27 abr 2011

Na casa de Louis e Auguste (e II)




Daquela marabillosa factoría Lumière, orixe de tantos prodixios, apenas queda hoxe rastro algún en Monplaisir. Fica un só abraiado coa maqueta do museo porque a fábrica tiña un tamaño considerable e era por aquel tempo a máis importante do mundo no sector da fotografía.
Non sei se por sorte ou debido á providencia o único que se conservou da vella fábrica foi a estrutura do taller que se fixo famoso por ser filmada alí a primeira película da historia o 19 de marzo de 1895. Na pantalla podemos ver a saída dos obreiros –case todas mulleres– da fábrica Lumière ao remate da xornada de traballo. Ollan a cámara con ar confiado. É evidente o carácter experimental da película que non tiña máis aspiración que rexistrar e amosar o movemento. Os franceses prefiren chamarlles 'vues' (vistas) a estas películas e denominar 'films' as máis elaboradas. Sen embargo, poder situarse naquel preciso lugar e pousar a mirada no obxectivo da cámara como fixeran aqueles mulleres do s.XIX produce unha sensación moi especial.




(Arriba, eu mesmo diante do que queda do famoso taller. Fragmento da maqueta da fábrica no que se pode ver a localización do citado taller. O taller en 1995 antes da restauración. A película "La Sortie des usines Lumière", da que hai varias versións.)

22 mar 2011

Na casa de Louis e Auguste (I)


Lyon non é desde logo unha cidade que habitualmente procuremos no mapa como destino da nosa viaxe soñada. Non ten os atractivos de París nin a beleza luminosa da Costa Azul, aínda que si merece unha visita para pasear polas rúas do seu barrio vello, patrimonio da Humanidade desde 1998.

Sen embargo, para os amantes da historia do cinema esta cidade agocha un tesouro que a fai única no mundo. En Monplaisir, antiga vila veciña que co extraordinario crecemento urbano acabou por convertirse nun barrio máis de Lyon, aínda se mantén en pé a Villa Lumière, isto é, a casa da familia dos inventores do cinematógrafo.

O edificio, unha fermosa construción burguesa que encarna mellor que nada a ascensión económica e social da familia, alberga hoxe o Museo Lumière. O percorrido pola casa comeza no xardín de inverno, unha fermosa estancia acristalada que nos dá a benvida co grande retrato do pai Antoine nunha das paredes e os bustos dos fillos Louis e Auguste sobre a repisa da cheminea. A placa rápida inventada por un Louis aínda moi novo vai permitir a fotografía instantánea e será a razón da apertura da factoría en 1882 e do enorme enriquecemento da familia.

Non falta detalle na exhibición dos diferentes aparellos proxectores anteriores á invención do cinema: a lanterna máxica de Kircher, o zootropo de Horner, o teatro óptico de Reynaud, o fenaquistiscopio de Plateau, o fusil fotográfico de Marey, etc. Pero a verdadeira sensación chega cando nos aproximamos á vitrina que conserva o primeiro cinematógrafo da historia, aquel aparello que o 28 de decembro de 1895 se encargou Antoine Lumière de facer funcionar diante do público parisino. Fica un contemplando a historia da sétima arte nunha caixiña e na súa pequena chapa metálica grabada con letras brancas.

O resto do museo non desmerece á xoia principal: salas de proxección onde podemos ollar as películas filmadas polos operadores Lumière polos catro recantos do mundo, infindade de fotografías da familia, cámaras e proxectores, material fotográfico diverso, recreación dos cuartos onde vivían, obxectos persoais, etc.

Cando un sae daquela casa fabulosa sinte ter visitado á familia Lumière sen poder agradecerlle a cada un dos seus membros toda a maxia que lles debemos.



(Imaxes: arriba, maqueta da Villa Lumière exposta no museo. Abaixo: vista da casa desde o patio, onde se atopaba a antiga fábrica).

21 mar 2011

O mestre de Piàdena (e II)


A lectura da crónica pedagóxica de Mario Lodi devólvenos a un tempo que non semella tan diferente do noso. Falamos demasiado dos desafíos educativos do novo milenio esquecendo que outros mestres noutros momentos da historia tamén tiveron que enfrontar desafíos parecidos. O futuro non está tan desleigado do pasado. Atopamos no relato de Lodi e nas súas experiencias o eco lonxano dos nosos mesmos problemas e inquietudes de hoxe, eses que os mestres nos levamos da aula para casa, deslumbrantemente parecidos a pesares da distancia. Hai aspectos inmutables na realidade dos nenos e da aula.

O primeiro capítulo do libro, do que teño diante de min a primeira edición en castelán (Laia, 1974), titúlase "¿Cómo cambiar las cosas?", clara mostra do afán de reforma que Lodi defendeu. A rotina escolar imperante cáusalle moita decepción:

"A veces, desde la ventana, les observo cuando salen a la calle: una vez traspasado el umbral, emprenden el vuelo. Sus bocas mudas hablan y gritan: son felices. Indudablemente para estos chicos la escuela es un sacrificio; su comportamiento pasivo lo demuestra."
"De repente, cuando se dan cuenta de que tienen cerca al profesor, que descubre casualmente la secreta actividad, se acurrucan en el pupitre protegiéndose la cabeza con las manos entrelazadas, resignados a los golpes. Y su asombro es enorme, al mirar de reojo a través de su guardia el rostro del maestro que tarda en castigar, ven en él sólo amargura. Aquellas dos manos apretadas sobre la cabeza que resisten a las mías, que cariñosamente quieren separarlas, me turban. Tampoco mi sonrisa les convence: no se fía."

"Tanto en la sociedad como en la escuela (que es una pequeña sociedad de alumnos, obligados a vivir juntos durante varios años) creo que sólo puede haber dos maneras de vivir: o por medio de la sumisión a un jefe no elegido, o bien en un sistema en donde la libertad de cada uno sea respetada, condicionada tan sólo por las necesidades de todos."

