senón alén dos Pireneos moitas veces, e, honestamente, o castelán non me foi de moita utilidade nin en Francia nin en Suecia nin en Escocia. Veño de estar recentemente en Grecia e alí tampouco me valeu de nada. Pero o papel de inútil, de inservible, de pouca cousa, de carallada, sempre lle toca ao galego.
E digo máis, os dinamarqueses cando pasan máis alá de Padborg xa teñen máis difícil usar o dinamarqués, aos húngaros ao atravesaren Györ pásalles o mesmo, os gregos cando navegan máis alá de Rodas entran en Turquía e os turcos cando embarcan en Izmir xa entran en Grecia, e así poderíamos seguir toda a noite. Semella que algúns non saben (ou non queren saber) que en Europa existen centos de linguas e nin os dinamarqueses, nin os húngaros nin moito menos os gregos son tan idiotas como para desprezar dese xeito a súa lingua cun argumento tan falaz e inconsistente.
E aínda tería que falar dos galegos cando pasamos Tui, ou Feces, ou Portela de Home, ou Ponte Barxas, ou mellor no transbordador que nos leva a Caminha. Aí ábrese un mundo tan galego coma o noso que nos demostra finalmente o feito de que se non hai fronteiras para as persoas tampouco os hai para as linguas.
(Na imaxe, o río Miño entre A Guarda e Caminha nunha foto tomada no 2004.)
2 comentarios:
tes toda a razón, parabéns polo blog. por iso convídoche tamén ó meu, http://nosquedaportugal.blogspot.com/
onde falamos precisamente diso: do beneficioso que sería coñecermonos mutuamente galiza e portugal. Hai que empezar pouco a pouco pero sen descanso... un saúdo.
Estimado David :
Artigo excelente, que comparto totalmente. Infelizmente essa é a realidade que comentas sobre a atitude de muitos galegos para com o nosso idioma universal. O outro dia em Jornal Diário um tal David Balsa escreveu um interessantíssimo artigo sobre este tema, na mesma linha do teu e meu pensamento.
Parabéns,
O teu pai José Paz
Publicar un comentario