Por razóns que non veñen ao caso reparei hai uns días en Moacyr Scliar, estrano nome para un autor brasileiro, mas certo e suxerente. E caeu nas miñas mans unha breve colección das súas crónicas xornalísticas publicadas na prensa brasileira nos anos 90 e reunidas baixo o título de A face oculta: inusitadas e reveladoras histórias da medicina.
Scliar, nacido en Porto Alegre en 1937 no seo da comunidade xudea, compaxina con mestría o seu labor como doutor e a súa faceta literaria, nomeadamente como contista. É membro da Academia Brasileira de Letras desde o ano 2003 ocupando a cadeira 31. Quen ocupa a cadeira anterior? Adiviñade: a nossa Nélida Piñón. Unha institución a Academia da que forman parte tamén ilustres como o cineasta Nelson Pereira dos Santos e o escritor Paulo Coelho.
As crónicas que arriba citei están cheas de curiosidades, episodios históricos e anécdotas que nos fan sorrir a cada paso. Nelas fala Scliar da hipocondría citando ao crego inglés do século XVII Robert Burton e o seu clásico, Anatomía da Melancolía (1621). Fala mesmo da letra ilexíbel dos médicos, dos filtros de amor da Idade Media, dos spas e das dietas, do sono, da psicanálise, da masturbación, da orixe da sífilis, da castración, do uso curativo das plantas, etc.
En resumo, unha amena suma de erudición e ironía na que non faltan acertadas reflexións e que merece a pena ler. E que inmensa sorte a nosa que podemos beber a grolos directamente desa fonte fértil chamada portugués do Brasil:
O ser humano ganhou muito quando, ao longo de sua evolução, adotou a posição bípede.. Ficou com as mãos livres, e pôde usá-las para a colheita de frutos, para a caça, e, depois, para o trabalho. A mandíbula diminuiu, o cérebro aumentou de tamanho e ele ficou mais inteligente. O Homo é sapiens porque fica de pé, ainda que a pretensa sabedoria (ver guerras, massacres, preconceito, exploração, etc.) possa muitas vezes ser questionada.
No hay comentarios:
Publicar un comentario