"Hay algo que me gustaría abolir: las notas. ¿Cómo se puede definir con un número una relación entre inteligencia, voluntad y provecho?"

Mario Lodi introduciu nas súas aulas dúas técnicas principais: o debuxo espontáneo e a narración libre coa intención de que os nenos expresasen libremente as súas inquietudes e sentisen aprecio por unha escola que os tomaba en conta.
Na crónica, Lodi non só relata as súas vivencias persoais, as frustracións e os desexos, as relacións con outros mestres, o trato cos pais, as dificultades económicas, etc. senón que tamén transcribe ao detalle as intervencións orais dos alumnos nas discusións sobre as pinturas e un bo número de poemas e narracións escritos por eles. Delicioso é o fragmento no que Lodi nos fala de Tiziana, unha nena de primeiro que descubre, sen querelo, que ela tamén pode facer poesías e mesmo dedicarlle unha ao seu coelliño branco.

Conejito me gustas
porque eres blanco
y en tu espalda
tienes manchas negras.
Yo me llamo Tiziana
y te acaricio.

25 feb 2011

O mestre de Piàdena (I)


Mario Lodi, o grande mestre de Piàdena, celebrou a semana pasada o seu 89 aniversario. A súa vida é un fermoso exemplo de dedicación á renovación da escola primaria. Velo aínda entre nós é unha ledicia.

Rematada a guerra, todo en Italia estaba por reconstruír. Mario era un home novo, tiña 23 anos, estaba recén saído da cadea, en Cremona. A súa xeración asumiu esa responsabilidade. As cooperativas que existiran antes do fascismo foron recuperadas. En Piàdena, Mario, que xa era mestre desde antes da guerra, encargouse da biblioteca popular. Era importante que a xente lera e coñecera despois de máis de vinte anos de obrigada escuridade. Os libros conservábanse no Teatro Paroli da pequena localidade lombarda. Houbo que cribar os panfletos fascistas que pertencían á Biblioteca do Dopo Lavoro, unha institución do réxime para o lecer e formación dos operarios. Na biblioteca popular a xente da vila comezou pouco a pouco a falar das súas experiencias durante a guerra.

A Constitución italiana de 1948 proclamaba a vixencia dos principios democráticos: pluralismo, laicidade, igualdade, pacifismo, dereito ao traballo, etc. Nese mesmo ano Lodi era destinado á escola de San Giovanni in Croce. E para un mestre sen experiencia, o obxectivo era principalmente atopar a maneira de levar á escola os principios democráticos e liberais que encarnaban os valores da nova sociedade. Aí é cando Mario Lodi comprende que a renovación pedagóxica resulta imprescindible, que non se trata de pequenos cambios ocasionais senón dunha reforma profunda de todo o sistema, un sistema que Lodi vía como autoritario e opresor. Este traballo ocuparalle toda a vida.

Pero Mario non estaba só. Desde a mesma base formouse naquela altura o Movimento de Cooperazione Educativa, ao que Lodi pertenceu. Este colectivo composto por uns 7.000 mestres serviu como plataforma renovadora. O seu papel no desenvolvemento teórico e práctico, non só da pedagoxía italiana senón da de toda Europa, foi vital.

Resultaba necesario atopar referentes para levar a cabo a renovación educativa e ese camiño conduciulles ao pedagogo francés Célestin Freinet (1896-1966), que encaixaba perfectamente nas aspiracións de democratización da escola pública italiana. Freinet impulsara na anterior posguerra todo un modelo de escola nova na que os nenos tiñan dereito a falar, a expresarse libremente e a reproducir por escrito esas opinións. A técnica do texto libre desenvolvida por Freinet parecía oportuna para as finalidades que se perseguían e Lodi aproveitouna con éxito nas súas escolas. Na seguinte entrega ocuparémonos das súas interesantes crónicas.

Os nosos parabéns para o mestre de mestres, Mario Lodi.

12 feb 2011

Quen non quere ser libre?


Esfreguei os ollos pero alí seguían na pantalla. Milleiros de exipcios reunidos na Praza da Liberación agardaban ilusionados a boa nova desde había dúas semanas. E por fin sucedeu. O ditador fuxiu porque os ditadores cando fuxen non dan discursos. E estalou a alegría compartida en medio mundo.
Que ninguén o dubide. O que vimos onte foi un acontecemento histórico. No mundo árabe comezou unha marea da que se coñece o inicio (Tunisia e Exipto) pero da que non se coñece o final. Seguramente algún ditador tratará de facer ruído e causar dano antes de fuxir, pero fuxirá. Os máis novos, a inmensa maioría da poboación de Exipto, cos seus móbiles conectados ás redes sociais, sen violencia, con enormes doses de paciencia, plantáronse diante dun réxime, o de Mubarak, que duraba xa 30 anos. Agora saben do seu poder. E o exército comprometido coa transición á democracia terá que escoitalos.
O réxime de Mubarak xa non tiña lexitimidade. O empobrecemento da poboación e a falta de futuro de toda unha xeración fixeron o resto. A superpotencia non lanzou a rede cando viu que o seu aliado fraqueaba. E caeu.
E agora? Agardemos o mellor para ese país que hoxe mira ao mundo con orgullo. Conta Amin Maalouf no seu ensaio A deleiba do mundo, que o mundo árabe arrastra unha permanente falla de autoestima alimentada polas continuas frustracións das suás aspiracións. Esta xente o que quere é unha vida digna, un traballo, un futuro, un benestar. En Occidente deberiamos deixar por un momento de ollar só os nosos mesquiños intereses e o patético paternalismo para consideralos irmáns, que é o que son.
Rescato para rematar tres pasaxes do libro de Maalouf na súa edición en castelán, marabillosa manifestación optimista do necesario entendemento entre o Norte e o Sur:

Contrariamente al tópico establecido, el pecado secular de las potencias europeas no ha sido el de querer imponer sus valores al resto del mundo, sino precisamente lo contrario: el haber renunciado continuamente a respetar sus propios valores en las relaciones con los pueblos dominados. Mientras no se deshaga ese equívoco, corremos el riesgo de volver a caer en los mismos errores.

