O 30 de agosto de 1937 o Boletín Oficial da zona franquista publicaba a orde pola que Ramón Otero Pedrayo era apartado da cátedra do Instituto de Ourense, posto que non recuperaría até finais de 1948. Don Ramón foi un máis dun infindo número de intelectuais que non encaixaban no réxime fascista que se estaba a impoñer por todo o país.
Na mesma plana daquel boletín número 314, publicado en Burgos, cuartel xeral das tropas de Franco, aparecen os nomes doutros represaliados que merece a pena lembrar. Foron, en certa medida, lonxanos compañeiros de penurias de Otero.
Rodolfo Jiménez Zuazo.- Foi inspector de educación primaria e presidente do Consello Provincial de Educación da Rioxa nos anos da República. Participou activamente nas Misións Pedagóxicas que tiveron lugar en Vadillos (A Rioxa) en xuño de 1934. Foi tamén figura destacada de Acción Republicana naquela provincia. Igual que Otero Pedrayo, Jiménez Zuazo recuperou logo o seu posto de traballo aínda que en 1954 foi de novo sancionado con traslado de destino e perda de 20 postos no Escalafón. Retirouse en 1961 como inspector en Zaragoza.
Blas Ramos Sobrino.- Naceu en 1891 en Tiedra (Valladolid). Foi Catedrático de Filosofía do Dereito da Universidade de Madrid e impartiu ensino en Sevilla, Granada, Valencia e Valladolid. Foi discípulo do xurista leonés Laureano Díez Canseco. Ramos Sobrino, de ideoloxía marxista, exiliouse en Francia e México. Morreu en 1955. O seu amigo poeta Jorge Guillén evocou a súa memoria nunha obra de 1967.
Emilio Gómez Orbaneja.- Foi o primeiro catedrático de Dereito Procesal en España impartindo ensinanzas na Universidade de Salamanca e en Valladolid. Aproveitou a oportunidade que lle ofrecían as JAE (Juntas de Ampliación de Estudios) para mellorar a súa formación no estranxeiro. Durante a República foi secretario do Tribunal de Garantías Constitucionais. Tamén gozaba da amizade de Jorge Guillén quen escribiu un eloxio á súa figura en 1977. Morreu en 1996.
Rafael Argüelles López.- Naceu en Sama de Langreo en 1895. Obteu a Cátedra de Patoloxía do Instituto de Cádiz en 1928 e logou conseguiu o traslado a Valladolid. No 36 un grupo de falanxistas trata de executalo por "rojo" pero sálvase. Logo alístase no exército de Franco chegando a ser capitán médico de varios hospitais militares. Logra evitar así maiores sancións aínda que na Universidade ten que soportar as reticencias dalgúns colegas por causa do seu pasado.
Ao contemplar esta nómina casual de castigados, aumentada pola lupa dunha investigación rápida e superficial, semella como se se poideran adiviñar as terribles consecuencias que a represión franquista trouxo en todos os terreos do coñecemento. Dá tristura ver como toda unha xeración de doutores e sabios tivo que afrontar en penosas condicións a humillación de verse inútiles para a sociedade á que, desde sempre, desexaron servir.
1 comentario:
Caro filho David :
Aínda nom sabes bem todo o que aquilo foi. E que nom voltem mais tempos e feitos como aqueles. Todos os fascismos som maus, tanto os nazismos como os estalinismos. Nom podemos aceitar aos que nom respeitam a vida. Na Galiza nom só foi Otero, foram os mestres de Ourense repressaliados e algúns claudiados. O mesmo Alberto Vilanova salvou-se de milagro. Repressaliado foi tambem Carvalho Calero. Velo salvou-se por estar na zona republicana. Teu avó Juan, que era grande republicano, para salvar a sua vida e a dos seus, contra a sua vontade, teve que ir à guerra no bando franquista. Pola sua parte Alexandre Bóveda, foi assassinado. Só ele é o paradigma de todos os repressaliados, por isso representa a Galiza Mártir e Castelao faze aquele desenho de "A derradeira lección do mestre" ou "Nom enterran cadávres, enterram semente".
Um carinhoso abraço de teu pai. Deves fazer sempre o bem, mesmo aos inimigos. Tagore defendia na teoria e na prática três maravilhosos princípios : a bondade, a verdade e a beleza. Temos que copiar de ele, se queremos ser bons docentes.
Um carinhoso abraço de teu pai.
Prof. José PAZ
Publicar un comentario