25 jun 2009

A historia do meu bisavó (VIII)


Xa hai ben tempo que non escribo nada sobre o meu bisavó Pegerto Nóvoa. E non é que non haxa máis cousas que contar, non. Deixara a súa minibiografía nos anos da República, nos que foi propietario do Bar Restaurant Universal na rúa de Luis Espada (hoxe Cardenal Quiroga). Nesa época de tanta efervescencia política e social Pegerto amosou o seu compromiso coas ideas republicanas e laicas como se desprende dun artigo seu publicado en La Zarpa sobre a escola fundada en Vilarchao (Coles) polos emigrantes en Cuba, artigo que reproducín na última entrega.

Hai poucos días voltou Pegerto á miña memoria. Paseando coa miña dona por esa rúa tan rica en historias e anécdotas, advertín que xusto a carón do vello restaurante do meu bisavó estaban a derrubar unha estreita fachada, a que o separaba do que naqueles tempos debía de ser xa a casa do arquitecto Manuel Conde. Nese reducido lugar, Pegerto Nóvoa decidiu abrir unha tenda de ultramarinos no ano 1933. Era esta unha maneira moi acertada de reforzar o negocio hosteleiro que xa posuía. Ademais, o patio posterior do novo establecemento serviu para ampliar o comedor do restaurante. Durante este tempo, Pegerto foi vicepresidente da Sociedade de Comerciantes de Ultramarinos.

De igual xeito que fixera en 1930 coa inauguración do restaurante, meu bisavó publicou anuncios e gacetillas na prensa ourensá da época para a promoción da súa nova tenda:



GRAN TIENDA DE ULTRAMARINOS
"LA UNIVERSAL"
SITUADO AL LADO DEL ACREDITADO BAR Y RESTAURANT DEL MISMO NOMBRE
En esta tienda de ultramarinos puede hacer sus encargos en la seguridad de que saldrá bien servido.
Especialidad en fiambres y embutidos de todas clases. Licores de buenas marcas, quesos, frutas secas y en almíbar, cafés, chocolates de marca, aceites y todo lo relacionado con el ramo.
Pase sus encargos y se convencerá
LUIS ESPADA NÚMERO 6 --- ORENSE


La Zarpa. 8 de maio de 1934.



A finais de 1935 Pegerto traspasa todo o seu negocio: o restaurante a Francisco Labandeira e a tenda de ultramarinos a Amable Pérez Dorrego.
(Na imaxe, plano da fachada de peche que Pegerto Nóvoa incluiu na súa solicitude ao Concello de Ourense en 1932.)

2 comentarios:

José Paz dijo...

Caro David :
Eu mesmo estou gratamente surpreendido que o teu visavó fosse uma pessoa tam digna. Eu pouco o conhecim. E nom sabia destas facetas que comentas. Quem deveria que saber mais é tua mae Ana, pois era o seu avó paterno. Um abraço de teu pai e parabéns polos textos interessantes do teu blog. José Paz

CARLOS PAZ dijo...

Ola. Permíteme que te tutee. Son o autor do blog "Ourense 3D" e levo varios anos levantando modelos 3D dos edificios desaparecidos de Ourense e tamén dos edificios estéticamente ou históricamente relevantes que non se chegaron a construir por diversos motivos.

Consultei no Arquivo Municipal a existencia do proxecto que presentas dun edificio na rúa Luis Espada do ano 1932, neste interesante artigo do teu blog, non lles consta en absoluto.

É un edificio moi interesante visualmente que debería estar situado no número 6 da rúa luis espada, e do que non teño constancia de ningún tipo e está en plano inclinado co que se corresponde ca inclinación da rúa cardenal quiroga (antiga rúa Luis Espada)

Nas postais de época das que dispoño non son quen de atopar o edificio, non sei se se construíu, ou se foi derrubado ou reformado, a cousa é que non o dou ubicado físicamente.

Gustaríame poder ver o plano/s ou dispoñer dunha copia dixital do proxecto do edificio do teu avó coa finalidade de levantar o modelo 3D e inclusive facer unha fotocomposición en fotografia real para insertar o edificio na súa posición orixinal...

En fin, que moitas grazas e para contacto o meu email é < pazsieiro@gmail.com > e podes consultar os meus traballos infográficos no meu blog e en facebook "ourense3d" e "museo virtual daniel vazquez gulias".

Saludos.

Carlos Paz.