Ningún pueblo de la Tierra existe para que lo esclavicen, para que lo tiranicen, para la arbitrariedad, para la ignorancia, para el oscurantismo, ni para la opresión de las mujeres. Cada vez que alguien deja de lado esta verdad básica está traicionando a la humanidad y se está traicionando a sí mismo.

Lo que ya ha durado lo que tenía que durar y ha llegado el momento de clausurar es la Historia tribal de la humanidad, la Historia de las luchas entre naciones, entre Estados, entre comunidades étnicas o religiosas, y también entre "civilizaciones". Lo que está concluyendo ante nuestros ojos es la Prehistoria de los hombres. Sí, una Prehistoria demasiado larga, hecha de todas las crispaciones de nuestras identidades, de todos nuestros etnocentrismos cegadores, de nuestros egoísmos supuestamente "sagrados", tanto patrióticos como comunitaristas, culturales, ideológicos u otros cualesquiera.


25 ene 2011

Cortesía ou obriga


Quixera agora, pasada xa unha semana desde o polémico asunto da liberdade de uso das linguas no Senado, manifestar as miñas impresións sobre unha noticia que serviu para amosar unha vez máis cómo este país se resiste a recoñecer a súa pluralidade lingüística e cómo os acenos de rexeitamento amosan a súa face máis intransixente.

Sinceiramente, os que rexeitan a posibilidade de que cada senador elixa a lingua que prefira para falar á cámara e aos cidadáns por razóns de gasto, cando este representa menos do 1 por cento do presuposto do Senado, non poden ser moi tidos en conta se ese afán fiscalizador do gasto público non se trasladara a outras áreas semellantes como a promoción do castelán no mundo, as subvencións aos partidos políticos, fundacións afíns, confesións relixiosas, etc. etc.

Os fundamentos da oposición son claramente ideolóxicos. Para eles é vital manter o que teño chamado a sintaxe subordinada da nosa lingua. É máis, consideran iso o alicerce do país. Falan de que o castelán é a única lingua na que todos os españois podemos entendernos e iso, como demostrou o profesor madrileño Moreno Cabrera, é totalmente falso. Se miña avoa que era galegofalante todo o día podía entender a un castelán sen ter ido case á escola non entendo como é posible que un castelanfalante ilustrado, con carreiras varias e no século XXI non sexa capaz de entender, sen necesidade de intérprete ningún, a fala da miña querida avoa, que en paz estea. En realidade si que o entendo: son os prexuízos.

Os galegos, quizais por un complexo perenne de inferioridade, sempre fomos moi rápidos ao cambiar a nosa lingua en función do interlocutor, sobre todo se ese interlocutor falaba en castelán. É unha norma de cortesía aprendida desde pequenos que quizais teña tamén que ver con ese non querer molestar, non ofender e, no fondo, co desexo de ser aceptado polos que de verdade mandan.

Pois semella que iso que sempre pensamos que era unha cortesía non era entendido así por eles, os monolingües en castelán. Para eles cambiar a lingua pola "lingua común", por casualidade a deles, é a nosa obriga e agora moitos síntense indignados pola desfachatez de que lles falemos na nosa lingua rústica, local e pechada. Non o saben, pero os pechados son eles.

Agóchanse neste feito actitudes moi pouco tolerantes entre moitísimos españois (digo moitísimos polo numeroso das reaccións furibundas manifestadas nas diversas redes sociais, comentarios en xornais, tertulias e conversas). Despois de oito séculos de "convivencia" lingüística en Iberia é unha verdadeira mágoa que non nacera aínda unha xeración capaz de comprender o máis básico das outras linguas peninsulares. A cousa é aínda peor: nese tempo aínda non naceu unha soa xeración que superase os prexuízos contra as linguas diferentes á súa, sobre todo cando esta é o castelán. Eses prexuízos hérdanse de xeración en xeración sen que nada cambie.

Quizais chegue o día en que todo isto suceda. Entón lembraremos o alporizamento de xaneiro do ano 2011 como un capítulo máis da historia dun país que non quería mirarse no espello por medo a que a imaxe fose demasiado real.

13 ene 2011

O elefante gris


Nun dos máis coñecidos relatos de Slawomir Mrożek o director dun parque zoolóxico de Polonia, por aforrar cartos ás arcas públicas, actitude ben patriótica, decide substituír o pedido do ansiado elefante que non tiñan e levaban anos desexando por outro feito de goma e a tamaño natural igualmente oportuno. Dous operarios serían os encargados de inflalo soprando polos extremos. Pero sendo tan ardua a tarefa e apurados polo tempo, sempre todo ao final e a correr, toman a sabia decisión de inflalo con gas. O día da inauguración, diante dun grupo de abraiados escolares atentos ás explicacións do seu mestre, o elefante gris bota a voar polo ceo coma un paxariño, lixeiro.

Sería este un destino fermoso para o Elefante Gris do Gaiás, o Acorazado Potemkin de Peter Eisenstein. Velo voar polo ceo de Compostela, cheo de gas, batendo contra as torres da Catedral sería así como o final irónico dun pesadelo multimillonario, un mago de Oz na cidade esmeralda da pedra de acibeche. Esbozarían os cidadáns un sorriso de complicidade coa fortuna por moito que ao conselleiro non lle gusten os paquidermos.

Un proxecto faraónico, que naceu oco e foi perdendo extremidades polo camiño, que consumiu billetes coma se foran do monopoly, que viu entrar e saír exércitos de camións cheos de lousa, pedra e cemento, botas de goma e cascos de cores. Debaixo dos cascos ían os políticos, tamén de moitas cores. De tantas cores ficou todo gris.

