Os sábados eu son un deses fieis que non faltan á cita semanal no quiosco co suplemento cultural Babelia. Releo as súas páxinas todo o fin de semana, con calma, deixando que corra o tempo en días de ceo azul como o de hoxe. E gocei de forma especial este sábado lembrando a Arthur Rimbaud (1854-1891), unha das miñas paixóns literarias. A ampla reportaxe titulada La impaciencia de Rimbaud e firmada por Lola Martínez de Albornoz, comisaria da exposición Vida y hechos de Arthur Rimbaud, é un fascinante percorrido pola correspondencia do mítico poeta. Coincido coa autora en que estas cartas apenas teñen valor literario, a súa importancia ven unicamente do testemuño vital que aportan, axúdannos a imaxinar esa interminable liña que leva a Rimbaud de Charleville a Bruxelas, Londres, Stuttgart, Livorno, Sumatra, Chipre e Adén. Na miña biblioteca gardo con especial cariño as biografías de Enid Starkie e Graham Robb ademais do fermosísimo monográfico da revista Poesía publicado no ano 2002 con máis de 300 páxinas e abundantes fotografías.
Da reportaxe de hoxe gustoume particularmente este fragmento pois penso que resume moi ben o espírito de Rimbaud:
"Su vida se caracterizó por la búsqueda constante, a través de palabras, libros, idiomas o países, de lo desconocido, de la libertad. La buscó en la poesía, adelantándose a su época; una vez instalado en el cuerno de África, se dispuso a "traficar en lo desconocido"."
(Na imaxe superior Arthur Rimbaud en Harar, 1883. Debaixo a portada do monográfico da revista Poesía.)
No hay comentarios:
Publicar un comentario