11 jun 2009

A liberdade


Resulta inaudito. Temos un presidente da Xunta que onte no Parlamento, sen ningún pudor, atreveuse a falar en nome da liberdade. E ficou tan cheo. Iso é como querer levar un traxe que non che é da túa talla. A palabra liberdade, tan malgastada e maltratada hoxe en día, debería estar protexida por lei contra os abusos dos demagogos que nos gobernan. A última demostración do concepto feijoano de liberdade é o correo electrónico enviado hoxe pola Consellería aos centros educativos galegos instando aos mestres a absterse de informar ás familias sobre a situación e a presenza necesaria do galego no sistema educativo. Voltamos ao tempo das circulares intimidatorias. Rara idea da liberdade de expresión.

Outra palabra perigosamente gastada pola irresponsabilidade é a de democracia, que consiste, ao parecer dalgúns expertos, en lexitimar todo o que un faga ou desfaga pola aritmética parlamentaria. Esquécese o presidente que neste país o 1 de marzo foron máis os galegos que votaron por mandalo á oposición dos que o votaron para xefe supremo. Isto tamén o dixeron as urnas pero mellor non movelo e non comentalo moito por aí.

Moitos mestres sentímonos desprezados, perseguidos e vixiados. Pero non nos van calar. Iso está fóra do seu alcance. O sistema educativo dun país non pertence so aos pais senón a toda a sociedade que é a que o mantén. A lingua galega, faltaría máis, ten un lugar lexítimo dentro dese sistema. Rara cousa ter que promover o galego en Galiza. Os mestres deberíamos ter algo que dicir neste estrano país onde a liberdade que emana do poder tanto se parece á censura de toda a vida.

1 comentario:

bouzafria dijo...

liberdade, imposición. Xoguemos coas palabras: repítamolas tantas veces como for necesario ata que os crédulos asintan: estanme impondo o galego, non teño liberdade de escoller.
Curiosamente non escoito por aí "estanme impondo o castelán", "non teño liberdade para usar o galego en Galicia".
Estou farto de escoitar as mesmas falacias polos mesmos cínicos indocumentados.
A Historia escríbena os vencedores, pero a batalla non rematou.