Mentres se ían colocando as pezas deste crebacabezas estratosférico que se ía pouco a pouco parecendo a unha pataca quente, moi quente, amoreáronse columnas de libros nos sotos oficiais pechados con chave e os vellos xornais das vellas linotipias amarelaron ou esvaecéronse para sempre en conventos, faiados e armarios roupeiros. Arquivos, bibliotecas e hemerotecas? Benvidos sexan sempre. Elefantes de cemento que se levan o que non temos? Non, nunca máis.

8 ene 2011

Cen anos de cinema


Si, ben se me pode acusar de andar un pouco lento. Cen anos de cinema no ano 2011? Pois si e non.
Até nos libros de texto se sinala que a primeira exhibición do cinematógrafo Lumière tivo lugar o 28 de decembro de 1895 no Salón Indiano do Grand Café de París, no moi céntrico Boulevard dos Capuchinos. Tamén e amplamente coñecido que aos poucos meses un grupo de operadores adestrados polos dous célebres irmáns levou o prodixioso invento aos catro recantos do mundo, tanto para amosalo á xente como –sobre todo– para filmar películas que logo formarían o fabuloso catálogo Lumière (1422 títulos en dez anos). Todo iso é apaixoante.
Pero hai uns cen anos, máis ou menos, Europa comezou a deixar de proxectar peliculiñas tan curtas, as que tiñan unha soa bobina e unha duración de 15 minutos como máximo. As produtoras foron pouco a pouco apostando por filmes máis longos, de varias bobinas e máis caros de producir. Para algúns, este cambio obedecía a que os espectadores desexaban películas máis narrativas nas que as historias, as tramas e os personaxes estivesen mellor perfilados e desenvolvidos. Para outros, foi unha medida empresarial orientada a facer un produto diferente ao que lanzaban os norteamericanos, que nos anos 1909 e 1910 encheron o mercado europeo de películas curtas.
No que si se poñen de acordo uns e outros é en que os pioneiros deste cambio foron os dinamarqueses e particularmente a súa compañía de bandeira, a Nordisk. O film Afgrunden (O abismo, 1910), protagonizado pola estrela Asta Nielsen serviu de aviso ao resto de produtores europeos e tras os dinamarqueses viñeron os franceses coas súas adaptacións de Víctor Hugo e os italianos co seu cinema colosal de cabirias, divas e infernos.
Hoxe en día, cando dicimos "vou ao cine" queremos dicir normalmente "vou ver unha longametraxe de ficción", pero esa expresión, como vemos, non sempre significou o mesmo. Desde hai uns cen anos, si.

(Na imaxe, fotograma da película Afgrunden, de Urban Gad.)

28 dic 2010

Antonio Machado no Posío


Antonio Machado elixiu Soria pero quizais pola súa cabeza tamén pasou a idea de instalarse en Ourense. En 1907 había en España sete vacantes para catedráticos de lingua francesa (Huesca, Baeza, Albacete, Cabra, Mahón, Soria e Ourense). Nas oposicións, o poeta andaluz quedou quinto de 125 aspirantes (algúns din que foi sexto) e entre Soria e Ourense elixiu a primeira, probablemente porque quería estar máis perto da súa familia que vivía en Madrid.
Non custa nada xogar a imaxinar a Antonio Machado como profesor de francés no Instituto de Ourense aos seus 31 anos, paseando á tardiña polo xardín do Posío, polas ribeiras do Miño –pasear, o seu pasatempo favorito– ou tomando café no Royalty e lendo na prensa madrileña as leis promovidas polo goberno de Antonio Maura, departindo quizais con outros membros do claustro máis veteranos ou cuns noviños intelectuais chamados Vicente Risco e Ramón Otero Pedrayo que falaban de modernismo e poesía. Podemos imaxinar a Machado nas sesións de cinema do Pinacho ou xogando nos salóns do Liceo, ou quizais impartindo clase aos obreiros como faría en Soria, mostra clara do seu compromiso social, ou pode que falando de cando en vez con Basilio Álvarez e Francisco Álvarez de Nóvoa, os dous figuras destacadas da súa idade.
Nada diso sucedeu, pero nos arquivos da oficial Gaceta de Madrid queda consignado o feito curioso: o nomeamento de Antonio Machado para Soria e no parágrafo seguinte o dun descoñecido Cermenio Rodríguez para Ourense.

(Na imaxe, Antonio Machado e a reprodución da páxina da Gaceta do día 20 de abril de 1907.)

7 dic 2010

Diesterweg e a escola primaria (e IV)


Remato a serie de entradas dedicadas a F.A.W. Diesterweg falando dunha parte do seu pensamento que nos toca directamente aos que somos mestres no ensino primario. Cómpre lembrar que grande parte da súa vida dedicouna á formación do profesorado e que no campo da didáctica estableceu orientacións que non podemos esquecer. Aos seus alumnos recordoulles sempre a máxima de ensinar de acordo á natureza, é dicir, tendo en conta o desenvolvemento natural do neno e establecendo como base o seu propio punto de vista. Para Diesterweg era necesario partir do sinxelo para chegar ao máis complexo, ir desde o familiar ao inusual, do fácil ao difícil, do coñecido ao descoñecido. Podemos considerar este criterio como a base de traballo dos mestres aínda hoxe pois sempre temos que tratar de proporcionar exemplos significativos e válidos para que os nosos alumnos realicen mentalmente o paso do particular ao xeral.
Diesterweg tamén amosou o seu rexeitamento ao xeito tradicional de ensino escolástico e abogou polo traballo e a práctica como mellor maneira de que o neno aprenda, e tamén pola necesidade de tomar sempre en conta a personalidade particular de cada alumno. É un punto de vista moderno que considera o individuo activo na súa aprendizaxe e non unha masa informe de receptores obedientes.
Non só foi Diesterweg un bo formador de mestres, que sempre proclamou a importancia dunha formación organizada baixo premisas científicas, senón tamén un firme defensor das súas condicións de vida e de traballo. Loitou pola independencia do mestre e das escolas contra o poder da igrexa e defendeu sobre todo un salario digno para eles e a conveniencia do asociacionismo dos docentes.
Recoñezo que a súa firme defensa dunha clara separación entre escola e igrexa é un dos valores que máis respecto me merecen da figura de Diesterweg, pero un das súas declaracións do ano 1849 garda para min un significado aínda máis fondo pois entón sinalou o educador renano que chegaría un novo tempo cando a educación non fose só proporcionada de acordo coas débiles forzas de cada individuo senón cando toda a sociedade se declarase a si mesma unida e comprometida a facelo posible para toda a nación. Eu, a comezos do século XXI, aínda boto en falta ese compromiso verdadeiro.
Regreso para o epílogo ao texto polo que descubrín a figura deste interesante alemán, creador ademais da denominación "educación social". Nunha antoloxía editada por José María Quintana Cabanas en 1994 inclúense catro textos de Diesterweg todos relevantes. O primeiro deles, "Una mirada pedagógica a las fábricas, y una súplica humana (1828)", é un relato en forma de diario no que Diesterweg amosa a súa tristura por ver cómo nenos de corta idade tiñan que traballar duramente nas fábricas de Wuppertal en lugar de asistir á escola e recibir a educación necesaria.

F.A.W. Diesterweg faleceu o 7 de xullo de 1866 en Berlín.

(Na imaxe, nenos traballando nunha fábrica alemana de papel e cartón no século XIX)

6 dic 2010

Unha grande banana


Eran ás tres da mañá do pasado sábado cando recibín a mensaxe de Lokua Kanza no seu muro do Facebook: "Ce soir on joue à Santiago de Compostela". Din un chimpo no sofá. Era a oportunidade que levaba esperando desde hai moito tempo, desde que merquei o primeiro disco deste fabuloso músico do Congo alá polo ano 1993. Non me demorei máis de cinco minutos en comprar as entradas por Internet e alá marchei o sábado pola tarde coa miña muller a gozar dun concerto emocionante.
Os controladores a piques estiveron de fastidiar tamén este espectáculo pois os músicos tiveron que desviarse a Porto e chegaron media hora tarde. Agardamos con paciencia mentres quentabamos o corpo cun cafeciño na noite fría compostelá.
Lokua Kanza presentou o seu último traballo titulado "Nkolo" pero afortunadamente tamén fixo un repaso a pezas fundamentais dos seus primeiros discos como "Mutoto", "Never Lose Your Soul" e "Sallé". O momento máxico sucedeu nos bises coa súa interpretación en solitario de "Wapi Yo", unha fermosísima canción que fala do amor ausente.
Lokua vive entre París e Río de Janeiro. Entre peza e peza amosou o seu sentido do humor e amabilidade. Preguntou à audiencia: "English or Portuguese?". A xente sen dubidalo berrou "Portuguese, portuguese". Asombrado quizais pola unanimidade a partires de aí explicou cada canción en portugués e animou á xente a cantar. Na presentación de "Nakozonga" tratou de explicar o fondo desexo dos congoleses por voltar á terra e foi curioso ver cómo se esforzaba en facer entender o que os galegos entendemos mellor ca ninguén, ou polo menos eso cremos.
Foi unha noite desas que un vai gardar na memoria por moito tempo. Como di Lokua Kanza, un sorriso sempre produce efectos beneficiosos para todos os que nos rodean e para nós mesmos. Manda unha grande banana.

(Lokua Kanza, nun momento da actuación do sábado no Auditorio de Galicia)

19 nov 2010

Diesterweg e a escola primaria (III)


Como indiquei na anterior entrada non quero deixar de sinalar os principios fundamentais da teoría educativa e o pensamento político de F.A.W. Diesterweg porque considero que son aínda moi valiosos na sociedade actual do século XXI. En canto ao último, o pensamento político, podemos definir a posición deste educador como de liberal e progresista. Como forma de goberno apostou por unha monarquía constitucional e democrática de cidadáns libres e iguais en dereitos e obrigas na que se deberían salvagardar a liberdade de movemento, prensa, relixión, pensamento, asociación e outras moitas vencelladas a estas. Desde o punto de vista político xa é doado apreciar a modernidade do seu pensamento.

A consideración do home para Diesterweg componse de variados elementos:

  • Fe na razón e na relación dialéctica entre pensamento e acción como medio para o desenvolvemento e a mellora das condicións de vida dos cidadáns

  • Confianza na natureza humana e rexeitamento do metafísico

  • Apreciación da diversidade do mundo como valor do que cómpre gozar

  • Valoración da aspiración humana de modelar o mundo e a sociedade cun fin de harmonía

  • Harmonía entre o individual e o colectivo

  • Desenvolvemento das capacidades humanas para o beneficio de toda a sociedade

  • Igualdade entre todos os homes.

Estes principios, en consoancia co pensamento alemán do século, lévalle a orientar a educación cara tres piares fundamentais: a verdade, a beleza e a bondade. Diesterweg defendeu a libre autodeterminación das persoas como principio fundamental para o seu desenvolvemento completo en todos os terreos, non só no puramente instrumental. Para elo considerou fundamental o principio de igualdade, que chamaba á sociedade a garantir as mesmas oportunidades para todos os nenos. Nesa liña, Diesterweg foi firme defensor da escola popular (Volksschule) que era a que podía levar a cabo ese principio de igualdade. En palabras de Diesterweg: "A sociedade ten que proporcionar iguais instrumentos educativos a toda a xente, que ten igual necesidade de educación".

O que Diesterweg perseguía coa súa idea dun ensino completo e íntegro era educar os individuos co fin de permitirlles ser seres humanos máis ca membros dunha clase social determinada. Para elo propuxo melloras substanciais no nivel da educación primaria orientadas a mellorar a calidade do ensino, dos materiais curriculares, etc. Foi Diesterweg quen declarou: "Primeiro educade homes, antes de preocuparvos pola formación profesional ou a súa clase social, porque o proletario e o labrego deben ser ambos educados para seren seres humanos".


(Na imaxe, monumento a Diesterweg no centro de Berlín. O lema di algo así como "Vive a vida ao completo")

11 nov 2010

Diesterweg e a escola primaria (II)


Ocupámonos hoxe da abundante obra escrita que nos deixou Diesterweg. Hoxe é só accesible na súa lingua materna pois, lamentablemente, non nos consta tradución algunha das súas obras completas nin ao inglés nin ao castelán.

A formación dos docentes foi a faceta máis salientable da súa carreira e o asunto ao que dedicou a maioría da súa produción. En 1835 publicou a súa obra máis coñecida, Wegweiser zur Bildung für deutsche Lehrer (Guía Educativa para os Mestres de Alemaña). Este libro tiña como finalidade establecer unhas consideracións teóricas sobre a educación para inmediatamente proporcionar aos mestres orientacións moi concretas que estes puidesen aplicar na aula, pois Diesterweg era moi amigo da claridade e da concisión. A idea que domina toda a guía é a de que a teoría e a práctica están intimamente relacionadas e non se pode atender a unha e desatender a outra. Outro día detallaremos máis polo miúdo o contido desta obra fundamental no pensamento do educador alemán.

Nos anos seguintes, Diesterweg publicou moitos outros libros sobre a educación formal e informal e sobre a formación profesional dos mestres, pero sen dúbida a súa obra de maior peso foi a edición, desde 1827 até 1866 –ano da súa morte– dunha revista chamada Rheinische Blätter für Erziehung und Unterricht mit besonderer Berüksichtigung des Volksschulwesens (Revista Renana para a Educación e Instrución con especial referencia á Educación Primaria). En tan longo período de tempo foron innumerables os artigos publicados e escritos polo propio Diesterweg: perfís biográficos dos educadores máis destacados, orientacións, opinións e reseñas dos traballos que se ían publicando na época sobre asuntos relacionados coa educación.

A partires de 1851 publicou o Jahrbuch für Lehrer und Schulfreunde (Anuario para Mestres e Amigos da Escola) e durante toda a súa vida foi un grande amante das ciencias naturais, a área de coñecemento na que se formou desde a adolescencia. Froito deste interese escribiu en 1840 un libro orientado a divulgar a astronomía entre o público xeral que se titulou Populäre Himmelskunde (Astronomía Popular). Diesterweg, con bo criterio, consideraba que a física e a astronomía eran elementos indispensables nunha boa educación básica, pois axudaban a coñecer mellor o entorno natural.

(Na imaxe, a escola de mestres de Moers onde traballou Diesterweg e á dereita unha páxina da revista educativa que publicou)

10 nov 2010

Diesterweg e a escola primaria (I)


Por azar, como suceden tantas cousas na vida, deparei hai días nun texto do ano 1828 que me permitiu descubrir a interesante figura do educador alemán Friedrich Adolph Wilhelm Diesterweg (1790-1866). Liberal e progresista, fillo da Revolución Francesa e polo tanto contemporáneo de Kant, Goethe, Schiller, von Humboldt e Pestalozzi –de quen ademais foi seguidor– Diesterweg foi autor de milleiros de páxinas dedicadas á escola primaria e á formación profesional dos docentes e firme defensor dun ensino democrático que tivera tamén en conta os problemas sociais da clase traballadora, nun tempo en que o desenvolvemento do capitalismo industrial xa amosaba a súa faciana máis inxusta e cruel nas fábricas da súa Westfalia natal.

O profesor Karl-Heinz Günther, un dos maiores expertos na obra de Diesterweg e da historia da educación naquel país, publicou nunha revista da Unesco un fenomenal artigo sobre o seu pensamento que serve de resumo das súas ideas e que merece a pena ler.

Diesterweg dedicou vintesete anos da súa vida a formar docentes para a escola primaria chegando a ser director da escola de maxisterio de Berlín até o ano 1847 en que foi destituído polas autoridades prusianas. Os motivos, como sinala Günther, foron políticos. Só hai que adentrarse un pouco nas súas ideas sobre o ensino primario para comprender o rexeitamento que sofreu por parte das clases dominantes.

Despois do impulso que experimentou a educación en Alemaña nos primeiros anos do século XIX, bebendo especialmente das fontes de Rousseau e Pestalozzi, a supremacía prusiana sobre o territorio alemán establecida a partires de 1815 comanda un movemento contrario que se fai fortemente reaccionario despois das revolucións populares do ano 1848. Diesterweg foi acusado polos seus "escritos subversivos" e por ter aberto a cuestión da separación entre a igrexa e a escola. Tachárono ademais de socialista e comunista, sen base algunha. Para a nobreza no poder, encarnada na figura do rei Federico Guillermo IV, a educación era un asunto moi perigoso, a culpable dos levantamentos populares. As regulacións de 1854 procuraron limitar o programa do ensino primario para convertilo nun pobre adestramento de cálculo, lectura e escritura orientado a formar traballadores máis ca persoas, reducíronse os salarios dos mestres e o clero pasou a ser a institución que controlaba o ensino. Eis un exemplo máis da difícil relación entre poder absoluto e ensino humanista e democrático.


5 nov 2010

O nome dun novo mundo


Entre as biografías escritas por Stefan Zweig acabo de ler unha das menos coñecidas e que ademais non é propiamente unha biografía senón un ensaio histórico. Nel relata Zweig a concatenación de erros e malentendidos que levou a que o novo continente descuberto por Cristóbal Colón a finais do século XV fose chamado América e non Columbia.

O perfil biográfico do florentino Américo Vespucio vén aquí acompañado de fontes históricas e de referencias a diversos aventureiros da época como Marco Polo, Henrique o Navegante ou Vasco da Gama. O relato vai tecendo o panorama de profundas transformacións económicas, sociais e culturais que ten lugar xa a finais da Idade Media e que, dalgún xeito, prepara o milagroso porvir dos descubrimentos.

Sinala Zweig que o que Colón perseguía, unha nova ruta comercial cara ás Indias, interesaba só aos mercaderes e comerciantes. Vespucio, polo contrario, nunha breve obriña de 32 páxinas publicada en 1503, falou dun novo mundo (mundus novus) que presentou como unha especie de paraíso terrenal. E así despertou a ilusión latente no corazón de todos os pobos do mundo por atopar unha saída ás súas miserias. Acendeu a luz da esperanza.

"Hacía tiempo que los padres de la Iglesia, especialmente los teólogos griegos, habían formulado la tesis de que, después del pecado de Adán, Dios, en modo alguno, había destruido el paraíso. Sólo lo había trasladado al 'anticton', a la punta opuesta de la tierra, a un espacio inaccesible para el hombre. Según la teología mítica, no obstante, este 'anticton' debería situarse más allá del Océano, es decir, al otro lado de una zona infranqueable para los mortales."

O efecto que provocou o seu relato, unha carta retocada e amplificada por un impresor, foi enorme. Esta sensación unida a manipulacións que nada tiveron que ver con el levou a que progresivamente se fose considerando a Vespucio como o descubridor do novo continente relegando o nome de Colón. Que Colón rematase os seus días desprezado e sen honores tamén axudou a elevar a figura de Vespucio.

Pero se o continente que ocupa unha cuarta parte do planeta leva hoxe o nome de América foi particularmente debido a un mediocre xeógrafo alemán que non só propuxo o seu nome eufónico, semellante ao dos outros continentes do planeta pero masculino esta vez, senón que tamén publicou un novo mapa no que con letras de imprenta estampou claramente e por primeira vez o nome de AMÉRICA. O feito estaba consumado.


7 oct 2010

Claudicando que é xerundio


Algúns aínda non podemos disimular o noso estupor diante dos tempos de mudanzas históricas que estamos a vivir. En apenas dous anos comprobamos a dobre face do sistema que nos goberna, implacable cos máis desfavorecidos. Un sistema que primeiro baleira o peto dos contribuíntes para sanear as contas dos bancos e os grandes capitais e que logo reforma as leis para que eses contribuíntes de petos baleiros se convirtan, aínda máis, en mercadoría que se vende e que se compra. Diñeiro público para beneficios privados e reformas laborais para que o público non incomode demasiado ás longas mans do capital privado.

É a vergoñenta claudicación da política entendida como a práctica da modelación da sociedade orientada por principios de consenso como o ben común e a xustiza social. O capital conseguiu xa que os políticos se aparten dese camiño. De feito xa o conseguira hai tempo. A novidade é a obscenidade coa que se está a levar a cabo. Caeron as máscaras. Xa non importa recoñecer que a política está ao servizo da gran economía e non ao revés. Os líderes políticos fan malabarismos para sacar unha foto que debuxe o sorriso dos investidores e rentistas, e soñan cun bo titular na prensa do día seguinte.

O humorista norteamericano George Carlin xa nos advertía hai tempo de que o mundo, os países, as nacións, tiñan, como todo, propietarios e que agora eses propietarios tiñan un obxectivo marcado na axenda: ir a polo diñeiro das pensións dos traballadores: “And do you know something? They'll get it sooner or later because they get all they want”. E niso están.


(Na imaxe, a pintura de Honoré de Daumier titulada “O vagón de terceira clase”.)

29 sept 2010

Teseo o miserable


Teseo foi un miserable, un canalla e un cínico. Falto de escrúpulos, non dubidou en deixar abandonada na illa de Naxos á muller que lle entregou o corazón e que o rescatou do labirinto do Minotauro con aquel oportunísimo nobelo, polo que Ícaro daría a vida. Dalí, cando ela durmía, fuxiu coa súa irmá pequena Fedra cara a Atenas onde viría ser rei despois da morte tráxica do seu pai Exeo. Merecería desde logo un bolero dedicado de Paquita la del barrio, cun particular “¿Me estás oyendo, inútil? culebra ponzoñosa”.

Para entender as razóns de Teseo cómpre ler o relato de André Gide, unha sorte de autobiografía heroica que aínda así non convence. Teseo reclama a súa liberdade e independencia como bandeira irrenunciable. O fío é aquí a metáfora do que nos mantén ligados a unha herdanza e a unha responsabilidade persoal e colectiva. Sentimos todos a tentación de rachar con vínculos e trabas, con eses lazos que ás veces semellan cadeas de ferro e que atenazan o sentido.

Ariadna obrigou a Teseo a xurarlle amor e fidelidade despois do fío:

–Lo has prometido

No había prometido nada en absoluto, pues no ansío nada tanto como la libertad. No me debo sino a mí mismo.


Este verán seguín os pasos que levan a Cnosos, o mítico lugar do palacio de Minos, situado entre árbores cheas de cigarras, berce da primeira civilización europea. Quedan as trazas do que debeu ser un labirinto e a etimoloxía di máis do que se ve. A labrys ou dobre machada cretense atopada en cantidade na reconstrución do palacio é probablemente a orixe da palabra labirinto. A liña difusa entre historia e lenda é aquí máis difusa ca nunca. Ollando cara estas columnas e estas pedras un sábese perdido e non distingue qué parte é a da lenda e qué parte é a da historia.


(Arriba, unha fotografía tomada durante a visita ao palacio de Cnosos)

9 jul 2010

Bendita Babel


A colección de ensaios de Stefan Zweig que leva o significativo título de El legado de Europa (Acantilado, 2003) –libro póstumo que editou e titulou o seu amigo Richard Friedenthal– remata cun texto breve pero intenso e emotivo. O mito bíblico da torre de Babel tense empregado con insistencia para considerar a diversidade lingüística e cultural como unha maldición ancestral salientando sempre a súa cara negativa. Mais Zweig, en plena gran guerra, levanta a súa voz e escribe este artigo orixinalmente en francés –a lingua do inimigo–. Un chamamento á irmandade entre os países:

"Algunos hombres audaces pusieron los cimientos, visitaron reinos ajenos llevando su mensaje y, poco a poco, los pueblos se hicieron amigos, aprendieron unos de otros, intercambiaron conocimientos, valores y metales y, progresivamente, descubrieron que la diferencia de lenguas no tenía por qué significar un alejamiento, ni las fronteras, un abismo entre ellos. Sus sabios reconocieron que la ciencia aislada de un pueblo no podría por sí sola comprender la infinitud, y pronto los ilustrados cayeron en la cuenta de que el intercambio de conocimientos aceleraba el progreso común; los poetas tradujeron las palabras de los hermanos a las suyas propias y la música, la única de las artes que estaba libre de la estrecha atadura de la lengua, inspiró por igual los sentimientos de todos. Los hombres amaron más la vida desde que supieron que era posible una unidad más allá de la lengua, y hasta dieron gracias a Dios por lo que les había impuesto como castigo; le dieron gracias porque, con la pluralidad que les había impartido, les había dado la posibilidad de gozar del mundo de muchas maneras y de amar con conciencia más firme la propia unidad en medio de las diferencias."


Zweig foi un dos máis grandes europeístas de todos os tempos e sen embargo, nesta época na que o europeísmo ten tan boa prensa, non xurde o seu nome coa frecuencia que eu penso que merece.

(Na imaxe, A Torre de Babel, de Pieter Brueghel sobre a edición en castelán da colección de ensaios de Zweig)

15 may 2010

A noite (I)


Que terá a noite de máxico e misterioso para suxerir na nosa mente pensamentos completamente imposibles de expresar con palabras?

A noite é pródiga en soños irrealizables, proxectos quiméricos, decisións definitivas. A noite pode ser quente coma a voz calma e aloumiñada dos contos vellos da avoa, e pode ser fría coma o feble latexar do moribundo. Pode ser viva e apaixonada coma o amor recén saboreado ou calma e tranquila coma a contemplación plácida das estrelas.

Na Valencia de finais do XVI un grupo de nobres literatos fundou a Academia dos Nocturnos. Xuntábanse na casa dun deles cada solpor para compartiren poesías atrevidas empregando seudónimos tan fermosos como Silencio, Sombra, Miedo, Sueño, Sosiego, Tinieblas, Horror, Tristeza, Soledad...

A noite ten milleiros de ingredientes. A literatura non se entende sen a noite, sen as mil e unha historias de Scherezade, sen os Nocturnos de Hoffmann, sen a noiteboa do 36 de Larra e as noites lúgubres de Cadalso, sen o soño da noite de verán de Shakespeare, os relatos de Poe, os poemas de Young, os himnos de Novalis, os paseos baixo a lúa de Thoreau, a noite escura da alma de San Juan de la Cruz, o voo heroico no inmenso ceo negro de Saint-Exupéry, a triste figura do Quixote facendo penitencia nocturna en Sierra Morena, os soños fantasmais na Comala de Pedro Páramo, a noite de esmorga do Milhomes e o Bocas... Non ten fin. Raro é o autor que non se sentira algunha vez inspirado pola noite. Dicía Goethe que a noite era a metade da vida e a mellor metade.

A música, eterna creadora de sentimentos sen necesidade de palabras, deunos a Pequena Serenata de Mozart, a Sonata do claro de lúa de Beethoven e os Nocturnos de Chopin, Fauré, Scriabin, Satie, Debussy, Mendelsshon e Shostakovich. A noite é un universo misterioso.


(A noite estrelada de Vincent Van Gogh.)


30 mar 2010

Ao final do andel


Sempre é moi doado atopar os libros de Stefan Zweig nos andeis das librerías. Abonda con situarse fronte aos estantes e buscar a esquiniña máis á dereita xa pegada ao chan, un pouco despois das novelas de Zola. Alí, ao final de todo, condenadas pola orde alfabética, agardan por unha man desexosa as pequenas noveliñas de Zweig, as súas biografías e os seus libros de memorias. Despois de Zweig o alfabeto fica orfo.
O que xa non é tan doado para os curtos de vista e pouco áxiles coma min é axeonllarse para chegar tan abaixo e poder ver qué pequenas xoias hai gardadas naquela cela recóndita, como se de colmea doce e rica se tratara. Tiras dun e saen todos, queres recollelos e colocalos outra vez. Logo daste conta de que os volumes están numerados e sintes, por un momento, o peso da culpabilidade, do torpe que osou revolver aquela sagrada orde cosmonumérica.
Sen embargo, por moi torpe que un poida ser, merece a pena intentalo e probar dese vello mel centro-europeo. Unha das súas mellores novelas curtas relata a vida dun home para quen só existen os libros. O mundo redúcese ás mesas de mármore do seu café vienés. Lector incansable de memoria prodixiosa, devorador de catálogos, orientador bibliográfico... Jakob Mendel, o libreiro de Galitzia, é un home que non sabe nada de patrias, nin pasaportes —unha insensatez en tempos de interrogatorios, deportacións e campos de exterminio—. Buchmendel é unha peza maxistral, minúscula e inapreciable naquel recanto invisible da librería pero unha xoia que emociona a todos os que tamén amamos os libros.

"Solitario como un astrónomo que en su observatorio contempla cada noche, por la diminuta abertura de su telescopio, las miríadas de estrellas, sus misteriosas evoluciones, su cambiante confusión, cómo desaparecen y vuelven a encenderse, Jakob Mendel miraba a través de sus gafas y desde aquella mesa cuadrada ese otro universo de los libros, que asimismo gira eternamente y renace transformado, aquel mundo sobre nuestro mundo."

Stefan Zweig: Mendel, el de los libros.